Un novo estudo revela que o consumo habitual de zumes pode aumentar o peso corporal. A pesar de ser 100% naturais, pola forma na que se consome a froita da que están feitos, estas bebidas poden ser non tan saudables como se adoita pensar. O artigo Consumo de zume de froita 100% e peso corporal en nenos e adultos, publicado na revista JAMA Medical News, trata de dar unha resposta á relación entre o consumo de zume e o aumento de peso corporal. Que o consumo frecuente desta bebida —aínda que sexa exprimido na casa e 100% natural— poida favorecer o aumento de peso pode xerar algunhas dúbidas: por que non é o mesmo beber zume que comer froita se o primeiro procede desta última? O catedrático de química e física da Universidade da Coruña (UDC) Moisés Canle explica que hai moitos factores a ter en conta e afirma: “É algo que se sospeitaba e, agora, contamos coas medidas de laboratorio que o confirman”.
A resposta a esta pregunta atópase na cantidade e na forma na que se consomen os azucres, por exemplo, dunha laranxa. Os azucres atópanse dentro dos filamentos da peza de froita que, cando se consome enteira, libéranse lentamente permitindo facer unha dixestión pausada. Pola contra cando se bebe un zume, estas substancias absórvense dunha forma moito máis rápida, incrementando o azucre en sangue e facendo que o páncreas segregue insulina de forma anómala. É por isto que se producen picos de insulina. “Por unha resposta deste órgano ao mogollón de azucre que recibe”, explica Canle. Este órgano está obrigado a producir o encima que de conta desa inxestión, o que fai que se acumule maior cantidade de graxa.
Menos fibra que na froita
Por outra banda no zume hai moita menos cantidade de fibra que na peza de froita. Isto o que provoca é que a sensación de saciedade sexa menor. O catedrático reflexiona entón sobre a cantidade que se consome. Se se toma a peza enteira de laranxa “seguramente con unha xa se estea saciado”; con todo, non sucede o mesmo co zume. Canle afirma: “Podemos tomar o xugo de catro laranxas dunha sentada e nin nos damos conta”. Ao final dese xeito estase a consumir unha gran cantidade de azucres, “que por moi naturais que sexan, siguen sendo nocivos en exceso”, apunta Canle. Isto non quita que non sexa saudable tomar un zume de vez en cando, sinala o profesor, pero se debe priorizar o consumo de pezas de froita enteira como opción máis beneficiosa.
O estudo tamén fai referencia a que este consumo afecta en maior medida aos menores de oito anos. Canle apunta que quizais iso debería ser unha futura liña de investigación pero que, polo de agora, só se poden plantexar hipóteses. “Seguramente sexa polas diferenzas metabólicas entre un neno, que está en pleno desenvolvemento, e un adulto, cunhas necesidades enerxéticas e bioquímicas asentadas”, apunta.
Como conclusión, pódese dicir que o máis saudable é consumir a peza de froita enteira. Porque os zumes sexan 100 % naturais, feitos a partir de concetrados ou néctares —con azucres e edulcorantes engadidos— sempre farán que se consuma unha maior cantidade de azucre, que pode ser prexudicial para o organismo. Desde logo que pode ter cabida “no contexto dunha dieta equilibrada” e seguramente non cause ningún problema en persoas sás pero débese “evitar o seu consumo frecuente”, sinala Canle.
Deixa unha resposta