Un viño branco de orixe ferrolá, seleccionado entre os mellores do mundo

Cultivado na parroquia de Esmelle, o branco lexítimo Astillero 2020 recoñecido pola publicación The Wine Advocate é o primeiro viño de calidade de Ferrol

Marcial Pita e Felicisimo Pereira no viñedo de Esmelle. Foto: Bodega El Paraguas

Con pouco máis de dez anos de vida, Bodegas El Paraguas vén de recibir unha das noticias máis importantes da súa breve pero exitosa traxectoria. E todo, grazas ao pequeno viñedo que traballan na parroquia ferrolá de Esmelle. O seu viño Astillero 2020, elaborado cos acios da variedade de uva branco lexítimo, recibiu unha puntuación de 93 dos coñecidos como puntos Parker asignados por The Wine Advocate. Unha publicación estadounidense vencellada á Guía Michelin e que, coma esta, pode considerarse a editorial máis influente e prestixiosa do mundo do viño internacional.

Tal e como se evidencia no último número publicado —o 259, que saíu o pasado día 28 de febreiro—, non hai outro viño participado pola variedade branco lexítimo cunha valoración superior. Así, e conforme á puntuación recibida, Astillero 2020 convértese no mellor viño do mundo elaborado con esta histórica cepa. Un fito que sitúa ao viño de Esmelle, na súa primeira colleita comercial, como o mellor de todos os que habitan en Galicia, Asturias e León elaborados coa variedade de uva branco lexítimo.

E malia ser, curiosamente, a máis baixa de todas as recibidas onte por Bodegas El Paraguas, a puntuación de Astillero 2020 súmase ao resto de excelentes valoracións que alcanzan os viños que tamén elabora esta adega no Val do Avia do Ribeiro. Desde os 94+ da La Sombrilla 2018, pasando polos 94 puntos de Fai un Sol de Carallo 2017 ata os 93+ do coñecido El Paraguas Atlántico 2019. Unha regularidade na calidade reservada a un puñado de adegas en España.

Zona sen tradición

Marcial Pita, natural de Esmelle, e o seu socio, o enólogo Felicísimo Pereira, estableceron no municipio de Ferrol un proxecto de I + D + i para valorar o potencial da variedade de uva branco lexítimo nos chans graníticos da parroquia. Unha zona sen tradición vitivinícola, apartada xunto ao atlántico máis brutal, e na que a vide pelexa contra as choivas, os ventos salinos e outras inclemencias meteorolóxicas.

Porén, o inevitable cambio climático que baña a zona ofrece parámetros meteorolóxicos con mellores condicións para o cultivo da vide en Ferrolterra que fai trinta anos. Un réxime de choivas cada vez menor e o curto ciclo vexetativo da variedade escollida permiten a Bodegas El Paraguas vendimiar os acios do seu viñedo de branco lexítimo con plena madurez fenólica e glucométrica a finais de setembro.

Un cultivo experimental

Para este xardín vitivinícola experimental, a adega seleccionou diversos clons de branco lexítimo de diferentes procedencias en Galicia e Asturias. Desde Negueira de Muñiz (coñecida como branca do país), pasando por Barbanza (onde responde o nome de raposa) e Cangas de Narcea (chamada albarín) até as zonas de Chantada e Betanzos. Cinco procedencias e dous portaenxertos diferentes, que presentan importantes variacións á hora de desenvolverse cada planta de vide adaptada aos chans de Esmelle.

Como resultado, Astillero 2020 é o primeiro viño de calidade de Ferrol, así como o viño máis setentrional de Galicia que se coñeza, cun viñedo plantado só medio grao por baixo do Médoc. En menos de 24 horas, o produto xa está esgotado na adega ferrolá, e foron varios os clientes solicitaron cota da anada 2021, que aínda continúa elaborándose.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *