O 34% da poboación infantil entre 8 e 16 anos ten sobrepeso ou obesidade en Europa. Os nenos e adolescentes europeos son cada vez máis gordos, en particular nos países do sur. Estamos ante a peste silenciosa do século XXI? A profesora e investigadora da Universidade Pública de Navarra Idoia Labayen advirte que, por primeira vez na historia, a obesidade fará que a esperanza de vida diminúa na próxima xeración.
—É a obesidade infantil a outra epidemia do século XXI?
—Si, podemos afirmar que así é. No últimos vinte anos repetiuse en incontables ocasións que a obesidade infantil é unha epidemia. De feito, sabemos xa que a esperanza de vida da próxima xeración será menor que a nosa debido, en gran parte, ao sobrepeso e a obesidade. No ano 2000 xa o advertiu a Organización Mundial da Saúde (OMS). Pero nada cambiou. Elaboramos diagnósticos, realizamos investigacións, pero nada cambia. E as cifras seguen aumentando.
—Os últimos estudos realizados polo grupo ELIKOS en colaboración con outros así o demostran. Son tan malos eses resultados?
—Estamos preocupados. As taxas de obesidade e sobrepeso triplicáronse. Realizamos primeiro un estudo con outras institucións estatais nas escolas para coñecer os hábitos de alimentación, o nivel de exercicio físico e a prevalencia do sobrepeso e a obesidade infantil e adolescente. Despois, o Goberno de Navarra solicitou outro estudo, nunha mostra representativa, para coñecer os estilos de vida e a prevalencia de sobrepeso nos escolares navarros. Os resultados dinnos que un de cada tres nenos de entre 8 e 16 anos ten exceso de peso. Os hábitos alimenticios son malos xa que se está perdendo a dieta mediterránea e o nivel de actividade física é baixo. O 60% non cumpre o mínimo de tempo que recomenda a OMS, 60 minutos diarios en movemento.
—No norte de Europa as taxas de obesidade son menores.
—Así é. Participamos nalgunhas investigacións europeas, con adolescentes e poboación infantil, e as conclusións son sempre as mesmas. En Suecia, en Noruega, en Dinamarca a prevalencia do sobrepeso e a obesidade é máis baixa que nos estados mediterráneos. En España, Italia, Grecia os niveis son considerablemente maiores. Os do norte móvense máis e comen máis froita e verdura.
—O exceso de peso é nocivo a calquera idade. No caso dos máis pequenos, que consecuencias ten?
—O tecido adiposo das persoas con sobrepeso aumenta a cantidade de adipoquinas e citoquinas inflamatorias liberadas, sustancias que están implicadas en moitas das manifestacións clínicas desta patoloxía, como a diabetes, hipertensión arterial ou enfermidade cardiovascular. Si esta situación comeza en idades temperás da infancia, as complicacións asociadas á obesidade tamén se manifestarán antes mesmo da vida adulta. De feito, detectamos que están a xurdir perturbacións no fígado desde a idade infantil. É o que denominamos esteatose hepática, isto é, acumulación excesiva de graxa no fígado, o que provoca problemas de saúde importantes. O 35% dos nenos diagnosticados con sobrepeso ou obesidade desenvolveron a enfermidade. Neses nenos se quintuplica a posibilidade de desenvolver unha diabetes. Multiplícase tamén o risco de desenvolver enfermidades cardiovasculares. Si seguimos con esta tendencia, imos empezar a ver xa casos en persoas novas en poucos anos.
“Nenos e adolescentes móvense menos, están sentados demasiado tempo e incumpren a recomendación de actividade física durante unha hora diaria”
—Analizaron as distintas causas detrás desta tendencia. Os resultados da investigación afirman que nenas e nenos, na actualidade, móvense menos que antes.
—Si, as conclusións das nosas investigacións confirman que nenos e adolescentes móvense menos. Tamén se reduciron as horas de exercicio físico na propia escola e cambiaron os costumes no tempo de lecer, o tipo de actividade. Hoxe en día xogan menos nos parques, practican deporte en grupos reducidos e as pantallas ocupan gran parte do seu tempo libre. Están sentados demasiado tempo e non cumpren coa recomendación da OMS de actividade física moderada ou intensa durante unha hora diaria.
