A educación alimentaria, o cociñado e a manipulación axeitada dos alimentos, sobre todo no que atinxe a non romper a súa cadea de frío, antóllanse como medidas suficientes para evitar as posibles infeccións derivadas das bacterias multirresistentes presentes nos produtos cárnicos e noutros alimentos, salienta a investigadora do Laboratorio de Referencia de Escherichia coli (LREC) da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC Azucena Mora, quen vén de presentar no Congreso Europeo de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica que se está a celebrar en Copenhague un estudo desenvolvido polo seu grupo de investigación en 2020 no que se advirte da presenza de bacterias resistentes a antibióticos no 40% dos produtos cárnicos comercializados en supermecados en España.
A directora científica do Centro de Biomedicina e Veterinaria (Cebiovet) da USC, que, participa neste foro internacional xunto cos tamén investigadores do LREC Vanessa García Menéndez e Isidro García Meniño, contextualiza este feito no progresivo aumento das bacterias multiresistentes, que “están presentes en todas partes”, dixo, para, de seguido, engadir que a maioría dos casos, os niveis advertidos de presenza bacteriana atópanse dentro dos límites permitidos no ámbito da seguridade alimentaria.
As bacterias máis detectadas nas análises dun centenar de produtos cárnicos de polo, pavo, tenreira e porco escollidos ao chou corresponden ca cepas de Escherichia coli (E. coli) y de Klebsiella pneumoniae, bacterias que se antollan resistentes aos antibióticos e que poden chegar a causar infeccións graves no ser humano, relata Mora. Afastada do alarmismo, esta investigadora sinala que “unha axeitada manipulación dos alimentos e o seu correcto cociñado” bastan para evitar os riscos de infeccións provocados por bacterias que se atopan en todas partes, “nos alimentos, pero tamén nas mascotas”, precisou.
As chamadas superbacterias esixen unha loita prolongada no tempo, sinala Mora, quen recoñece que o traballo que se está a realizar desde as distintas administracións que velan pola seguridade alimentaria en Europa está a funcionar. De feito, engadiu esta investigadora do LREC da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, “os datos de computados neste estudo denotan unha diminución da presenza deste tipo de bacterias en alimentos respecto de informes e estudos anteriores”. Daquela, subliña Azucena Mora, antóllase obvio que o labor de vixiancia da seguridade alimentaria é necesario e está a dar os seus froitos, un resultados que incluso poderían ser máis optimistas de incluír a alimentación e seguridade alimentaria como materia nos centros educativos de ensino primario, dado o “gran poder de transformación da poboación infantil”.
Deixa unha resposta