Galicia suma catro novos Soles Repsol en Santiago, Porto do Son, Allariz e O Grove

As incorporacións son os coruñeses 'Indómito' e 'Nordestada', o ourensán 'Marmurio do Río' e o pontevedrés 'Meloxeira Praia'

O chef Luis Moreno, de 'Marmurio do Río', en Allariz.

Galicia xa conta con catro novos Soles Repsol. As incorporacións son os restaurantes Indómito, de Santiago de Compostela; Nordestada, en Porto do Son; Marmurio do Río, en Allariz; e Meloxeira Praia, no Grove. Con estas entradas xa hai un total de 43 establecementos galardoados na comunidade autónoma: dous con tres Soles; 13 con dous; e 28 con un.

Segundo informan dende a Guía Repsol, neste 2025 póñense en valor os proxectos onde o agarimo e o coñecemento do oficio crean un clima relaxado e converten cada mesa nun refuxio no que esquecerse de todo o que non sexa gozar. Sabores emocionais explotan en pratos alegres, que parten de produtos de proximidade e de receitas intuitivas, interpretadas con códigos e técnicas actuais. A ilusión por sorprender percorre cada territorio e constata que as cidades cederon parte da súa hexemonía ao campo. As vilas benefícianse da diversificación e atraen a un viaxeiro encantado de poder descubrir restaurantes interesantes en calquera lugar.

A gala de entrega dos Soles Repsol celebrouse este luns en Santa Cruz de Tenerife. Dous establecementos incorporáronse á nómina de premiados con tres galardóns: Susi Díaz, chef de La Finca (Elxe, Alacant); e Pedro Sánchez, chef de Bagá (Xaén). Nesta categoría non se sumou ningún restaurante galego.

No que respecta aos establecementos que suman xa dous Soles, incorporáronse 17 novos locais. “Reflicten a diversidade dunha despensa que potencia a creatividade dunha cociña que optou por mostrarse cada vez máis espida”, reivindican dende a Guía Repsol. Os condecorados son Alevante (Chiclana de la Frontera); Bakea (Mungia); Cebo (Madrid), Enigma (Barcelona), Esperit Roca (Sant Julià de Ramis), Kamín (León), Kappo (Madrid), L’Aliança d’Anglés (Anglés), La Tasquería (Madrid), Laia Erretegia (Hondarribia), Lana (Madrid), Local de Ensayo (Murcia), Narru (Donostia), Poemas by Hermanos Padrón (Las Palmas de Gran Canaria), VelascoAbellá (Madrid), Verdejo (Madrid) e Villa Retiro (Xerta). De novo, nesta categoría non houbo ningún restaurante galego.

Entre as novas incorporacións con Un Sol son cada vez máis os novos cociñeiros que apostan pola fórmula de menús gastronómicos máis curtos e cartas pensadas para compartir a un prezo máis alcanzable. Propostas de alta cociña que buscan que os clientes volvan ás súas mesas con maior frecuencia e teñan a opción de pedir un menú de sete ou oito pases que, en moitos casos, non superan os 40 ou 50 euros; ou compoñer a súa propia degustación a través da carta segundo o momento e a compañía. É neste categoría onde entran os catro novos Soles galegos.

Os novos laboratorios de tendencias están nas vilas

Regresar ao lugar onde se afunden as raíces familiares afianzouse como tendencia entre unha xeración de cociñeiros para os que as cidades se volveron hostís. No lugar onde naceron os seus devanceiros atopan a tranquilidade e a liberdade para desenvolver unha cociña persoal e distintiva, na que adoita estar involucrada parte da familia. Así, as parellas, que coincidiron noutros restaurantes ou estudando xuntas, poñen en pé negocios coa ambición de ser eles mesmos. Un exemplo disto é o restaurante Marmurio do Río, en Allariz, onde o seu chef Luis Moreno volveu á vila dos seus avós para montar o restaurante e afondar na memoria gastronómica da súa nenez “cunha permanente homenaxe aos guisos tradicionais”.

Premios Sol Sostible

Os Premios Sol Sostible #AlimentosdEspaña foron este ano para Ángel León (Aponiente, El Puerto de Santa María. 3 Soles Guía Repsol), Ignacio Echapresto (Venda Moncalvillo, Daroca de Rioja. 2 Soles Guía Repsol), Jordi Esteve (Nectari, Barcelona. 1 Sol Guía Repsol) e Pedro Hernández (El Duende del Fuego, Los Llanos. Recomendado Guía Repsol).

Coas novas incorporacións, un total de 789 restaurantes forman o universo de Soles Guía Repsol (44 Tres Soles, 176 Dous Soles e 569 Un Sol) e 1.488 Recomendados (con 208 novidades). Cataluña (115), Comunidad de Madrid (102), Andalucía (77), Euskadi (73), Comunitat Valenciana (65) e Castela e León (58) son as rexións onde máis Soles brillan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *