Unha das adegas máis importantes de Galicia, en canto a súa aposta pola calidade, é El Paraguas. Din os seus donos que, se chovera viño, non se chamarían así. Agora mesmo venden en sete dos once restaurantes con tres estrelas Michelín que hai en España. Comezaron a realizar as primeiras experimentacións cun viñedo moi pequeno situado na parroquia ferrolá de Esmelle hai sete anos. Agora mesmo xa van pola quinta anada do ciclo vexetativo destas vides. Nun cuarto de hectárea estase a producir o viño que se sitúa máis ao norte da península ibérica. Astillero é o nome comercial deste viño que se atopa máis ao norte que Pachín, de Negueira de Muñiz, que ata o de agora era o que tiña esta honra, ou as zonas de Cangas de Narcea, e moito máis tamén que os de Otazu en Navarra.
Aquí teñen localizadas cinco ramas diferentes da variedade de branco lexítimo, que está documentada como a variedade de uva máis antiga da nosa comunidade, máis que o albariño, o godello ou a treixadura. Colleron branco lexítimo da área de Guísamo e de Chantada, un pouco de raposa do Barbanza, e de Negueira de Muñiz branca do país, e hai dous anos completaron o viñedo cun pouco de albarín -como se lle coñece en Asturias e en León- que é da zona de Cangas de Narcea. Tras catro vendimas consecutivas elaborando o viño, co apoio do CFEA de Guísamo, e co apoio da Xunta de Galicia, nos dous últimos anos xa conseguiron un grao alcólico bastante alto para o que agardaban, e nesta temporada pasaron dos 12 graos, cunha anada moi atlántica. A pesar diso “collimos facendo unha boa selección. Agora o problema que temos é coa avespa velutina. Comeuse o 40% das uvas do viñedo, e como non ten competencia, supón un problema moi gordo”, comenta Marcial Pita, que é copropietario desta adega xunto a Felicísimo Pereira, que é quen asume a dirección ténica.
Este ano incluso contaron cunha colaboración especial, a de Julia Konstanzer. Trátase dunha enóloga austríaca licenciada pola Universidade de Viena. A súa familia ten viñedos en Burgenland (Austria), que é unha zona bastante setentrional, cun clima semellante ao do norte de Galicia. Nesta colleita 2019, baixo a batuta de Konstanzer, adegas El Paraguas apostou por unha selección de uvas gran a gran, despalillando durante oito horas en quendas de catro persoas cada acio dos 230 quilos de uva colleitados na parroquia ferrolá. Previamente, os froitos de branco lexítimo pasaron por cámara de frío durante 40 horas antes de iniciar o meticuloso proceso de selección dun viño que está fermentando coas súas peles. Están a facer un viño con peles do que van saír este ano só 180 botellas. De momento van repartir o viño no seu club de socios, máis algunhas botellas que irán a catas profesionais, o viño non vai saír de España.”Creo que o que nos saíu este ano xa é un gran viño. Ten a base para ser moi bo, e se tes en conta que está feito en Ferrol, xa incrible”, comenta Marcial Pita.
A gran dificultade que están a ter con este viñedo é o salitre, “para o bo e para o malo”. Para o terreo deste viñedo, ademais da exposición solar da mañá sureste que che garante o maior número de horas de sol posibles, necesitas que estea protexido de ventos desde o oeste ata o noreste, porque iso pode botar por terra toda a produción. Recollendo estudos de estacións metereolóxicas da zona desde 1971, observan que cada vez hai máis vento sur, o cal é bo para a vide, pero tamén favorece o oidio, o mildiu, a botritis… Notaron, en cambio, que os ventos nordestes que eran predominantes na zona de Ferrol, e que levaban o tempo máis seco, “danse cada vez menos co cambio climático”, argumenta o propietario de Astillero.
Bodegas El Paraguas está en conversas co Concello de Ferrol para que lles dean un rexistro embotellador e non ter que embotellar este viño en O Ribeiro, e tamén para facer a adega nas instalacións que teñen na parroquia ferrolá de Cobas. Estaría situada preto da praia. Non pretenden tocar moito o edificio actual, pero si ter un lugar enolóxicamente vendible. De conseguir estas dúas cousas, poderían empezar na próxima colleita xa a súa comercialización. De cara ao futuro consideran a posibilidade de recuperar esta zona vinícola que se perdeu pola praga da filoxera a finais do século XIX.
Os seus viños xa son de coleccionista, como sucede co seu Fai un sol de carallo, La Sombrilla, o El Paraguas atlántico
Os seus viños xa son de coleccionista normalmente, porque do seu Fai un sol de carallo, só fan 800 botellas. Neste caso esperan que con Astillero, cando acompañe a anada, poidan facer algunhas máis. “Agora mesmo estamos investigando. Cando vexamos que podemos facer un gran viño que estea a altura dos que temos en O Ribeiro, será cando saiamos á venda”, afirma Marcial Pita, que incide en que agora mesmo non poden nin pasar dous días sen andar polo viñedo. “A filosofía é a mesma da nosa adega en todas partes, pero as dificultades de sacar uva madura e nunha calidade noble aquí, non é o mesmo. A xente que nesta zona plantaba eucalipto, pode seguir este exemplo, e plantar algo propio”, conclúe.
Deixa unha resposta