Boísimo vén de estrear Produtos viaxeiros, unha reportaxe protagonizada polo chef Javier Olleros (Culler de Pau) que invita a reflexionar sobre a orixe dalgúns dos produtos máis senlleiros da gastronomía galega a través das achegas de científicos, divulgadores e pequenos produtores de diversos lugares da comunidade. Para conseguir este resultado foi necesario un intenso traballo previo a nivel conceptual e de investigación no que o propio Olleros se involucrou directamente.
Todo este proceso queda condensado en 20 minutos de reportaxe xurdida do amor polo produto e a curiosidade por coñecer máis sobre el, buscando enfoques e olladas novas á hora de divulgar a gastronomía galega. Agarimo, sostibilidade, xeración de valor engadido e diversidade son algunhas das palabras clave para entender a esencia de Produtos viaxeiros.
Chea de ritmo e cunha narrativa áxil, nesta peza audiovisual a información vaise dosificando e combinando coa emotividade dalgunhas experiencias sobre o territorio. Unha obra de autor que aposta por afondar no coñecemento sobre a gastronomía desde diversos eidos do coñecemento, pero tamén por dar visibilidade ás distintas persoas e proxectos que traballan na súa posta en valor.
“O resultado é froito dun traballo coral de todo o equipo, aproveitando a experiencia de anos no ámbito gastronómico e tamén porque nos mantemos atentos ao que pasa”, explica o director da reportaxe, Alberto Baamonde (Zinqin Audiovisual/Esmerarte). O punto de partida do proxecto está precisamente nas inquedanzas de Olleros e Baamonde arredor dos conceptos de autóctono, alóctono e as viaxes do produtos gastronómicos. Unhas ideas que ao principio eran reflexións vagas e xenéricas pero ás que, pouco a pouco e entre os dous, conseguiron darlle forma.
Segundo avanzaban na definición do concepto ían facéndose máis conscientes da súa amplitude e profundidade: a idea da viaxe dos produtos tanto podía referirse un percorrido físico, ao longo da historia ou incluso de tipo simbólico. Así, comezaron a pensar nos posibles enfoques e proxectos locais que poderían encaixar neste concepto que xa empezaba a perfilarse con maior definición.
Todo este traballo previo convenceulles de que pagaba a pena desenvolver a idea e que, tendo en conta a complexidade do concepto, era necesario un rigoroso labor de investigación, documentación e procura de diversos puntos de vista. “Javi tiña moi claras algunhas persoas e entidades que podían facer achegas valiosas, así que contribuíu a abrir algunhas liñas de traballo. El tamén quería aprender co vídeo”, lembra Baamonde.
Olleros: “O máis ‘chulo’ de vivir o proceso desde dentro é que te permite estar en contacto con persoas moi interesantes. Estas redes son os motores dos cambios”
Para OIleros, o máis valioso da fase de elaboración do audiovisual foi precisamente “a colaboración entre disciplinas e as distintas achegas que fai cada unha delas”. “O máis chulo de vivir o proceso desde dentro é que te permite estar en contacto con persoas moi interesantes. Créase un mundiño arredor que é fantástico porque hai un sentir común, e todo iso enriquece”, asegura o cociñeiro e propietario de Culler de Pau, quen destaca ademais que “estas redes son os motores dos cambios”.
Investigación e documentación
Director e cociñeiro tiñan claro que, para traballar arredor do concepto de produto viaxeiro e elaborar un relato desde o rigor, a investigación era unha fase fundamental. Non só había que identificar que produtos chegan e cando o fan, tamén era necesario afondar en cuestións como por que algúns produtos trunfan e se consolidan no territorio e que tipo de achegas nos deixan á sociedade. “O proceso levounos a descubrir o importante papel que xogaron algúns produtos en distintas transformacións sociais, económicas e culturais que se foron producindo en Galicia ao longo da historia”, explica a redactora Patricia Muñoz, quen participou no proceso de documentación.
Estes traballos tamén permitiron ao equipo seleccionar os distintos enfoques e puntos de vista que aborda o audiovisual. Entre eles destacan a perspectiva da investigación histórica, biolóxica e do funcionamento dos ecosistemas terrestres e mariños; así como as iniciativas que traballan día a día na posta en valor de produtos como o millo corvo (Asociación Cultural Meiro) ou o queixo artesanal elaborado en Galicia a partir de leite de vaca de raza jersey (Airas Moniz).
Historias, persoas e lugares
Unha vez seleccionada e contrastada a información a través de consultas bibliográficas e a diversos investigadores, o seguinte paso foi unha intensa labor de produción para lograr localizar e contactar ás persoas que ían formar parte da reportaxe e entrevistalas nos lugares onde investigan, traballan ou transforman distintos produtos viaxeiros.
Varias xornadas de gravación durante o pasado mes de novembro levaron ao equipo a percorrer distintas paisaxes das Rías Baixas así como da Galicia interior, sempre co obxectivo de poder mostrar aos distintos protagonistas no entorno no que traballan co produto. As distintas localizacións inclúen lugares que van desde a sede do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) en Vigo ata os prados de pasto vacún de Chantada, pasando pola Misión Biolóxica de Galicia en Salcedo (Pontevedra), a zona de produción de millo corvo en Meiro (Bueu) ou o restaurante de Olleros no Grove. No vídeo tampouco faltan localizacións no Camiño de Santiago, como itinerario físico, espiritual, histórico e cultural con repercusións na propia gastronomía.
Produtos viaxeiros é unha singular viaxe por Galicia, tanto no espazo coma no tempo, na procura de novas formas de descubrir as orixes da nosa singular gastronomía. Segundo asegura o director do audiovisual, “todas as persoas que aparecen no vídeo son xente que traballa con paixón, busca revalorizar o produto dun xeito sostible e tendo presente o amor polo territorio”, cada unha desde o seu ámbito. “Ao final, o importante son as historias e as persoas. Porque non se trata só do produto, senón do uso que se faga del”, advirte.
Olleros, fío condutor das distintas historias da reportaxe, tamén considera que “a parte humana é clave” na reportaxe. “O meu interese polos produtos viaxeiros é que sumen, non que resten. Todo ese coñecemento nos dá pistas para que os produtos constrúan un mundo máis diverso, pero tamén máis sostible”, conclúe.
Deixa unha resposta