Lucía Freitas: “Hai machismo na cociña e moitos homes non o ven”

A chef santiaguesa, cunha estrela Michelin e dous soles Repsol, asegura que España é o motor da revolución gastronómica feminina mundial

A muller máis representativa neste momento da alta cociña galega é Lucía Freitas (Santiago, 1982). A súa visión sobre Galicia e o seu matriarcado é fundamental para comprender a necesidade de máis trocos na busca da igualdade plena entre mulleres e homes. A estrela Michelin forma parte da directiva da asociación Mulleres en Gastronomía (MEG) que vén de cumprir o seu primeiro ano e medio de vida e, que se o coronavirus non o impide, celebrará este mes, os días 22 e 23, un congreso en Alacante. Organizouse un programa cargado de contidos interesantes ofrecidos por profesionais do sector, co lema ‘España como centro da Revolución Gastronómica Feminina Internacional’.

-Ten visibilidade na cociña a muller na nosa comunidade?

-As nosas mulleres son guerreiras e temos grandes cociñeiras. Na cociña tradicional galega hai moitísimas mulleres, pero no alta cociña somos menos. Pouco a pouco, cada vez soan máis nomes. Este é un camiño que hai que seguir percorrendo para conseguir que se nos vexa máis aínda.

-Sempre conta que as mulleres estaban nas cociñas galegas, pero que non se lles vía. No seu caso, como fixo para conseguir que lle viran?

-Cando abrin a Tafona hai dez anos estaba cun socio na cociña e, como era muller, a xente pensaba que el era o cociñeiro e eu a pasteleira. Dábame moita rabia porque non era así, era eu quen facía os pratos. Decidín presentarme a cociñeiro do ano. Quedei segunda de España, e ese foi o momento no que me tomaron en serio como cociñeira. Aí decidín tomar a responsabilidade de estar soa no restaurante e comezaron a respectarme.

-Tivo que pasar polo cuarto frío ou a pastelaría… iso pasa por ser muller ou porque ten que pasar cando un empeza?

-Cando un empeza debe experimentar diversas situacións, pero eu ademais estiven aí porque a pastelaría sempre me gustou, e teño paixón por limpar carnes ou peixe. Todos deben pasar por isto, pero no caso da muller é case unha obriga para moitos restaurantes, cousa que non debería ser así. Parece que ten que mancar unha man alguén para que che deixen entrar na liña quente. Aínda vemos moitos restaurantes que teñen unha porcentaxe mínima de mulleres. Eu teño a sorte de ter moitas grandes mulleres na miña cociña, e falamos disto e preguntámonos por que.

-Da a sensación de que isto pasa porque pensan que hai cousas que non pode facer unha muller…

-Lamentablemente esa pode ser a explicación. Non hai ningún traballo físico que non poida facer unha muller, somos boas organizando, temos bo padal, somos finas, sabemos mandar… Trátase dun problema da sociedade, non é exclusivo da cociña. Cada vez máis as mulleres están no máis alto de todas as profesións. Este é un movemento que non vai parar. Só tes que ver as universidades, onde a maior parte xa son mulleres. De aquí a dez ou quince anos estará normalizado e non teremos que falar disto, no mesmo posto estará a muller que o home. O tema das horas é un lastre para a muller. Esta situación tamén está a mudar e vaise normalizando un horario digno na hostalería. Isto fai que ti poidas compaxinar a túa vida profesional coa familiar e non teñas que renunciar a nada.

Lucía Freitas ten unha estrela Michelin e dous soles Repsol co seu restaurante A Tafona

Lucía Freitas ten unha estrela Michelin e dous soles Repsol co seu restaurante A Tafona

-Que agarda do novo congreso que vai reunir a Mulleres en Gastronomía en Alacante?

-A idea é charlar e xerar debate sobre a situación da muller no sector da hostalería e a gastronomía en xeral, por iso, abordaranse temas como o emprendemento, a creación e a sustentabilidade, o liderado, as sinerxias e os equipos, ou os valores, as visións e a cultura. A cita está dirixida para todos os que se uniron a MEG (Mulleres en Gastronomía), e non só se aceptan mulleres, todo o contrario, o que se motiva é a igualdade e traballar por un obxectivo común, demostrar que o talento non ten xénero.

-Forma parte da directiva de MEG. Van cumprir o seu primeiro ano e medio en funcionamento. Como vai este camiño, que non debe ser curto?

-Para nós foi un ano moi intenso e con moitas reunións e sinerxias. Cada vez somos máis e exportamos máis fóra. En Xapón presentouse a finais do pasado ano a primeira asociación gastronómica de mulleres, e teño a honra de sentirme partícipe, porque puxen as sementes nunha conferencia que din alí. Penso que este é un movemento global de mulleres que queremos que se visibilice o noso traballo, e que nos decatamos de que unindo as nosas forzas somos máis grandes. España é o motor da revolución gastronómica feminina mundial, e estamos moi orgullosas disto.

Parece que ten que mancar unha man alguén para que deixen entrar unha muller na liña quente da cociña

-Ten algo previsto en Galicia para dar visibilidade á asociación?

-Persoalmente este ano, no que se cumpre o décimo aniversario do meu restaurante A Tafona, teño previsto traer mulleres para que cociñen no meu local e tamén poder visibilizar o seu traballo.

-Na alta cociña segue sendo difícil ver que hai mulleres, como no seu caso, que conseguen un lugar de privilexio. Este sector tamén está concienciado de que os tempos están mudando?

-Teño compañeiros de todo tipo, pero penso que isto está a cambiar. A cuestión reside na xente que non se decata de que hai unha desigualdade, que cre que son invencións nosas. Ese é o problema, porque se non o ves, dificilmente vas cambiar. Hai unha porcentaxe que non se decata de que hai machismo na cociña, e moitos homes non o ven. Penso que é por cultura. Isto cos anos hai que normalizalo a través da educación. Creamos mulleres fortes que teñan ganas de emprender, de ensinar, de facer fortes a outras mulleres. Isto é unha cadea. Se algo ten de bo o que conseguín ata hoxe é que teño a posibilidade de dar paso a outras mulleres sen que teñan que esperar a que lles dean a oportunidade. Eu cando abrín a ocasión, tiven que darma eu mesma, e pasalas de todas as cores. Por sorte, agora teño un restaurante cos medios que sempre soñei. As mulleres que veñen aquí poden sentirse seguras, e espero que o día de mañá abran o seu propio restaurante e poidan sentir que fun parte do seu crecemento. Non hai nada máis bonito que isto.

-Curiosamente na súa casa foi p seu pai o que lle deu o empurrón para ser cociñeira. Pensa que o seu fillo verá xa no futuro moitas máis mulleres con Estrela Michelín das que vemos agora?

-A educación a día de hoxe é moito máis igualitaria. Temos interiorizado que hai que educar a mulleres fortes que no futuro farán o que consideren e loitarán por chegar lonxe en todos os ámbitos, non só na cociña. É bo, e teñen que aceptalo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *