Cal é o motivo de que os pementos de Herbón uns piquen e outros non?

Os capsicinoides, un conxunto de oleorresinas presentes na parte interior destes alimentos,son os responsables de que ás veces nos atopemos cunha picante sorpresa.

Recollida de pementos de Herbón dos que uns pican e outros non

Os célebres pementos de Herbón teñen unha característica principal que se atopa no mecanismo de defensa desta planta contra os posibles depredadores. Este é o moitivo que provoca que, a meirande parte dos seus comensais, xoguemos a ruleta rusa con este manxar xa que normalmente preferimos degustalos aínda a costa de que nos ferva a boca. Os capsicinoides, un conxunto de oleorresinas presentes na parte interior destes alimentos, nunhas vesículas de cor branca, son os responsables de que de cando en vez nos poidar atopar cunha sorpresa que resulta ben picante.

Determinadas variedades de pemento teñen, xa por sistema, un sabor picante, coma pasa tamén cos chiles. Pero o caso da variedade de Herbón é moi particular, debido á aleatoriedade do seu picor. Estímase que entre un 10 e un 25 por cento deles pican, pero ata o de agora non se conseguiu establecer unha diferenciación clara para distinguilos.

Esquema molecular da capsicina.

Esquema molecular da capsicina.

O nivel de comechón que atopamos nos pementos depende, entre outros factores, do tipo de pemento, da temperatura e a luz solar recibida polas plantas, a humidade, a madurez ou as características dos solos, mais non se pode observar a priori sen telo probado.

No caso dos pementos de Herbón chegaron a Galicia desde América entre os séculos XVI e XVII a través de misioneiros franciscanos. Crese que, co paso do tempo, o produto orixinal foise adaptando ao clima galego, facéndose máis pequeno e adquirindo o seu sabor particular.

Grazas aos seus particulares atributos, os capsicinoides son empregados en moitas disciplinas. Teñen, por exemplo, efecto analxésico e propiedades anticanceríxenas. E incluso serven para a defensa persoal. Os coñecidos aerosois de pemento son, precisamente, compostos que conteñen capsicinoides, e que provocan a irritación das mucosas do posible atacante.

E cal é a forma de combater a comechume? Estas substancias son solubles en graxa, pero non se mesturan coa auga. Así, se nos escoce a boca por algún pemento, é mellor inxerir alimentos ricos en graxa, como queixo e manteiga. O único que faremos coa auga é espallar a sensación de comichón.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *