Comer noces de forma habitual podería beneficiar o desenvolvemento cognitivo dos adolescentes e contribuír á súa maduración psicolóxica. Estas son algunhas das conclusións ás que chegou un estudo liderado desde o Institut d’Investigació Sanitària Pere Virgili (IISPV), no que colaboraron ISGlobal e o Instituto Hospital do Mar de Investigacións Médicas (IMIM).
As noces son ricas no ácido graxo alfa-linolénico (ALA), un tipo de omega-3 que xoga un papel fundamental no desenvolvemento do cerebro, especialmente nesta etapa da vida.
En palabras de Jordi Julvez, investigador principal e coordinador do grupo NeuroÈpia do IISPV, “a adolescencia é un momento de grandes cambios biolóxicos: prodúcese unha transformación hormonal, que á súa vez é a responsable de estimular o crecemento sináptico do lóbulo frontal. Esta parte do noso cerebro é a que posibilita a maduración neuropsicolóxica, é dicir, das capacidades emocionais e cognitivas máis complexas. As neuronas ben alimentadas con este tipo de ácidos graxos poderán crecer e crear novas sinapses, que serán máis fortes”.
No traballo, que se publicou na revista eClinicalMedicine, participaron de forma voluntaria 700 estudantes da ESO de entre os 11 e 16 anos e de 12 institutos de Barcelona.
Estes dividíronse en dous grupos de forma aleatoria: un chamado control, no que non se levou a cabo ningún tipo de intervención, e outro, o experimental, ao que o equipo investigador do proxecto entregou bolsas con 30 gramos de noces peladas indicándolle aos mozos que participaban nel que podían consumilas diariamente nun período de 6 meses.
No estudo participaron de forma voluntaria 700 estudantes da ESO de entre os 11 e 16 anos de 12 institutos de Barcelona
O equipo de investigación observou que os adolescentes que ao longo deste tempo consumiran noces polo menos 100 días (non necesariamente seguidos) viron aumentada a súa capacidade de atención, e que aqueles que presentaban algúns síntomas do trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH) melloraron notablemente o seu comportamento (en clase prestaban máis atención ao profesor e eran menos hiperactivos).
Doutra banda, tamén se constatou un aumento das capacidades relacionadas co que se coñece como a intelixencia fluída que, en palabras de Jordi Julvez, “está menos influenciada pola aprendizaxe; é inherente ao estado biolóxico da persoa. Nós valorámola utilizando tests cada vez máis complicados, a través dos cales os adolescentes debían descubrir que patrón seguía unha fileira de letras, por exemplo”.
E engade: “En conxunto non se atoparon diferenzas significativas no grupo de intervención con relación ao grupo control, pero se se considera o factor adherencia, entón si que se observan resultados positivos, xa que os participantes que máis se axustaron ás pautas —en canto á dose recomendada de noces e ao número de días de consumo— si que mostraron melloras nas funcións neuropsicolóxicas avaliadas”.
A importancia dunha dieta saudable
Así pois, este estudo constata que para que os adolescentes se desenvolvan correctamente a nivel cognitivo e psicolóxico é tan importante seguir unha dieta saudable como manter estes hábitos no tempo e non abandonalos.
“Se os mozos fixesen caso a estas recomendacións e realmente comesen unhas cantas noces ao día, ou polo menos tres veces á semana, verían moitas melloras substanciais nas capacidades cognitivas, e axudaríalles a afrontar os retos que implica a etapa da adolescencia e a entrada na adultez. A adolescencia é un período de gran desenvolvemento cerebral e de comportamentos complexos que require unha cantidade importante de enerxía e nutrientes”, conclúe Ariadna Pinar, primeira autora do artigo.
Proximamente, este mesmo equipo de investigación levará a cabo un estudo (nesta ocasión será observacional e tamén contará co apoio da CWC) para determinar se o consumo de noces e de froitos secos en xeral durante o embarazo inflúe no desenvolvemento cognitivo e na maduración psicolóxica dos nenos e nenas.
Esta segunda investigación irá un paso máis aló xa que pretende demostrar que estes aspectos do crecemento poden ser potenciados xa desde o ventre da nai e desde a primeira etapa da infancia procurando seguir uns bos hábitos alimenticios.
Referencia: Effect of Walnut Consumption on Neuropsychological Development in Healthy Adolescents: A Multi-school Randomized Controlled Trial (Publicado en eclinicalmedicine)
Deixa unha resposta