Leitugas cultivadas na Estación Espacial para viaxar a Marte

Os astronautas poden preparar as súas ensaladas con vexetais producidos por eles no espazo e tan nutritivos como os da Terra

O astronauta Steve Swanson cultivando leitugas vermellas a bordo da Estación Espacial Internacional en xuño de 2014. / Foto: NASA

O alimento habitual dos astronautas no espazo son racións procesadas e envasadas de froitas, noces, chocolate, cócteles de marisco, manteiga de cacahuete, pito ou carne de vacún, por exemplo. Estes produtos adóitanse esterilizar mediante quecemento, liofilización ou irradiación para que duren moitos meses.

Pero outra alternativa é cultivar alimentos frescos a bordo, un reto que supuxo todo un desafío para a NASA nos últimos anos. Agora, nun novo estudo publicado na revista Frontiers in Plant Science, a investigadora Christina Khodadad do Centro Espacial Kennedy (EE UU) e outros autores informan sobre o éxito dos cultivos de leituga vermella para ensalada realizados a bordo da Estación Espacial Internacional (ISS).

A leituga vermella cultivada na Estación Espacial Internacional é apta para o consumo, e é tan nutritiva como a da Terra

Os experimentos, realizados cunha variedade chamada Outredgeous, demostran que a leituga cultivada no espazo está libre de microbios que causen enfermidades e é segura para comer, e é tan nutritiva como as plantas cultivadas na Terra. E todo isto, a pesar de crecer en condicións de gravidade máis baixas e radiación máis alta que no noso planeta.

Ademais dunha achega positiva para a dieta, os produtos frescos poden proporcionar aos astronautas potasio adicional, así como vitaminas K, B1 e C, uns nutrientes que son menos abundantes nas racións empaquetadas e que tenden a degradarse durante o almacenamento a longo prazo.

Cultivos nas viaxes á Lúa e Marte

Os investigadores destacan que estes cultivos no espazo serán especialmente útiles nas futuras misións espaciais de longa distancia, como Artemis-III (programada para levar humanos ao polo sur lunar en 2024), as previstas dentro do programa de SpaceX e a primeira tripulada da NASA a Marte a finais da década de 2020.

“A capacidade de cultivar alimentos que sexan seguros para os tripulantes e en sistemas sostibles será algo crítico a medida que a NASA avance cara a misións cada vez máis longas”, di Khodadad, “e as verduras tipo ensalada pódense cultivar e consumir frescas con poucos recursos”.

Entre os anos 2014 e 2016, a leituga cultivouse a bordo da ISS a partir de sementes esterilizadas na superficie dentro dun sistema de produción vexetal chamado Veggie, que conta con cámaras de crecemento equipadas con iluminación LED e un sistema de rega, deseñado especificamente para os cultivos no espazo.

As plantas creceron ben dentro das unidades Veggie durante 33 a 56 días, ata que os membros da tripulación comeron parte das follas maduras, sen detectar ningún efecto nocivo. O resto foi conxelado para realizar unha análise química e biolóxica na Terra.

Para poder comparar, os científicos tamén fixeron crecer plantas de control en laboratorios terrestres nas mesmas condicións. Rexistrábanse os datos de temperatura, CO2 e humidade na ISS e as mesmas condicións se replicaban nas instalacións do Centro Espacial Kennedy (Florida) cun retardo de 24 a 48 horas.

Similares ás cultivadas na Terra

Desta forma, confirmouse que a leituga producida no espazo é similar en composición ás cultivadas na Terra. Nalgúns ensaios o tecido vexetal das mostras do espazo mesmo tendía mesmo a ser máis rico en elementos como potasio, sodio, fósforo, xofre e zinc, así como en compostos fenólicos, unhas moléculas con actividade antiviral, anticanceríxena e antiinflamatoria comprobada.

Os dous tipos de leituga tamén tiñan niveis similares de antocianina ( pigmentos que outorgan a súa cor vermella, neste caso) e outros antioxidantes, que poden protexer ás células do dano que causan os reactivos radicais libres de osíxeno.

A comunidade de microorganismos atopada na leitugas da estación espacial é moi parecida ás que se cultivan na Terra

Os investigadores tamén examinaron as comunidades microbianas destes vexetais. As plantas típicas cultivadas na Terra albergan unha variedade de microorganismos, incluídos algúns beneficiosos e os que se asocian de forma fortuíta. Como isto pode afectar a saúde das plantas e a súa idoneidade como alimento, usouse unha avanzada tecnoloxía de secuenciación de ADN para caracterizar as comunidades de fungos e bacterias que crecen na leituga.

Así se identificaron os 15 xéneros microbianos máis abundantes nas follas e 20 nas raíces, confirmando que a diversidade e identidade destes microbios eran parecidas na leituga espacial e a terrestre. Esta similitude foi sorprendente, dadas as condicións únicas da ISS. De feito, os científicos esperaban que isto favorecese o desenvolvemento de comunidades microbianas distintas.

Sen bacterias perigosas

Os científicos subliñan que ningún dos xéneros de bacterias detectados causa enfermidades en humanos. Probas adicionais confirmaron que as follas analizadas nunca portaron ningunha bacteria perigosa que se sabe contaminan ocasionalmente os cultivos, como E. coli, Salmonella e S. aureus. O número de esporas de fungos e mofos tamén estaba no rango normal para o consumo humano.

Por tanto, os autores conclúen que a leituga cultivada en unidades Veggie no espazo é segura para comer. Estes resultados alentadores abren a porta para realizar novos experimentos con outras plantas nutritivas e saborosas a bordo da estación espacial.

“A ISS está a servir como banco de probas para futuras misións, e estes ensaios axudan a buscar outros candidatos para cultivar en condicións de microgravedad, como pementos e tomates, para proporcionar produtos frescos suplementarios na dieta dos astronautas”, adianta Gioia Massa, científica do proxecto no Centro Espacial Kennedy.

A investigadora Gioia Massa, líder do proxecto Veggie da NASA, prepara as sementes que levarán para a súa germinación na Estación Espacial Internacional./ Foto: NASA/Ben Smegelsky

A investigadora Gioia Massa, líder do proxecto Veggie da NASA, prepara as sementes que levarán para a súa germinación na Estación Espacial Internacional./ Foto: NASA/Ben Smegelsky

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *