Un equipo de investigadores de Pescanova conseguiu, por primeira vez na historia, pechar o ciclo de reprodución do polbo en acuicultura, unha especie cada vez máis demandada en moitos países do mundo e que escasea no medio mariño. A compañía logrou deste xeito dous fitos mundiais; non só que 50 polbos nazan e medren en acuicultura e cheguen a idade adulta, senón tamén que estes mesmos polbos comecen a reproducirse nun entorno controlado.
Ricardo Tur, o investigador principal da área de cefalópodos do Pescanova Biomarine Center asegura que nas instalación da empresa de Chapela conseguen que os polbos “estean libres de depredadores, de contaminación. As correntes están controladas, tormentas, ou obxectos á deriva, como podería ser simplemente un tronco, que ao ser corpos xelatinosos, mataríaos, e neste caso non. Entón ter todo iso controlado permite obter unha supervivencia moito maior da que tería no medio salvaxe”. Lourditas, a femia nacida en catividade que puxo os ovos a principios do pasado verán, xa convive coas súas crías, unha vez superado o colo de botella que causaba mortalidades que non eran asumibles para facer rendible o cultivo do cefalópodo. Os investigadores involucrados no proxecto informaron que ata medio cento de crías superaron esta fase crítica. É a primeira vez na historia que se consegue.
A investigación iniciouse xunto co Centro Oceanográfico de Vigo e una vez adquirida a patente, Nueva Pescanova avanzou o proxecto co obxectivo de responder á alta demanda que vén experimentando o polbo
nos últimos anos. Ignacio González, CEO do Grupo Nueva Pescanova, considera que deste xeito conseguiron rachar cun muro, “un fito que desde o punto de vista da ciencia se resistía ao cultivo do polbo. E é unha demostración da forza que ten a investigación e desenvolvemento da marca e da súa vocación de
innovación”.
O cultivo de polbos será ademais unha das principais liñas de estudo no novo Pescanova Biomarine Center, un dos centros privados de I+D+i de acuicultura do mundo, que Pescanova abrirá en 2020 no Grove (Pontevedra). David Chavarías, Director do Pescanova Biomarine Center, entende que se nos fixamos desde un punto de vista produtivo a noticia non pode ser máis beneficiosa para especie xa que, “isto vai restar, por suposto, presión de extracción para os stocks naturais, posto que, obviamente, parte da demanda xa vai vir cuberta por un produto de acuicultura. E por outro lado, desde un punto de vista experimental, podemos empezar a pensar en plans de repoboación dos medios naturais, dada a escaseza que hai no medio”.
Pescanova seguirá desta forma apostando pola acuicultura como método para garantir unha maior sustentabilidade dos recursos ao non afectar as existencias de polbo salvaxe. Continuará investigando o benestar da vida do polbo coa previsión de comezar a comercializar os primeiros polbos de acuicultura
do mundo a partir do ano 2023.
Deixa unha resposta