A histórica lata de leite condensado de Clesa aparece na última película de Indiana Jones

Está na despensa do barco de Renaldo, amigo do protagonista, interpretado por Antonio Banderas

Escena da película onde sae o bote de leite condensado de Clesa.

Un dos produtos da empresa láctea Clesa, integrada na Cooperativa Rural Galega CLUN e con sede no municipio pontevedrés de Caldas de Reis, aparece na película Indiana Jones e o Dial do Destino, a última entrega da mítica saga protagonizada por Harrison Ford. Trátase da histórica lata de leite condesado Clesa. Os espectadores máis agudos xa se decataron da presenza deste produto galego no filme, que se estreou o 30 de xuño.

A lata aparece de forma fugaz nunha das escenas da película, ligada ao personaxe do actor malagueño Antonio Banderas, que interpreta a un vello amigo de Indy, Renaldo, un mariñeiro español capitán do seu propio barco. A escena transcorre a bordo do navío, nun momento no que Helena (interpretada por Phoebe Waller-Bridge) decide esculcar pola cociña do barco; abre un armario da despensa e, nese instante, pode verse claramente un bote metálico de leite condensado Clesa. Outro produto galego, a bolsa de patacas Bonilla, aparecía tamén no seu día na oscarizada película Parasitos.

Fundada no ano 1943, Clesa é unha das marcas lácteas con máis historia do noso país, xestionada na actualidade pola Agrupación de Cooperativas Lácteas ACOLACT. O mítico bote de leite condensado xa non existe, posto que a empresa foi actualizando e adaptado o seu catálogo de produtos ás novas tendencias de consumo, moi centrado en iogures, diversas sobremesas lácteas e leite.

A firma deixou de fabricar leite condensado, un produto moi ligado á infancia de varias xeracións de mediados do pasado século XX. Nesa época, a variedade de lácteos era moi limitada, e os produtos en conserva que non requirían refrixeración abundaban máis nos fogares. Moi enerxética polo seu alto contido en azucres, o leite condensado tamén se vía como un alimento máis nutritivo e mellor valorado que hoxe en día, cando as necesidades nutricionais son outras. Era, por tanto, un produto perfecto para ter na despensa dun barco a finais dos anos 60, posto que as tecnoloxías de conservación non estaban tan avanzadas.

A mención que a película fai a este produto demostra o poder tan icónico que alcanzan algunhas marcas, quedando na memoria colectiva como testemuña da historia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *