Carapucho, Carmeliña e Maruxiña. Estes son os nomes de tres variedades galegas de oliveira que recibiron recentemente o visto bo para a súa comercialización e posterior plantación. Así o trasladan dende a Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), onde o grupo Viticultura, Oliveira e Rosa (VIOR) impulsou a súa recuperación e iniciou en 2019 os trámites para a inclusión de 11 variedades galegas. As tres primeiras xa figuran no Rexistro de Variedades Comerciais.
Este recoñecemento de Carapucho, Carmeliña e Maruxiña como oliveiras únicas e diferentes implica que, a partir de agora, os viveiros poderán iniciar a comercialización das tres variedades unha vez sexan transferidas. Despois, os olivareiros poderán comezar a plantalas. Así mesmo, os aceites elaborados a partir destas árbores poderán venderse incluíndo o nome da variedade nas etiquetas dos envases.
Cinco anos de proceso
O proceso de rexistro, iniciado, desenvolvido e financiado integramente polo CSIC, durou cinco anos e constou de varias fases. Apoiouse nas investigacións sobre a oliveira autóctona de Galicia iniciadas en 2012 polo grupo VIOR e que se desenvolveron no marco, entre outros, dos contratos de financiamento de proxectos de investigación, establecidos entre a Fundación Juana de Vega e o CSIC.
Para a inscrición dunha variedade hai que presentar en primeiro lugar unha solicitude dirixida ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. O documento debe acompañarse, entre outros aspectos, da descrición detallada da variedade, de acordo co que dispoña o correspondente Regulamento Técnico de Inscrición de Variedades.
Desde o CSIC, a través da Vicepresidencia Adxunta de Transferencia do Coñecemento enviáronse ata a data os datos descritivos achegados polos investigadores do Grupo VIOR de 11 variedades, incluídas as tres que acaban de ser aprobadas.
Ademais, o procedemento esixiu o envío ao Centro de Exame de Variedades de Oliveira (CEVO) de polo menos oito exemplares vivos de cada variedade, co seu correspondente pasaporte fitosanitario e un certificado demostrando que o material enviado estaba libre das enfermidades bacterianas que establece a normativa vixente para oliveira (Verticillium dahliae, Pseudomonas savastanoi pv. savastanoi e Xylella fastidiosa).
No CEVO mantivéronse en observación, ata obter froitos durante un mínimo de dous anos consecutivos e comprobar que as súas características coincidían coas descritas polos investigadores do Grupo VIOR.
As variedades que van superando os exames técnicos son propostas para ser incluídas no Rexistro de Variedades Comerciais e, por tanto, son idóneas para ser cultivadas, quedando recoñecidas e sendo permitida a súa comercialización en toda a Unión Europea.
Deixa unha resposta