“Os retos estratéxicos do sector: I+D+i e sustentabilidade”. Baixo este título, a Comisión de Innovación e I+D de Clusaga organiza unha xornada no edificio CACTUS do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que terá lugar mañá en horario matinal en Lugo. O Clúster Alimentario de Galicia afronta neste ciclo un novo reto como é a liña de sustentabilidade e economía circular, que ten adquirido moita importancia polas tendencias que se están a desenvolver a nivel mundial, e todas as problemáticas que existen pola sustentabilidade e a cadea de valor dos alimentos.
As liñas de actuación que Clusaga pensa desenvolver para mellorar a sustentabilidade abranguen diferentes temáticas, como a polarización de produtos e residuos. Isto significa avanzar cara á economía circular, e aproveitar os subprodutos de alimentos para unha segunda utilización. Tamén a implantación de ferramentas para reducir o desperdicio de alimentos. “Fixemos algúns estudos previos e detectamos que é un problema importante para a sustentabilidade. Todo o que se desperdicia na cadea da alimentación e tamén no consumo”, comenta Roberto Alonso, xerente de Clusaga. Unha última liña de acción terá lugar coa innovación en procesos, e en postprocesos: novos deseños, envases máis sostibles e redución de embalaxes.
Á marxe da sustentabilidade, no que é estrictamente innovación, teñen definidos tres ámbitos onde crearán tres grupos de traballo. Por unha parte, innovación de alimentos, no que pretenden avanzar cara a alimentos máis seguros e saudables. Un segundo estaría dirixido a innovar na produción e comercialización, tanto en procesos como en novas tecnoloxías. Isto recolle a robótica, o big data, todo o que axude a ser máis eficiente. A terceira liña tería que ver con loxística e distribución e packaging (envases innovadores, sustentables e novos materiais, valoracións de residuos).
Innovación de alimentos, da produción e comercialización e da loxística serán outras liñas de actuación a desenvolver
A benvida á devandita xornada vaina realizar a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel. Tras ela, o xerente do Clusaga, Roberto Alonso, presentará a Comisión de Innovación e I+D, recentemente constituída, e os grupos de traballo asociadas a ela.
Posteriormente, Miguel Tubio, director técnico de Adegas Martín Códax, e Xaquín Antón, director de proxectos de I+D+i de Clavo Food Factory, abordarán os retos estratéxicos no ámbito da innovación da industria alimentaria galega, coas particularidades diferentes do sector vitivinícola ou o sector dos elaborados.
Esta presentación terá lugar tamén nos diferentes campus de Galicia, dirixida ás comunidades universitarias, para que coñezan cales son as necesidades e os retos do sector alimentario e do Clúster, co fin de que exista unha conxunción das liñas de investigación. “Temos a sensación de que o sector industrial si que xa coñece o Clúster, pero aínda hai empresas pequenas que non o coñecen, e queremos que teñan información do que se está a innovar en Galicia”, apunta o xerente de Clusaga.
Finalmente, a xornada abrirase aos grupos de investigación do Campus Terra da USC, que poderán realizar unha breve presentación para establecer sinerxias co sector alimentario galego. Os grupos de investigación que participarán na xornada de mañá son: Área de Medio Rural da Deputación de Lugo, Unidade de Xestión Ambiental-Edafoloxía, Agrupación Estratéxica BioReDes, GI-2118 Análise sensorial, evaluación nutricional e desenvolvemento de novos alimentos, Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) GI1628, AGRONOMIA, AGUIGEN (GI-1251), Acuigen USC, Grupo Análise sensorial, valoración nutricional e desenvolvemento de novos alimentos (ASAVDNA), Biomodem, MODESTYA (GI-1914) e GI-1720 BioModem.
Deixa unha resposta