“O cambio climático modificará o sabor do viño”, “O viño emigra empurrado polo cambio climático” ou “A industria do viño vai colapsar”. Son algúns titulares recentes sobre o que se considera que xa sucede, e irá en aumento, con respecto aos nosos viñedos. Sen embargo, a visión do grupo de viticultura da Misión Biolóxica de Galicia é diferente. A opinión de Carmen Martínez, investigadora e membro do CSIC, é que non hai ningunha modificación no mundo do viño que teña que ver co cambio climático e da que se teña constancia.
De feito, a pesar de que outros investigadores así o aseguran, segundo a xefa do grupo de viticultura da MBG, o cambio climático non desprazou ningunha variedade en Europa “nin por suposto aquí en Galicia. Outra cousa é o que poidan dicir as predicións que se fagan, pero iso non sucedeu aínda. As variedades de cada zona europea seguen sendo as mesmas. Non hai ningunha evidencia na viticultura dunha modificación, cos datos que posuímos, acerca das variedades e a climatoloxía. Temos datos históricos desde 1934, xa que a nosa estación agroclimática é das máis antigas da península ibérica”.
Sen embargo Benjamin Cook, investigador da Univesidade de Columbia, asegura que “o viño é o canario na mina no relativo ao impacto que o cambio climático pode ter na agricultura, xa que as uvas son moi sensibles”. Un estudo publicado hai un mes na revista Proceedings of the National Academy of Sciences (PNAS) advirte que un aumento de 4º C nas temperaturas significaría que o 85% das terras aptas para o cultivo de uvas para viño deixaría de selo.
No caso de que o quecemento global quedase en 2º C -o obxectivo menos ambicioso contemplado no Acordo de París- as rexións vitícolas perderían o 56% de superficie cultivable. “A clave está en que aínda é posible adaptar a viticultura a un mundo máis cálido”, advirte Cook, un dos autores do estudo. “Só fai falta tomarse en serio o problema do cambio climático”.
A estación agromática do MBG é das máis antigas da península ibérica e non hai evidencias de cambios cos datos que posúen
Para chegar a estas conclusións, os investigadores, dirixidos por Ignacio Morales-Castilla, da Universidade de Alcalá, e Elizabeth Wolkovich, da Universidade de Columbia Británica en Vancouver, centráronse na análise de 11 das principais cepas cultivadas hoxe no mundo. Os resultados perfilan unha posible estratexia de adaptación: a reorganización de variedades e rexións, que podería reducir en gran medida a perda de terra cultivable. “As rexións que hoxe son máis frías pasarían a ser adecuadas para o cultivo de variedades mellor adaptadas á calor, mentres que os cultivos de climas máis fríos, como é o pinot noir, poderían expandirse cara a outras latitudes”, explica Morales-Castilla. No escenario dun aumento de 2º C para as próximas décadas, esta reorganización podería reducir ata a metade a perda de superficie. Pero, se o quecemento alcanzase os 4º C, só se podería salvar unha terceira parte.
Moitos estudos falan do que podería pasar… Pero iso xa sucedeu? A resposta segundo a experta galega Carmen Martínez é que non. “A pluviometría non diminuíu. Non observamos ningún cambio. Hai fases de maior seca, pero non para que se vexa unha variación significativa”. Segundo esta teoría non poderiamos explicar o que afirma o investigador Ignacio Morales: “xa hai adegueiros do Penedés que trasladaron a súa produción ao Pirineo, ou produtores franceses que emigraron ao sur de Inglaterra”.
O traslado de cultivos que se está producindo pode tamén ter que ver con evitar que a variedade teña unha gradación alcólica alta
Carmen Martínez contesta a isto e asegura que o traslado de cultivos responde tamén a moitos intereses. Os viños moi alcólicos non se venden tan ben nos mercados. Para que unha variedade non madure tanto e non teña unha concentración tan grande de alcol hai que levala a sitios máis frescos. “Trátase de que queren producir viños con outras características, pero non porque se vexan obrigados polos datos climáticos. Os datos de gradación deses viños hai 100 anos eran os mesmos que agora en lugares de moitas horas de sol, como Castela A Mancha ou zonas do sur do Cataluña”.
Hai pouco coñecimos tamén a inicitiva da adega galega El Paraguas, co seu viño Astillero, na comarca de Ferrol. Marcial Pita, propietario desta adega, asegura que recollendo estudos de estacións metereolóxicas da zona desde 1971, observan que cada vez hai máis vento sur, o cal é bo para a vide, pero tamén favorece o oidio, o mildiu, ou a botritis… Notaron, en cambio, que os ventos nordestes que eran predominantes na zona de Ferrol, e que levaban o tempo máis seco, “danse cada vez menos co cambio climático”.
As enfermidades das vides seguen sendo as mesmas, porque non se produciron variacións climáticas importantes
Sen embargo, Carmen Martínez matiza estes achados. Ao seu entender, segue sendo moi difícil que eses viños no norte de Galicia maduren. A experta e membro do CSIC asegura que hai referencias de viñedos moi antigos do norte da península ibérica. Conta que están a ver que se seguen cultivando as mesmas variedades, pero que é verdade que se modificaron moito os manexos das vides. Apareceron ao longo do século XX podas diferentes, xa que se pasou da poda en vaso á poda en espaldera, cando aconteceu a filosera. Tamén temos diferentes sistemas de condución. “Xa se daban viñedos na zona máis ao norte da comunidade, pero non maduraron ben históricamente. Os sistemas de condución modernos poden variar a maduración da uva. Se en lugar de deixar que unha cepa poida producir dez quilos de uva, cortamos os acios cedo, cando comeza o callado, e deixamos só a metade dos acios, obteremos uva con máis gradación alcólica e máis azucre, pero iso son manipulacións nosas que non teñen que ver coas variacións climáticas. Esas variacións poden adiantar ou atrasar a maduración da uva”.
No tema de enfermidades das vides, o mildiu ou o oidio, chegaron de América a principios do século XX. Ano tras ano segue habendo unha forte incidencia destas enfermidades nas nosas vides, que precisan dunhas condicións climáticas moi determinadas. “Galicia, onde temos unha elevada humidade, é o paraíso deste fungo, e segue séndoo. Para que creza o fungo, o intervalo de temperatura ten que ser moi concreto. Se a temperatura subise, reduciríase, e se baixase tamén, e sen embargo mántense cada ano. Así que, polo momento, de cambio climático nas vides, nada de nada”, conclúe a xefa de do departamento de viticultura da Misión Biolóxica de Galicia.
Deixa unha resposta