Maruxa é nome de galleta. De nata, o apelido. Desta combinación artesá a base de produtos ecolóxicos seguindo os pasos dunha receita ancestral, pero cunha aposta polo deseño e frescura na promoció, foi callando a receita do éxito que está detrás das Maruxas de nata, ou ‘Maruxas’ a secas. Unha homenaxe á muller galega, a tantas e tantas que aproveitaban a tona de ferver o leite para facer doces nas casas nas que faltaba de todo e non se podía tirar nada.
“Se algo caracteriza ás nosas galletas”, explican, “é o seu inigualable sabor, que nos devolve á infancia e que conseguimos dunha elaboración totalmente artesanal”. Esta evocación á infancia, cal petisco da madalena de Proust, faise a base de fariña de trigo ecolóxica moída na pedra, a crema do leite de pastoreo que misturan con azucre de cana brasileiro “e todo o agarimo que poñemos en cada unha das fornadas”. ¿Cal é o segredo desta pequena delicia artesá? Pois que se fan unha a unha, a man, día a día e nun proxecto netamente feminino.
¿Cal é o segredo desta pequena delicia artesá? Pois que se fan unha por unha, a man, e día a día, nun proxecto netamente feminino e con ingredientes ecolóxicos
A placa base das Maruxas está nos fornos dunha granxa de Santa Mariña do Monte, en San Sadurniño (A Coruña), e vai tripulada por un grupo de mulleres en femenino plural que comanda Sandra Suárez.
“Cada día poñemos toda a nosa ilusión e empeño ao servizo do noso produto, buscando sobre todo a calidade e a excelencia, en cada unha das fornadas que preparamos con nosas propias mans unha por unha facendo de cada Maruxa, unha pequena xoia comestible”, explica a xerente da empresa. Faise todo a man, agás o amasado. Non hai dúas galletas iguais porque non se empregan moldes nunha produción que chega até os 200 quilos no Nadal e que emprega de seis a 20 persoas en función dos picos da demanda.
Esta receita tradicional e coidadosa coas materias primas, libre de conservantes e aditivos, valeulles a certificación do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). Ollo que non é o único distintivo que atesouran porque xa teñen no seu haber varios premios gastronómicos, dentro e fóra das nosas fronteiras, que recoñecen o seu sabor e calidade, pero tamén o proceso de elaboración manual e a recuperación dunha vella receita. Contan, entre outros, co premio Alimentos de España 2011, Superior Taste Award 2013, Premio Excelencia á Innovación para mulleres rurais 2011 e Zoco de Ouro, Recuperación de Sabores no 2012.
O deseño aposta pola cultura galega e polo respeto a tradición e a sostenibilidade
A segunda pata do éxito ascendente das Maruxas hai que buscalo no deseño do envasado e na promoción, con distintos formatos que van desde a bolsiña até a caixa pasando por latas coleccionables con deseños exclusivos e cores rechamantes que apostan pola cultura galega procurando unha filosofía compartida de respecto á tradición e a sostenibilidade.
Asi aconteceu antes da pandemia, en 2019, coas Maruleandras, cun deseño do recoñecido debuxante Leandro Lamas. A última invención exitosa foi facer das Maruxas o doce típico do barrio ferrolá de Canido na festa das Meninas, unha explosión de arte urbano que tinguiu de cores paredes e fachadas dándolle vida e aire a cidade naval como itinerario cultural e artístico do mapa europeo. Foi, precisamente, neste mes de setembro cando Maruxas sacou a venda unha edición limitada da lata das Meninas, con deseño de Blanca Vila que foron devoradas en cuestión de días.
Outra chiscadela deste 2021 foi ao Ano Santo, cunha lata circular para acomodar aos apóstolos do Pórtico da Gloria vistos co ollar singular da ilustradora ferrolana Elga Fernández Lamas. As Maruxas convidaban a camiñar e xantar nos Camiños a Compostela como galleta e patrocinadora do Xacobeo 21/22.
Alén da súa galeguidade gastronómica, as Maruxas están a venda en preto de 250 establecementos gourmet da península, Baleares e Canarias. Non hai tanto, saltaron a Francia e Alemania da man dunha española en Bremen. Quen proba unha Maruxa, xa non esquece o nome da galleta.
Deixa unha resposta