Cos baixos prezos que se pagan á xente que traballa no agro hai que pagalo e incentivalo directamente. A venda directa ao consumidor evita intermediarios e aumenta a posibilidade de que os agricultores traballen nese valor engadido dos produtos da horta. Cada vez son máis os produtores que optan pola venda directa ao comprobar que, de non facelo deste xeito, obtiñan ganancias mínimas ou incluso podían acabar en perdas.
A continuación ofrecemos unha lista dalgúns deses produtores aos que se lle pode mercar de forma directa evitando os intermediarios. Ademais de producir, víronse na obriga de conseguir unha loxística para facer posible esta modalidade de venda e conseguir uns ingresos dignos.
Kiwi Atlántico
En España, máis do 60% da produción de kiwi procede dunha única sociedade que é a galega Kiwi Atlántico, con sede en Ribadumia e distinguida co selo Galicia Calidade desde o ano 2010. Kiwi Atlántico constituíuse no ano 1988 como a unión duns 30 kiwicultores de Galicia e Asturias. Ten actualmente máis de 70 socios e 20 produtores colaboradores, agrupando explotacións de diversas dimensións, aínda que un 60% das 350 hectáreas asociadas a esta empresa concéntranse na comunidade galega, concretamente no municipio pontevedrés de Tomiño, epicentro da comarca do Baixo Miño. Trátase dunha sociedade formada unicamente por produtores, con gran arraigamento na agricultura, e por tanto amante das producións realizadas para consumo persoal.
A froita, tras saír das leiras dos produtores, chega ás instalacións de Kiwi Atlántico, onde se almacena nunha área ventilada e cuberta para que cicatrice, xa que a planta non se corta para extraer o froito, senón que se espera a que este se solte. Tras isto, a froita etiquétase e gárdase nunha cámara frigorífica para a súa distribución. Na súa web kiwiatlantico.com ofrecen consellos de como comprar un bo kiwi. Estan serían esas recomendacións: colocar o kiwi na palma da man, pechala e apertar lixeiramente; nunca presionar coas puntas dos dedos a froita, porque despois esa zona abrándase e depréciase. Se notamos unha leve cesión, o kiwi está listo para o seu consumo. Que á vista teña unha pel lisa, sen estrías verticais. Nestas condicións poderá tela en casa durante polo menos unha semana cunha maduración lenta.
Horsal: Cebolas, grelo, repolo
Horsal foi fundada a finais de 1985 por 16 agricultores e agricultoras, visionarios que apostaron por sacar adiante un proxecto ilusionante, con poucos medios e moito tesón, querendo dignificar a horticultura como medio de vida e buscando na asociación baixo a fórmula cooperativa un medio para desenvolver económica e socialmente a comarca do Salnés. Dedicanse á produción e comercialización de hortalizas de Galicia: repolo, cebola, grelo… Son unha das maiores organizacións no ámbito da horta atlántica, 90 familias de distintas zonas de Galicia, aínda que con maior presenza na comarca do Salnés, que se uniron buscando a mellor maneira de chegar ao consumidor co froito do seu traballo.
Contan cunha páxina web www.horsalscg.com na que se pode mercar produto das hortas de forma unitaria. Un repolo corazón ou rizo, unha cebola chata, grelos ou nabizas, acelgas, tomates negros de Santiago… todo isto a través da súa tenda online. Desde aqueles duros inicios mantívose un constante esforzo de formación, innovación e profesionalización, para conseguir facer as cousas un pouco mellor cada día. Fóronse integrando novos socios, ampliando a área xeográfica de influencia, incorporando novos cultivos e novas técnicas, acometendo importantes investimentos en instalacións e equipos. Tamén abastecen a un importante número de clientes locais, froitarías, postos de mercado e empresas de restauración. No mercado exterior teñen presenza en Reino Unido e Países Baixos.
A Pementeira
No ano 2006, os vinte e tres produtores de pementos de Herbón crearon A Pementeira, unha empresa dedicada á distribución dos pementos de Padrón, un produto con denominación de orixe. Dous anos despois xa tiñan unha nave no polígono Padronés de PICUSA, cun investimento de máis de 240.000 euros, e saíron ao mercado co nome de S.A.T.A. Pementeira. En Padrón existen actualmente ao redor de 14 hectáreas de invernadoiros destinados ao cultivo do pemento, superficie á que hai que sumar unhas 20 hectáreas ao aire libre. A produción total podería alcanzar aproximadamente 1,3 millóns de quilos ao ano.
A través da web lospimientosdepadron.com podes mercar directamente unha bolsa de pementos de Herbón-Padrón de 400 gramos ou unha bolsa de pementos picantes de Herbón da mesma cantidade. O “Pemento de Herbón” obtivo o recoñecemento como Denominación de Orixe Protexida pola Orde da Consellería do Medio Rural do 1 de xullo de 2009.
