Boísimo estreou este mércores a reportaxe Produtos viaxeiros, unha viaxe aos orixes da gastronomía da man do dobre estrela Michelin Javier Olleros, de Culler de Pau. Olleros condúcenos ao cerne da nosa mesa nesta peza de divulgación gastronómica dirixida por Alberto Baamonde, de Zinqin Audiovisual.
Produtos viaxeiros é unha historia de amor á gastronomía, que trata de responder a preguntas como de onde procede un produto, cando o podemos considerar autóctono (e cando non) e como viaxa polo tempo e polo espazo, co obxectivo engadido de permitirnos distinguir se é un enriquecemento ou unha ameaza para os nosos ecosistemas.
O documental parte das inquedanzas de Olleros arredor do produto, a gastronomía de Galicia e as súas orixes. El é o fío condutor sobre o que se van tecendo distintas historias, moitas delas contadas desde enfoques novidosos. Trátase de reunir a persoas e proxectos que axudan a entender e mesmo a enriquecer o concepto de produto viaxeiro.
O audiovisual recolle as achegas de investigadores e especialistas nos eidos da historia, a investigación biolóxica ou dos ecosistemas; os cales expoñen os seus coñecementos xunto ás experiencias de pequenos produtores que están a traballar na posta en valor de iniciativas singulares. Produtos viaxeiros é unha obra realizada ao abeiro do Fondo Xacobeo 21, da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Deixa unha resposta