As especias foron consideradas o ouro da Idade Media. Os seus usos ían máis aló do gastronómico e empregábanse tamén en medicina ou cosmética, chegando a constituir unha sinal de estatus social. Na cociña, empréganse dende tempos inmemoriais para dar sabor e cor aos pratos, aromatizar e conservar alimentos, e incluso se lle atribúen beneficios para a saúde.
Cúrcuma, ourego, pementa… Nos envases de cada especia aparece cada condimento como ingrediente único. Pero, é posible que iso non sexa sempre certo? Segundo un informe da Comisión Europea, de 1885 mostras de especias analizadas á venta en Europa, o 17% foron consideradas sospeitosas de estar adulteradas. Tratase da maior investigación realizada ata a data sobre a comercialización de herbas aromáticas e especias nos 21 países da UE máis Noruega e Suiza.
Ourego, a especia máis afectada
O 48% das mostras de ourego estaban adulteradas, principalmente con follas de olivo, aínda que tamén se atoparon trazos de Origanum majorana, unha planta arbustiva que non debe estar presente xunto co ourego seco segundo a normativa ISO. Detectouse tamén mirto, baixos niveis de tomiño, salvia e menta na maioría das mostras, así como un recheo que contiña almidón.
No caso da pementa, o 17% das mostras foron sospeitosas de estar adulteradas con material vexetal non declarado. De maior a menor presenza, destacan os recheos con almidón —arroz, trigo sarraceno e outros cereais—, sementes de mostaza, pimentón, allo, comiño, fiúncho e cilantro. A maiores, 14 mostras non cumprían co contido mínimo de piperina —4% m/m— e seis mostras superaban o contido máximo de cinzas totais fixado polas especificacións ISO.
A terceira especia máis adulterada foi o comiño, cun 14% de mostras sospeitosas. Predomina a presenza da carvea, seguida polo cilantro, mostaza branca e sementes de liño e cabaza por riba do nivel máximo de sustancias extrañas. A seguinte especia máis afectada polas adulteracións foi a cúrcuma, cun 11% de mostras sospeitosas, seguida do azafrán con outro 11% e do pimentón, cun 6%.
Riscos para a saúde
Algunhas das prácticas fraudulentas na alteración da composición das especias e na etiquetaxe imprecisa, pode supoñer riscos para a saúde pública. Dunha banda, conleva un perigo para aquelas persoas alérxicas ou sensibles a algún dos compoñentes non declarados. Doutra, hai que ter en conta que no 2% das mostras analizadas había presenza de colorantes non autorizados pola lexislación europea.
Unha das mostras contiña un alto nivel de cromato de plomo, un composto químico catalogado como carcinomatoso en humanos. A maiores, en 45 mostras de ourego, catro de pementa e dúas de comiño, detectáronse compostos de cobre por riba do límite máximo de residuos. Estes resultados requiren dunha maior investigación para poder evitar etiquetados erróneos ou imprecisos na comercialización de especias, sinala a Comisión.
Especias e fraude
As cadeas de suministro no sector das especias son longas e complexas, pasando por moitos países. A miúdo, cultívanse fóra da Unión Europea, polo que a gran cantidade de intermediarios que hai no proceso ofrece a posibilidade de que se produzan prácticas fraudulentas. Sumado a isto, é case imposible para o consumidor final identificar visualmente as características das plantas cando están moídas ou trituradas.
Estes elementos xeran unha alta posibilidade de que se produzan malas prácticas en prol do beneficio económico, aínda constituíndo un risco sanitario. O informe realizado pola Comisión Europea busca aportar máis coñecementos sobre posibles incumplimentos na comercialización de especias dentro do Espazo Económico Europeo. Para iso, hai que mellorar as actividades de control e reforzar as medidas preventivas que combaten o fraude alimentario.
O estudo
A Comisión Europea analizou 1885 mostras de seis especias diferentes: comiño, cúrcuma, ourego, pementa, azafrán e pimentón/chile, provenientes de 21 estados membros da Unión Europea, así como de Noruega e Suíza. As mostras foron sacadas de: mercados locais, productores nacionais, Internet, importadores a gran escala, minoristas, da fronteira e de transformadores/envasadores, aínda que a cantidade de probas non é suficiente como para establecer unha relación entre a vía de adquisición e a maior ou menor posibilidade de obter un produto adulterado. De España, analizáronse un total de 143 mostras.
Deixa unha resposta