Galicia conta con 22 novos Soletes de verán, co que suma xa un total de 230. Nesta nova edición poderemos atopar sete novos na Coruña, tres en Lugo, cinco na provincia de Ourense e sete en Pontevedra. Guía Repsol enxalza sitios que logran que sintas que estás de vacacións, aínda que sigas traballando. Propoñen almorzar en cafeterías escondidas con xardín, agora que a cidade se baleirou un pouco; quedar a comer un menú refrescante con amigos entre reunión e reunión; alongar a cervexa ao acabar a xornada cunhas suculentas racións. Entre os novos Soletes do Verán tampouco faltan os chiringuitos onde sentir a area entre os dedos e a brisa salgada na cara, as terrazas nese val perdido que tiñas tantas ganas de coñecer ou as azoteas cunha panorámica incrible da cidade.
A Coruña
‘La Taberna El Ariete’ en Fisterra, situada no hotel do Faro de Lariño, propón un “picoteo” sinxelo, como os moletes de polbo e queixo Arzúa ou de lacón e pementos, e unhas incribles vistas á praia do Ancoradoiro; en ‘Universal’ en Porto do San, Maribel fai unha das empanadas de guiso de calamares máis aclamadas da ría de Noia; ‘Kilowatio’ leva aberto 35 anos, é un establecemento clásico de racións; ‘Furna Atlántica’, na Laracha, ofrece un “picoteo” a un prezo axustado, cunhas recomendables volandeiras, o salpicón de bogavante, croquetas e hamburguesas; en Outes, Guía Repsol salientou ‘Casa Peto’, cun estupendo menú do día entre semana, platos tradicionais á carta cunha terraza na parte de atrás; no ‘Café Tertulia’, en Santiago de Compostela, pódese almorzar con calma nunha rúa tranquila do centro; e no ‘Bar do Porto’, en Ribeira, ofrécese un bo servizo con cocina galega tradicional e terraza con vistas ao mar.
Lugo
En Lugo, Loli Lamas leva 40 anos namorando a todo o que para na súa casa centenaria ‘Mesón de Crecente’ onde poder tomar o seu cocido galego, os polos tomateiros, o galo guisado ou o flan. En ‘Hotel U Viveiro’ pódese contemplar a ría mentres tomas, por exemplo, un café de Coffe Urban Roasters, que fan no mesmo pobo. En ‘Mesón A Forxa’, en Palas de Reis, pódese desfrutar dunha das mellores cociñas tradicionais da comarca da Ulla. Non quedarás con fame nin baleilarás o teu peto.
Ourense
‘Casa Grande’, na Teixeira, é un casarón centenario na Ribeira Sacra reconvertido nun aloxamento rural con restaurante. Conta cunha incrible terraza axardinada con vistas ao canón do río Sil; o ‘Mexicano de Beariz’ é un pequeno local cunha terraza na que comer auténtica cociña mexicana asomados ao centro do pobo. Dende Guía Repsol recomendan as quesadillas fritidas de mole con polo; o Bule Bule, en Allariz, as racións son audaces e os xoves pola noite adoitan organizar ceas temáticas; no Plaza, en Pereiro de Aguiar, hai que probar o revolto de grelos, o churrasco de terneira ou o bacallau á brasa, con prezos asequibles na terraza. E de postre, filloas recheas de crema; por último, en Ourense, recibe un Solete o Auriga, cun tipo de menú creativo que “alegra a viaxe”: empedrado de lacón, meiga con espárragos e cereixa, chocolate en texturas…
Pontevedra
O ‘Chiringo Praia Castiñeiras’ en Cangas (Pontevedra) é un dos sitios aos que acode a cociñeira galega Lucía Freita. Unha terraza escondida onde se pode acceder facilmente e que abre a partir de San Xoán. No mesmo lugar, levan dous Soletes Pandemillo Taberna e O bruño. No Nisio, en Vigo, as cocochas son un dos pratos que máis conquistan. Á fronte está dende moi nova a cociñeira Estrella Márquez, filla dos fundadores. Tamén en Vigo, Helada Madrina atópase nun barrio con xeado de minion ou de xungla. E por último, o Otoro no Grove elabora unha boa cociña fusión, xa que non todo en Galicia ten que ser peixe á galega.
App Guía Repsol
Chegan os Soletes de Verán xunto a app de Guía Repsol, para que todos os días sexan vacacións. Agora temos máis tempo para descubrir lugares sinxelos nos que apreciar o valor dos praceres máis auténticos e compartilos con amigos e familia, só con mirar o móbil. Na súa procura continua de xoias escondidas, o equipo de expertos de Guía Repsol repartido por todo o territorio conseguiu localizar este verán máis de 300 chiringuitos, xeaderías, bares, cafeterías, restaurantes, vinotecas e cociñas de ‘fast good’, nos que dedicarse a gozar da vida, 22 deles en Galicia.
“Estamos moi satisfeitos coa nova selección de máis de 300 lugares coa súa propia historia, que se suman aos máis de 3.000 Soletes e que a partir de agora se poden atopar na nova app que acabamos de lanzar. Unha ferramenta moi eficiente e cómoda coa que aforrar tempo estas vacacións e garantir unha acertada elección”, explica a directora de Guía Repsol, María Ritter.
Na app de Guía Repsol descubrirás plans diferentes para sacar todo o partido posible ás túas viaxes por España. Para improvisar, o seu xeolocalizador sinala instantaneamente os puntos de interese e os Soletes nos que facer un alto no camiño; para planificar, a súa función de gardar e compartir cos teus compañeiros de viaxe permite que non se escape nin un detalle; para ver só o que realmente che apetece en cada momento, o seu buscador con filtros acerta cos teus intereses. Agora máis que nunca, vas de vacacións cos Soletes no peto.
Lugares peculiares e inesperados
Unha das calidades máis valoradas polos usuarios dos Soletes é que poñen o foco sobre lugares peculiares e inesperados. Mesas ao aire libre nun muíño de Albarracín, o curral dunha venda centenaria en Toledo, un parque infantil nunha ferrería guipuscoana do século XIII ou o patio dun antigo cuartel da Garda Civil en Soria debuxan un mapa no que ademais para comer e beber, o usuario de Guía Repsol amplía horizontes. Tamén saen á luz Soletes nos que a experiencia transcende o culinario, como unha granxa ecolóxica na Beira cacereña, unha melería nun pobo da Rioxa ou a batea de ostras máis antiga do Delta do Ebro.
A distinción máis nova e informal de Guía Repsol xa cumpre oito entregas e máis de 3.300 negocios contan co seu adhesivo amarelo na porta do local. Ademais das dúas anteriores edicións estivais centradas en chiringuitos e xeaderías, os Soletes deron a coñecer guisos e barras reconfortantes para o outono, sitios de estrada onde parar é un gusto, lugares de barrio que reivindican o día a día, e recunchos para perderse descubrindo o mundo rural.
Os Soletes estivais seguen mirando ao mar, desde primeira liña de praia, desde balcóns con vistas privilexiadas e desde os bares e xeaderías onde explorar as diferentes caras das localidades costeiras. Tamén atenden ás terrazas nesas prazas empedradas con fontes á sombra e aos merenderos rodeados de natureza que teñen na parte de atrás algúns restaurantes de estrada. Un listado completo de establecementos para sacarlle todo o partido ao verán.
Deixa unha resposta