A obesidade infantil é un problema de saúde pública en todo o mundo e na comunidade médica está considerada como unha enfermidade crónica. Galicia xunto con Andalucía son as comunidades coas taxas de obesidade máis altas de todo o Estado (26,7%) segundo o Estudo Nutricional da Poboación Española (ENPE) de 2021. Recentemente a Academia Americana de Pediatría publicou unhas directrices para o tratamento desta doenza en nenos e adolescentes que instan ao uso de fármacos e á realización de cirurxías bariátricas. Este anuncio sorprendeu tanto aos profesionais da medicina como aos pais polas intervencións cirúrxicas a idades tan temperás. Ana Crujeiras, investigadora do grupo de nutrición do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) sinala que Galicia está moi lonxe da situación americana mais insiste en que a “prevalencia está crecendo”.
A Academia Americana de Pediatría sinala que estudos previos de intervención a nenos e nenas con obesidade foron “decepcionantes”, alegando que a educación física, o consumo de alimentos saudables e o apoio familiar non foron suficientes para tratar o peso corporal en escolas. En Estados Unidos (EEUU) hai máis de 14 millóns de nenos con obesidade. O colexio de médicos recomenda que aos nenos a partir de 12 anos con obesidade se lles ofreza tratamento con medicamentos que empreguen semaglutida, un fármaco que regula os niveis de insulina, e que promove, aseguran, unha perda de peso significativa ao suprimir o apetito. Para nenos de 13 anos ou máis con obesidade grave a Academia aposta por cirurxía bariátrica. A Universidade de Stanford explica os dous tipos de intervención cirúrxica: a gastrectomía, que consiste en extirpar dous terzos do estómago, ou o baipás gástrico —a máis empregada en EEUU—, que altera o proceso de dixestión, de maneira que cando un paciente inxire o alimento, este baixa directamente á parte inferior do intestino delgado, limitando a cantidade de calorías e nutrientes que se absorben no corpo.
A doutora Ana Crujeiras sinala que a cirurxía é unha “estratexia terapéutica” á que hai que recorrer en casos moi graves de obesidade. “Nas revisións pedriáticas hai que detectar o exceso de peso, se o Índice de masa corporal (IMC) é moi alto e a persoa pasa os filtros que se requiren pode recorrer a unha cirurxía. Temos que ter en conta que estamos a falar dunha enfermidade. Enfatizamos no feito de que hai falta de actividade física en nenos e nenas, pero non todos sofren obesidade por iso”, especifica.
O que hai que tratar individualmente é a base dun problema no que se suman os hábitos alimentarios, problemas hormonais, xenéticos… e tamén a forma de vehiculizar a ansiedade pola comida”
O índice de masa corporal (IMC) é unha medida de peso e altura, pero os expertos recoñecen que é imprecisa. Como recalca a Academia, hai atletas con índices de masa corporal altos mais en perfecta forma. Profesionais da alimentación consideran que é un erro tratar á obesidade como unha cuestión de peso. A nutricionista farmacéutica Maika López cre que o problema existe cando a porcentaxe de graxa visceral é alta. A graxa que rodea órganos como os pulmóns ou o corazón provoca a diminución da súa funcionalidade co paso do tempo. “Cando tratamos a obesidade como un problema de peso a urxencia concéntrase exclusivamente en diminuír ese peso como sexa: farmacoloxicamente ou cirurxicamente a calquera idade. Un erro de primeira elección”, explica López. “O que hai que tratar individualmente é a base dun problema no que se suman os hábitos alimentarios, problemas hormonais, xenéticos… e tamén a forma de abordar a ansiedade pola comida”.
Neste senso, sostén que o peso non é a patoloxía, senón as enfermidades que se derivan da obesidade. Actualmente nenos e nenas que padecen obesidade presentan enfermidades propias de adultos, como diabetes tipo 2 ou fígado graxo. Crujeiras sinala que moitos nenos teñen a saciedade desregulada e que para isto si que precisan fármacos. “Teñen predisposición a recorrer a alimentos preparados altos en graxas, bolería industrial, e se a iso se lle suma que non fan actividade física convértese nun problema. Temos que enfatizar na prevención, os nenos non poden chegar a tales cantidades de peso”, alega. A nutricionista Maika López cre que o uso de fármacos ou a cirurxía como tratamento de primeira elección “son unha barbaridade”. Para ela son un “parche” e cre que o correcto é a realización dun estudo multidisciplinar do paciente valorando as súas circunstancias de maneira individual, acompañado da familia, dun psicólogo e dun adestrador físico.
“Poñer a dieta a un neno pode deixar secuelas de por vida”
Ademais de todas as consecuencias físicas están as mentais e sociais. A baixa autoestima, a depresión e a ansiedade derivadas do estigma e da discriminación son factores que impiden unha vida tranquila ás persoas con obesidade. Maika López cre que “poñer a dieta a un neno pode deixar secuelas de por vida. Debemos negociar pouco a pouco con eles a súa alimentación, explicarlles as propiedades dos alimentos, o funcionamiento da industria alimentaria e a adicción provocada a nivel cerebral polo exceso de graxas e de azucres. É o mellor tratamento preventivo a corto, medio e longo prazo”. Son moitas as consecuencias de padecer obesidade, mais tamén son múltiples as causas, como os recursos e a economía das familias ou os problemas de estrés e saúde mental. Por iso, e trala pandemia, os expertos insisten cada vez máis na urxencia de defender de maneira integral a alimentación e a saúde na infancia para previr doenzas futuras.
Deixa unha resposta