—O descenso da calidade da alimentación tamén está relacionada con esta epidemia. Onde está a dieta mediterránea?
—O certo é que a dieta mediterránea, admirada en todo o mundo, cada día practícase menos. O problema é multifactorial. Os costumes familiares cambiaron. Os proxenitores dispoñen de menos tempo para dedicarlle á compra e á cociña. As mulleres traballamos fóra e xa non quedamos en casa. Antes eran as nais as responsables desa importante tarefa e, en xeral, a alimentación era máis sa. Este sería un dos factores, pero non só. Hai unhas décadas os refrescos, bebidas azucaradas e precociñados non eran frecuentes en casa. Eran produtos caros e apenas os consumiamos. Tomabamos como postre froita ou un iogur natural. Hoxe son produtos baratos, moi accesibles e hai unha gran variedade no mercado cunha oferta moi atractiva.
—Cremos saber que é o que consumen os nosos fillos.
—Creo que hai moito descoñecemento. Non é fácil ler unha etiqueta que nos permita entender os ingredientes dun produto. O azucre, por exemplo, ten moitos e variados nomes. Os máis pequenos consomen demasiado azucre, moito máis do que necesitan. Nos alimentos preparados o nivel de graxa é demasiado alto, teñen tamén moito sal, sustancia que provoca máis desexo para comer. A presenza deses alimentos nas nosas casas aumentou porque, entre outras causas, o prezo do produto fresco é máis elevado. Os factores son moitos e variados pero todos empuxan nunha mesma dirección: a calidade da alimentación diminúe.
“A presenza de azucre e graxa nas nosas casas aumentou porque, entre outras causas, o prezo do produto fresco é máis elevado”
—Outro factor na ecuación é a pobreza. A menos ingresos, máis sobrepeso e obesidade?
—Así é. Podémolo comprobar en Navarra, País Vasco e La Rioja. As conclusións dun estudo recente, realizado en centros escolares destas comunidades, mostran un 40% de sobrepeso ou obesidade infantil e adolescente entre as familias inmigrantes. No caso de nenos cuxos pais e nais son oriúndos, sitúase nun 25%. Este desfasamento obríganos a reflexionar como sociedade. Danse aquí varias circunstancias. Por unha banda, os hábitos alimenticios non son bos, pero ademais, os proxenitores teñen unhas xornadas laborais moi longas e estes nenos e nenas moitas veces están sós en casa e ven moita televisión. Doutra banda, o deporte hai que pagalo na maioría dos casos, o que provoca que descenda o seu nivel de exercicio físico.
—E chegou a pandemia de coronavirus. Hai evidencias de que o problema da obesidade infantil agudizouse neste último ano?
—Si, eramos conscientes de que a saúde infantil era menor nas familias con menor nivel socioeconómico. Por iso, puxemos en marcha unha segunda avaliación para medir as consecuencias do confinamento. Este estudo evidencia o impacto negativo do confinamento derivado da pandemia nos niveis de actividade física e condutas sedentarias da infancia. Móvense aínda menos e dedican máis tempo ás pantallas. Efectivamente, o problema agravouse e, se non se atalla, terá consecuencias no futuro.
—O problema está diagnosticado. Que medidas habería que tomar para atopar unha solución?
—Nenas e nenos teñen que vivir nunha sociedade sa. Por iso, hai que incentivar que aumente a actividade física e aumentar o consumo de alimentos saudables. É un problema multifactorial que incumbe a toda a sociedade. Estes achados deben ser tomados en conta para pór en marcha estratexias de saúde pública que garantan á poboación infantil o poder desenvolverse nunha contorna sa que permita preservar a súa saúde. Os nenos deben moverse todos os días un mínimo dunha hora e deben alimentarse ben, tamén todos os días.
Deixa unha resposta