Patacas Conde
Esta empresa deu os seus primeiros pasos na década dos 70. Con apenas uns sacos de patacas, e despois de anos de traballo, José Luis Conde puido abrir un pequeno almacén de patacas situado na Praza da Mariña, na cidade de Ourense. Isto permitiu, xa na década dos 80, que a empresa ampliase o seu campo social á venda de patacas, trasladándose á zona produtora de patacas por excelencia en Galicia como é Xinzo de Limia, onde a produción de patacas pode chegar aos douscentos millóns por ano. Alí construíron naves con innovacións tecnolóxicas importantes, destacando a capacidade de conservación en frío e o lavado da pataca.
Desde ese centro e sede, iníciase a comercialización de produto a todo o territorio español e tamén a exportación máis aló das nosas fronteiras. Desde entón, Patacas Conde traballou en conxunto cos maiores produtores de pataca da comarca ourensá da Limia e tamén con outras zonas produtoras do resto do país. Na súa web www.patacasconde.com podes mercar bolsas de patacas de tres ou quince quilos. Ademais,venden tamén caixas de 3 ou 5 quilos de patacas violeta e rosa.
Cultivos Miñotos: a mazá ecolóxica
Joaquín Álvarez, Santos Rodríguez, Juan Ángel Pérez e Antonio Tartaglione crearon no 2014 a súa empresa de fruticultura Cultivos Miñotos. Ademais de mazás de sidra, reservan un pequeniño recuncho para o consumo de proximidade con mazás de mesa: a florina ou querina ecolóxica, que é unha variedade de orixe asturiana, e a golden ecolóxica, amparadas polo CRAEGA. A súa produción maioritaria é mazá para sidra que venden a Estrella Galicia. Están a facer unha aposta moi forte pola produción de sidra de mazá galega coa súa marca Maeloc, que exportan aos países anglosaxóns principalmente.
O resto de mazá de mesa que teñen por agora comercialízana polas tendas próximas e tamén a través da súa páxina de Facebook, ou mesmo na web www.vivazplant.com. Tamén están a recuperar variedades autóctonas do Baixo Miño, xa que Estrella Galicia non só quere facer sidra con mazás cultivadas en Galicia, senón con variedades galegas, mesmo poder chegar a facer monovarietais.
Fabas Maruxa
O mercado das fabas de Lourenzá está documentado desde o século XVIII, tal e como recollen algúns textos do Arquivo Xeral do Reino de Galicia. María Dolores Rocha comezou a súa relación con este legume a finais do século XX, concretamente en 1990. Cando o inverno vai deixando o sitio á primavera, Maruxa Rocha prepara a terra para que as súas plantas medren.
Os clientes piden fabas de Lourenzá desde toda Galicia, pero tamén se venden en Asturias, Barcelona, Valencia e Huelva. Conta Maruxa que ata lle chegan pedidos de cociñeiros galegos que están por Europa adiante. Na súa páxina web www.fabasmaruxa.es podes pedir as bolsas de fabas desta produtora de Lourenzá.
Cooperativa O Val: tomate negro e pemento do Couto
A Cooperativa Santa María do Val en Narón é unha asociación autónoma de persoas que se uniron voluntariamente para formar unha organización democrática, cuxa administración e xestión é levada a cabo da forma acordada polos socios. A súa intención é facer fronte ás necesidades e aspiracións económicas, sociais e culturais comúns a todos os socios, baseándose no principio de axuda mutua, para a consecución dos obxectivos xerais do conxunto dos membros e mellorar as condicións de todos os socios. A propiedade desta empresa ten carácter de conxunto, é dicir, a empresa posúena todos os membros: todos os socios gobernan, e teñen igualdade en canto a dereitos, obrigacións e peso nas decisións, un voto por membro. Estas decisións tómanse de forma totalmente democrática.
A Cooperativa fúndase no ano 1973 por iniciativa dunha vintena de persoas que apostaban pola cooperación, e querían dar servizos aos veciños do Val e do contorno. Algún tempo antes, tres ou catro anos, o axente de extensión agraria Manuel Domínguez percorría os distintos barrios da parroquia pelexando pola posta en marcha dun movemento cooperativo agrario no Val. Tanto creceron, que na actualidade ata teñen supermercado propio, onde venden os seus produtos e outros que non son deles, pero a prezos axustados para a comarca de Ferrol e os seus socios. O tomate negro, a leituga rizada ou o pemento do Couto podes atopalo aquí, directamente dos seus produtores.
Froitas do Rosal: o mirabel do Rosal
Esta é unha empresa agraria que xorde como unha iniciativa local de varios veciños e veciñas do concello do Rosal (Pontevedra) coa intención de poñer en valor os produtos típicos da zona. Unha vez avaliadas e acreditadas as boas condicións climáticas e a potencialidade que ofrece o val do Rosal para a produción de froita de calidade, decidiuse apostar polo cultivo do mirabel, por ser esta unha froita tradicional e moi vinculada coas súas xentes.
Na actualidade, Froitas do Rosal conta cunha superficie de cultivo de mirabel na súa contorna de dez hectáreas, sendo o seu principal obxectivo producir mirabel de elevada calidade asociado a unhas carácteristicas propias e singulares do lugar, utilizando técnicas de produción agrarias baseadas na agricultura ecolóxica.
Deixa unha resposta