Estes son os 26 novos Soletes con Solera en Galicia da Guía Repsol

A distinción galardoa a establecementos galegos das catro provincias: nove na Coruña, sete en Lugo e Pontevedra e tres en Ourense

Chichalovers, en Santiago, é un dos novos Soletes con Solera da Guía Repsol en Galicia. Foto: Chichalovers

A apertura de casas de comida tradicionais, a recuperación de bares antigos nos centros das cidades e o interese renovado da clientela polos sabores de toda a vida. Esa é a filosofía dos ‘Soletes con Solera’, a distinción que entrega a Guía Repsol. Este luns vén de anunciar a nova lista de galardoados, entre os que hai 26 establecementos galegos: nove na Coruña, sete en Lugo e Pontevedra e tres en Ourense. “Nesta listaxe, ademais de lugares lendarios, hai novos establecementos que escarvan a orixe e buscan poñer ao día as receitas que son historia deste país, con agarimo e respecto”, sostén o anuncio dos galardoados.

“Queremos celebrar a quen se mantivo fiel aos sabores nos que se recoñecen varias xeracións. Estes Soletes con Solera comparten unha filosofía común que se nutre da contorna e a herdanza recibida, tan vixente en vilas e cidades pequenas e que nos últimos tempos contaxiou dese arraigamento as grandes urbes e a unha parte dos que están a estrear os seus negocios”, explicou María Ritter, directora de Guía Repsol.

Dende barras ata pastelerías

Os Soletes repártense entre cociñas onde as receitas se manteñen inalterables, aínda que a experiencia vai enriquecendo ano tras ano. Tamén reciben un recoñecemento as barras, onde o produto, os costumes, a decoración e ata o acento de clientes habituais e o persoal explican o lugar no que te atopas. Ademais, as cafeterías e pastelerías teñen esta vez unha representación moi especial: o forno que mellor fai o doce típico da túa zona tamén merecía un premio. Por exemplo, entre os galardoados en Galicia ata hai bocadillos de autor con gandería propia e pan de obradoiros locais, como é o caso de Chichalovers en Santiago de Compostela.

Segundo explican dende a Guía Repsol, boa parte dos bares, casas de comidas e cafeterías que obtiveron a distinción traballan por convicción dunha maneira sostible, porque tamén niso consiste a tradición. O produto de proximidade, o aproveitamento e o aforro de enerxía son, en moitos Soletes con Solera, unha cuestión de sentido común. Os expertos da Guía Repsol repartidos por España trazaron unha listaxe onde todas as provincias están representadas. Será en Córdoba cando se celebre este luns o acto de entrega dos Soletes.

Os Soletes galegos

Galicia, que xa conta con 289 Soletes, suma agora 26 novos “con Solera”. Son estes:

A Coruña
  • Arco da Vella, Fisterra
  • Casa Ponche, Jumbo H1 e Rodolfus na cidade da Coruña
  • Chichalovers e O Gato Negro en Santiago de Compostela
  • O Ribeiro, en Corcubión
  • Oliva Bar e Levar, en Ferrol
  • Os Arcos, en Betanzos
Lugo
  • A Taberna de Montse, en Riotorto
  • As Triegas, en Folgoso do Courel
  • Cantábrico e Mazo de Santa Comba, na cidade de Lugo
  • Delicias Roasters, en Ribadeo
  • La Alianza, en Mondoñedo
  • Villacol, en Cervantes
Pontevedra
  • Besadío, en Pazos de Borbén
  • Campos, en Vilagarcía de Arousa
  • El Molino, en Vigo
  • La Viuda e O Regato Pequeno, na cidade de Pontevedra
  • Muíño da Chancha, en Meaño
  • O con de Aldán, en Cangas
Ourense
  • Italia, en Verín
  • Catador e Pepinillo, na cidade de Ourense

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *