164 anos do Banquete de Conxo, o xantar que uniu a estudantes e obreiros

O 2 de marzo de 1856 celebouse a histórica comida de confraternidade de marcado contido reivindicativo

Hai dous anos que se celebra unha festa rememorando este Banquete de Conxo. / Foto: Manuel A. Pereira

O 2 de marzo de 1856, hai 164 anos, celebrouse un xantar de confraternidade entre estudantes e obreiros realizado no vello concello de Conxo anexo a Compostela e que se coñece co nome do Banquete Democrático de Conxo. Este foi un feito histórico na Galicia e no Santiago decimonónico daquel marzo da metade do século XIX. En Santiago deuse a circunstancia de que había un grupo de mozas e mozos con ideas progresistas que quixeron sentar nunha mesa e disfrazar un mitín político de gastronomía.

Chamouse banquete poque non se podía realizar un mitín como tal. Eles querían difundir os ideais da Revolución Francesa: igualdade, liberdade e fraternidade. Aurelio Aguirre foi o seu principal impulsor. Aguirre foi o poeta máis famoso do século XIX en Santiago, un romántico que morreu moi novo con só 25 anos, dous anos despois do banquete de Conxo, afogado na praia de San Amaro na Coruña. Era moi amigo de Rosalía Castro e de Eduardo Pondal ou Manuel Murguía. Este era un grupo que se reunía no que se chamaba o ‘Liceo da Mocidade’, e que era unha xeración que quería cambiar as cousas e os ideais do Antigo Réxime.

Henrique Alvarellos, escritor e editor, vive no barrio de Conxo desde 2004. Desde a súa chegada sempre tivo curiosidade por identificar onde se celebrara o histórico banquete de Conxo. Tras facer un percorrido cun botánico pola carballeira que se atopa preto do río Sar, comprobaron onde estaba o bosque onde se celebrou o banquete. Despois dunha xeira de artigos denunciando no 2013 o abandono desta carballeira conseguiu a reapertura do bosque ata tal punto que desde hai dous anos incluso xa se estableceu unha festa que rememora o banquete de Conxo, e que o próximo mes de Maio contará cunha terceira edición.

Henrique Alvarellos co seu libro sobre o Banquete de Conxo no propio lugar onde se celebrou

Henrique Alvarellos co seu libro sobre o Banquete de Conxo no propio lugar onde se celebrou

Nunca se dera un libro monográfico rememorando este fito histórico. Durante tres ou catro anos Alvarellos documentouse recuperando as fontes da crónica do lugar e buscou apoios editoriais: un para facer a descripción da historia do bosque, outro experto na historia social e política do século XIX, e a un historiador da arte xa que o bosque está á beira dun mosteiro. Ademais coa colaboración do Consorcio de Santiago, que tamén se involucrou na recuperación, publicou ‘Os últimos carballos do Banquete de Conxo’ que hai pouco tivo unha segunda edición actualizada.

“Eles que eran estudantes da clase alta quixeron sentar nunha mesa con obreiros e campesiños, con xente do lugar de Conxo. Serviron eles mesmos a mesa como un símbolo de fratenidade e de igualdade entre clases sociais. No final da comida houbo tres brindes que veñen recollidos no noso libro”, comenta Alvarellos sobre este banquete. Os brindes foron de Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal e Luis Rodríguez Seoane. O acto foi todo en castelán. “Non houbo un galeguismo explícito, nin unha reivindicación identitaria nese banquete pero os que promoveron axiña reivindicaron o carácter nacional de Galicia, só un ou dous anos despois”.

O que había era unha petición de igualdade e pan na mesa despois de duros anos de fame onde a xente morría polas rúas na cidade de Santiago tras a crise económica de 1852-1855. O brinde que pronunciou Aurelio Aguirre falaba de que “Xesús era o fillo do pobo, xa que era fillo de carpinteiro. Esas palabras case lle costan o exilio as illas Marianas en América, que daquela eran do Imperio español. Estaba negando a divindade de Xesús, algo gravísimo entón”, apunta Alvarellos.

Mural do Banquete de Conxo

Mural do Banquete de Conxo no propio bosque

Unha crónica de Manuel Murguía é a que conta como transcorreu este banquete. Asegura que o anuncio do banquete causou arrepío entre os sectores máis poderosos de Compostela, que axiña trazaron un paralelismo cos pasos previos á revolución de 1848 en Francia. As medidas de seguridade foron esaxeradas. A carballeira de Conxo foi arrodeada por soldados mentres durou o xantar. Destes carballos quedan 30 ou 40 en pé dunha carballeira que chegou a ser de mil carballos, ao carón do actual hospital psquiátrico de Conxo, e do Convento do Sar.

Semanas despois do banquete houbo unha forte represión que fixo que todos os organizadores tiveran que marchar de Santiago. Aurelio Aguirre foise para Vigo, Pondal para a súa terra natal, e Rosalía de Castro, da que non é seguro que estivese no banquete, marchou tamén para Madrid. Todos tiveron que pedir perdón para que non caera sobre eles o peso da lei. “E iso que estábamos no que se coñeceu como o bienio democrático xa que estaban gobernando os moderados. Se non chegan a estar eles nin se podería celebrar o banquete. De feito existe unha teoría de que o acto foi organizado polo partido Demócrata, disfrazado dunha reunión gastronómica”, asegura Henrique Alvarellos.

De Rosalía de Castro non hai constancia de que estivese no acto, aínda que si de que pertencía a este grupo. A escritora naceu no que era o vello concello de Conxo e este bosque sempre foi para ela un espazo emocional moi importante. Tanto que a súa última novela estaba ambientada no bosque de Conxo, e tamén no libro ‘En las Orillas del Sar’ denuncia a tala de árbores do bosque.

Recuperouse na festa conmemorativa do banquete a carne de cabra como prato típico de Conxo

Na actualidade o espazo onde se celebrou o banquete foi recuperado despois de moitos anos de peche cunha senlla preto do río dun quilómetro de percorrido. Agora hai unha serie de paneis que explican o sucedido e a historia deste lugar. Conserva a atmosfera de bosque porque estivo pechado desde a apertura do sanatorio psiquiátrico de Conxo en 1885. Desde ese ano ata o 2018, que se abriu de novo ao público, só pasaron os internos do centro psiquiátrico e os seus familiares. Por iso hoxe está tan ben conservado.

Os banquetes eran algo que se facía xa na Revolución Francesa. Non hai unha documentación do que comeron, non se sabe como se desenvolveu a parte gastronómica. Na actualidade o que se fai é celebralo con carne de cabra xa que era un xantar habitual do concello de Conxo, e de aí que hoxe a festa deste banquete recupere este alimento que estaba na dieta de entón. Ademais cada quen leva tamén o que quere xantar nunha festa que na pasada edición contou con ata cinco mil asistentes.

Este ano vaise celebrar de novo no mes de Maio a terceira edición da festa do Banquete de Conxo. O troco de data con respecto o día de celebración do banquete orixinal é na busca dunha climatoloxía máis benigna. Manuel Murguía nalgunha das súas cartas recolleu que os aires do río lles acompañaban daquela pero “xa vemos o que está a chover hoxe en Santiago polo que así non tería sido o mesmo”, conclúe Henrique Alvarellos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *