Exquisiña, a torta de queixo de Lucía Freitas e Pablo Gallego

Feiraco, Quescrem e Pazo de Vilane presentan unha receita con alma galega e ingredientes do país

Presentación de Exquisiña, coa presenza de Lucía Freitas e Pablo Gallego.

Os chefs Lucía Freitas e Pablo Gallego presentaron este mércores a torta de queixo Exquisiña, unha receita “con alma galega” que emprega unicamente ingredientes do país. Fixérono nun acto en Centro Superior de Hostelería de Galicia, en Santiago, co obxectivo de “chamar a atención sobre a necesidade de colaboración entre empresas”.

Neste caso, os promotores da iniciativa son a cooperativa láctea Clun (participada por Feiraco), a empresa de base tecnolóxica Quescrem e a granxa avícola Pazo de Vilane. A torta está feita con ovos de Antas de Ulla, nata de Ponte Maceira e queixo de Castro Ribeiras de Lea.

A directora xeral de Pazo de Vilane, Nuria Varela-Puertas, apuntou: “Como produtores agroalimentarios da Galicia rural, debemos apostar pola incrible calidade dos produtos ben elaborados en Galicia, polo benestar animal, como convicción e por ser columna vertebral do territorio, unha das vías para que non se perda o saber facer do galego en moitas zonas”.

Para Pazo de Vilane, proxectos como este constitúen “unha das formas de dar longa vida ao noso sector e á nosa gastronomía”. “Poderemos distinguirnos e sobrevivir aos vaivéns do mercado se somos diferentes e defendemos o que facemos: producir alimentos saudables e ricos que protexan a saúde de todas as persoas, o benestar e as nosas tradicións”, agregou Varela-Puertas.

Polo desenvolvemento social e económico

Pola súa banda, o primeiro executivo de Innolact, a empresa que creou Quescrem, Sergio Martínez, sinalou que as empresas “non só teñen a responsabilidade de ofrecer aos consumidor produtos de calidade senón tamén de promover o desenvolvemento social e económico da nosa contorna.

O secretario xeral de Clun-Feiraco, Juan Gallástegui, reivindicou pola súa banda as sinerxías de traballar en cooperativa. “Clun traballa sempre para ofrecer calidade galega porque ten un impacto positivo no noso campo”, sinalou.

O director xeneral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, que participou na presentación da receita, puxo en valor esta colaboración e vinculouna coa Estratexia do sector lácteo galego impulsada pola Xunta e coas estratexias sectoriais para a carne e para o viño. Balseiros recordó, neste sentido, que o plan para o leite ten entre outros obxectivos o de fomentar un incremento do valor engadido do produto, como fórmula para conseguir mellores prezos e máis ingresos para todos os elos da cadea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *