Disque a unión fai a forza. Esa é a filosofía na que cren un grupo de cociñeiros de Santiago de Compostela que, da man do mercado gastronómico Boanerges, estreitarán lazos ao longo deste ano 2025 cun dobre obxectivo: facer da capital administrativa de Galicia tamén a gastronómica e devolver a cociña da cidade aos seus veciños.
“Nunha urbe que desfruta e sofre o turismo, queremos pensar no cliente local, o que está todo ano”. Ese é o resumo da iniciativa Cociñando Santiago que fai o chef Pablo Pizarro, de Mercado Boanerges, que exercerá de anfitrión dos cociñeiros de seis restaurantes de Santiago e contorna que pasarán polo mercado do compostelán barrio do Castiñeiriño a partir deste venres 4 de abril.
A segunda edición da iniciativa creada en 2023 foi presentada este luns nun acto celebrado no propio mercado gastronómico situado na rúa do Restollal. Alí estiveron representantes dos restaurantes implicados, moitos dos cales figuran la lista de lugares a visitar pola xente de bo dente de Santiago e comarca: Abastos 2.0, A Tafona, Benedicta Elisa, Maina, Argentinos Burgers e A Viaxe.
O encargado de abrir o ciclo será Iago Pazos, chef de Abastos 2.0, que afondou na idea da importancia de pensar no cliente da cidade nun contexto de “fonda turistificación” para Santiago e outros destinos masivos. “Isto é cociña de locais para locais”, subliñou o cociñeiro do restaurante da Praza de Abastos, que prepara dúas propostas “de taberna” para inaugurar o ciclo. Por unha banda, uns ovos fritos con patacas que “non serán ovos fritos con patacas” e, por outro, unha ensalada rusa de primavera. Todo para tentar contribuír a “democratizar” a cociña de autor e aproximala a todos os públicos, segundo remarcou Pazos.
Man a man
O proxecto enfócase nun man a man entre os cociñeiros convidados e a casa Boanerges. En cada evento, que se desenvolverá de abril a novembro cun paréntese durante os meses de verán, o convidado achegará entre dúas e tres propostas en formato tapa, que serán respondidas con outras tantas polo cociñeiro anfitrión. Os prezos bailarán entre os 5 e os 6 euros por tapa e os asistentes poderán mesmo interactuar cos creadores.
Tamén pasará por Cociñando Santiago Lucía Freitas, unha das máximas representantes da alta cociña galega. A responsable de A Tafona repite neste proxecto co ánimo de seguir facendo da “cidade universal” que é Santiago tamén unha “meca gastronómica”. Para a propietaria do restaurante Estrela Michelin, “hai algo que se move” desde hai tempo na cidade, que pode “non ter os espectaculares locais” da Coruña pero na que poden atoparse lugares “con moitísima alma”.
Unha viaxe sen moverse de Santiago
Logo da apertura deste venres, o 8 de maio será a quenda de Brisa Medina y Carlos Insua, do restaurante Benedita Elisa. A fusión dun galego e unha mexicana terá traslado nas súas propostas para levar aos comensais a unha viaxe polas sabores do mundo.
Máis tarde pasará por Cociñando Santiago o chef Alberto Lareo de Maina, un proxecto que botou a andar hai pouco máis de medio ano no barrio de Conxo e que no que aínda están en fase de escoller “o que si e o que non” da súa carta. A súa intención tamén é transportar unha mostra do que fan no seu restaurante, onde se lle procura dar unha volta á tradición culinaria galega baseándose en produtos de tempada.
Os seguintes serán os encargados de Argentinos Burger, da Estrada, gañadores da mellor hamburguesa de España en 2024 coa súa proposta Old School 1980. En palabras do seu responsable Gonzalo Pose, o concepto é levar “a un novo nivel” a comida rápida ou de rúa empregando produtos locais e carniceiros da Estrada “de toda a vida”. E así quedará plasmado cando lles toque pasar polo Mercado Boanerges.
O encargado de pechar o ciclo por este ano será Tomás Rubio, de A Viaxe, un restaurante asentado na cidade que, como indica o seu propio nome, convida a transportarse polos sabores do mundo sen moverse das mesas do local da praza do Matadoiro.
Un punto de encontro
“O que pretendemos, por riba de todo, é que estean a gusto”, remarcou o anfitrión Pablo Pizarro, que quere facer do mercado gastronómico do Castiñeiriño “o epicentro das sinerxías” gastronómicas da capital galega.
Niso mesmo incidiu o director de negocio de Boanerges, Adrián Acevedo, que agradeceu a todos os implicados as facilidades postas para levar a cabo a iniciativa co convencemento de que “a colaboración é o futuro” do sector da hostalaría.
Deixa unha resposta