Lucía Freitas leva os seus cromatismos vexetais a Madrid Fusión

A chef de A Tafona será a representación galega nas conferencias do congreso de cociña

A xefa de cociña do restaurante A Tafona de Santiago será a única representación galega en Madrid Fusión

Hoxe arrinca a dezaoito edición de Madrid Fusión, e alí durante tres días poderemos coñecer as últimas tendencias da gastronomía mundial. Baixo o lema “Cociña esencial, a sinxeleza meditada”, a cita explorará o futuro da alta gastronomía desde a difícil procura do fundamental á intelixencia artificial. Os obxectivos do congreso son mostrar a vangarda culinaria, propiciar o achegamento das cociñas do mundo e fomentar o debate e a reflexión acerca da gastronomía e os múltiples ámbitos vinculados a ela.

Galicia este ano contará cunha única representación entre os conferenciantes, a da estrela Michelin Lucía Freitas. A xefa de cociña do restaurante santiagués A Tafona admite que, do mesmo xeito que para todos os cociñeiros do mundo, Madrid Fusión é o Congreso Internacional de gastronomía máis importante, xa que nel danse cita os cociñeiros máis destacados do momento. “Para min é sen dúbida un soño cumprido. Aínda recordo cando era unha estudante e era espectadora do congreso. Se naquel momento me dixeran que anos despois chegaría a formar parte del, que chegaría a dar o meu relatorio pola porta grande no Auditorio, e eu mesma podería transmitir os meus coñecementos e inquietudes a tantas e tantas persoas que viven por e para a cociña, pois non o crería”.

Xapón, Estados Unidos, Rusia e Sudamérica serán os próximos destinos onde presentará o seu relatorio de mañá

A participación de Lucía Freitas terá lugar mañá pola tarde, e nela expoñerá a súa investigación sobre cromatismos vexetais que comezou coa busca dunha esencia, a esencia vexetal. “Púxenme en contacto coa Universidade de Vigo, e por casualidades da vida, unha das persoas coas que contactei fora cliente meu, e saira encantado e sorprendido porque lle adaptei por completo o menú degustación a todas ás súas intolerancias”. Co tema das intoleracias, Lucía Freitas asegura estar moi sensibilizada debido ás súas propias. Deste xeito, a través da procura de mellorar a alimentación, conseguiron facer un equipo composto por dous biólogos, un nutricionista, un encargado da gastronomía hospitalaria e unha chef. As sinerxias e as ganas de cambiar o mundo fixeron o resto. “Polo demais tratarei de transmitir a miña filosofía de vida e de traballo, e tentarei crear moitas preguntas acerca de cara a onde se dirixe a alta cociña”.

Cromatismos vexetais por Lucía Freitas

Cromatismos vexetais por Lucía Freitas

Ademais disto, presentara un estudo acerca das algas, coa incorporación dalgunha ata hoxe moi pouco coñecida. Neste estudo está a traballar de forma conxunta coa chef Hiroe Higuchi -estrela Michelin- do restaurante xaponés Shima. De feito, en dúas semanas viaxa a Xapón para ofrecer unha conferencia moi similar á de Madrid Fusión acerca dos resultados alcanzados con este estudo. A estrela Michelín santiaguesa entende que o maior beneficio que vai ter con esta presenza en Madrid Fusión é o persoal, xa que “podo levar alí a todo o meu equipo a gozar da oportunidade de contarlle ao mundo o noso traballo diario, os nosos estudos e as nosas viaxes. Que podamos coñecer a grandes cociñeiros de distintos puntos do mundo e compartir momentos con eles. Teño sorte de viaxar moito con eles, e de poder contar que se coce na nosa cociña”. Este ano, ademais do relatorio de Madrid, estarán en Xapón, Rusia, Estados Unidos e América do Sur.

Case sen galegos e con moi poucas mulleres

Este ano en Madrid Fusión a única representación galega nas conferencias será a de Lucía Freitas. Pepe Solla, por exemplo, sí estará hoxe cun taller sobre peixe, e logo o berciano Samuel Naveira, que estudou na escola de hostalería de Foz, é un dos oito candidatos a cociñeiro revelación do ano. Pero amais desta escasa presenza galega, un ano máis chama a atención a diferenza entre o número de homes conferenciantes, preto do centenar, e o de mulleres, que apenas supera a ducia.

Lucía Freitas pertence á asociación de Mulleres na Gastronomía, que está traballando por gañar visibilidade na alta cociña. Pero a realidade é que hai moitas menos mulleres que homes que leven os seus propios restaurantes de cociña de vangarda. “Penso que é cuestión de tempo que a balanza se equilíbre. Pola miña banda, penso encher o escenario case na súa totalidade de mulleres, xa que somos maioría no meu caso. Na miña pequena loita aposto por elas, por darlles a oportunidade de sentirse valoradas, respectadas e apoiadas por alguén que quere velas crecer, e que soña con que o día de mañá poidan chegar a ser referentes tamén, e axuden a outras mulleres para liderar os seus propios proxectos. Isto debe ser unha cadea. Non creo nas guerras de sexo, tampouco nas cotas nin en impoñer nada. Pero si que creo que a unión fai a forza. Esa é a miña loita”, conclúe a cociñeira galega sobre o tema.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *