O carallo de mar galego atopa oco na gastronomía chinesa

As lonxas de Galicia comercializan máis de 100.000 quilos cada ano de holoturia, un recurso moi valorado na cociña

Carallo de mar

Desde que hai agora cinco anos a confraría de pescadores de Cangas do Morrazo se convertera na primeira de Galicia en obter permiso para capturar holoturia, este verme equinodermo está experimentando unha explosión comercial no país. En 2018 e 2019 superáronse amplamente os 100.000 quilos anuais de capturas, e xa son varias as agrupacións locais (Vigo, O Grove, Aldán, e Barallobre-A Coruña, ademais de Cangas) con autorización para pescar o animal, que antes non era máis ca un descarte do que se desfacían os pescadores ao chegar a terra firme. Para atopar o destino desta mercancía, hai que mirar cara ao leste. É en Asia, sobre todo no gran mercado da China, onde o tamén coñecido como cogombro de mar ou carallo de mar goza de gran prestixio gastronómico, sendo utilizado para platos de alta cociña. A propia Guía Michelin de Hong Kong e Macao faise eco da súa relevancia.

Plato elaborado con carallo de mar. Foto: Zheng Zhou.

Plato elaborado con carallo de mar. Foto: Zheng Zhou.

 

O nome da holoturia abrangue a decenas de especies, das que en Galicia se coñecen 47. Porén, son dúas (Holoturia forskali e Parastichopus regalis) as que se capturan para o seu consumo humano, segundo recollen os rexistros de Pesca de Galicia.

Aínda que en Galicia son moi coñecidas pola xente do mar, as holoturias apenas se usaron como recurso alimenticio na dieta do país. Pero non é pola súa falta de valor nutritivo. Segundo subliñan investigoras como Tania Ballesteros, da Ecimat, o carallo de mar é rico en proteínas e baixo en graxas. Mais o seu valor non se cingue só á propia gastronomía, xa que a medicina tradicional oriental atribúelle cualidades anticanceríxenas, antifúnxicas, antioxidantes e mesmo afrodisiacas. Para garantir a súa conservación, as holoturias son desecadas despois de capturadas para acometer a longa viaxe cara a Asia. 

A sobreexplotación do recurso nalgunhas zonas do mundo e a crecente demanda debido ao desenvolvemento económico en Asia levou á busca de novas pesquerías do carallo de mar, entre as que está Galicia. 

Así, a relevancia do carallo de mar require que a ciencia afonde tamén na súa investigación. Así, están en marcha varios proxectos de investigación para coñecer mellor estas especies das costas galegas e, por tanto, acadar unha xestión sostible e rendible. Iniciativas como Hologal ou Holoplus, nas que se involucraron administracións públicas, empresas do sector pesqueiro e centros de investigación como o IEO, están marcando o camiño para consolidar a explotación e comerclalización do carallo de mar capturado en Galicia.

Coñecer mellor o ciclo reprodutivo, a interacción con diversos factores ambientais e o impacto que a pesca pode ter na especie son algúns dos obxectivos das pesquisas actuais, para establecer deste xeito os períodos de pesca e cotas máis axeitadas. De feito, algúns estudos realizados nos últimos anos, como os da investigadora Iria Fernández, da Universidade de Vigo, detectou na costa xaponesa de Okinawa que as holoturias son moi sensibles cando a pesca é excesiva.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *