‘Produtos viaxeiros’: unha historia de amor á gastronomía da man de Javier Olleros

Boísimo estrea o 3 de marzo unha reportaxe audiovisual que invita á reflexión sobre as orixes da nosa mesa

Javier Olleros.

De onde é un produto gastronómico? Que produtos podemos considerar autóctonos e cales non? Como viaxan os produtos? Enriquecen a gastronomía e os propios ecosistemas ou, pola contra, poden chegar a ser unha ameaza? Estas son algunhas das preguntas que sobre as que reflexiona Produtos viaxeiros, unha reportaxe divulgativa sobre gastronomía galega realizada por Zinqin Audiovisual para Boísimo. A peza audiovisual estrearase o próximo 3 de marzo en boisimo.gal e as súas redes sociais.

Protagonizada polo chef Javier Olleros (Culler de Pau), Produtos viaxeiros parte das inquedanzas do cociñeiro arredor do produto, a gastronomía de Galicia e as súas orixes. El é o fío condutor sobre o que se van tecendo distintas historias, moitas delas contadas desde enfoques novidosos. Trátase de reunir a persoas e proxectos que axudan a entender e mesmo a enriquecer o concepto de produto viaxeiro.

O audiovisual expón o caso do millo, un dos produtos viaxeiros máis emblemáticos da gastronomía galega

O audiovisual expón o caso do millo, un dos produtos viaxeiros máis emblemáticos da gastronomía galega

O audiovisual recolle as achegas de investigadores e especialistas nos eidos da historia, a investigación biolóxica ou dos ecosistemas; os cales expoñen os seus coñecementos xunto ás experiencias de pequenos produtores que están a traballar na posta en valor de iniciativas singulares. Nese sentido, o director do audiovisual, Alberto Baamonde, destaca que “a gastronomía ten unha cadea de valor que remata no prato, pero que previamente pasa pola cociña e, antes, por un produtor”.

“O importante no noso traballo audiovisual son as historias e as persoas”, unhas persoas que, desde diferentes eidos, están unidas polo feito de que “traballan con paixón nos seus campos profesionais; buscando a revalorización do produto, a sostibilidade e actuando sempre desde o amor polo territorio”, asegura.

“É fundamental para entender por que un produto chega e se desenvolve nun lugar”, asegura o director, Alberto Baamonde

 

Desde a preservación dos ecosistemas e especies ata o mantemento de tradicións, todos os puntos de vista incluídos na reportaxe fan achegas que axudan a entender non só de onde vén un produto, senón “por que chegou ata aquí e se mantén”. Segundo explica, “o enfoque histórico non se adoita traballar moito e, sen embargo, é fundamental para a gastronomía entender por que un produto chega e se desenvolve nun lugar”.

Non obstante, precisa que esta reportaxe divulgativa non busca tanto dar unha resposta pechada a cada unha das preguntas que propón, senón que quere mostrar unha serie de exemplos que leven a “unha pequena reflexión que invite á xente a preguntarse de onde veñen os produtos”. “Non todo é branco ou negro”, advirte.

Unha cuestión de responsabilidade

Pola súa banda, o interese de Javier Olleros no concepto de produtos viaxeiros parte dunha “dúbida” arredor do que é autóctono e o que non, e dun afán de “desmitificar algúns estereotipos”. “O meu afán é que os produtos viaxeiros sumen e non resten, que constrúan un mundo máis diverso pero tamén máis sostible”, asegura.

Olleros asegura que hoxe en día os cociñeiros teñen unha visibilidade e voz que vai máis alá do feito de cociñar, o que lles dá tamén una “responsabilidade. Por iso, mantén sempre a inquedanza de querer saber máis sobre cada produto e, así, poder falar cun coñecemento que “non alimente a confusión”.

Olleros: “O meu afán é que os produtos viaxeiros sumen, que constrúan un mundo máis diverso pero tamén sostible”

En canto á súa experiencia con Produtos viaxeiros, o chef e propietario de Culler de Pau asegura que a súa participación e implicación no proceso de elaboración do audiovisual deulle a oportunidade de “poder coñecer mellor o produto”, pero tamén de estar en contacto “con persoas interesantes coas que se forma unha comunidade fantástica porque existe un fío común”. Ao seu xuízo, este tipo de colaboracións “fortalecen toda a cadea de valor da gastronomía”.

O tándem perfecto para divulgar gastronomía

Produtos viaxeiros non é, nin moito menos, o primeiro proxecto gastronómico no que Alberto Baamonde e Javier Olleros traballan cóbado con cóbado. Cada un desde o seu ámbito, xuntos suman unha importante e recoñecida bagaxe profesional. Autor de audiovisuais como Cociñando na fin do mundo e O equilibrio dos opostos, Baamonde ten sido galardoado dúas veces cos Premios Álvaro Cunqueiro de Xornalismo Gastronómico. Pola súa banda, Olleros tamén ten acadado diversos recoñecementos no campo da restauración, sendo Culler de Pau o primeiro restaurante de Galicia con dúas estrelas Michelin.

O seu traballo conxunto na divulgación gastronómica vén xa de anos atrás e, de feito, a idea de traballar o concepto de produtos viaxeiros a través dunha reportaxe audiovisual xa lles roldaba pola cabeza desde hai anos. Finalmente, esta idea vén de materializarse nesta produción realizada para Boísimo, elaborada a través do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021.

'Produtos viaxeiros' fala de historias e persoas, dando voz a pequenos produtores

‘Produtos viaxeiros’ fala de historias e persoas, dando voz a pequenos produtores

Despois de varios anos de relación profesional que acabou desembocando en amizade, e de varios traballos conxuntos, ambos se entenden á perfección e as súas filosofías á hora de comunicar e divulgar a gastronomía están plenamente aliñadas. “Alberto foi unha sorte na miña vida. Podo falar con el con liberdade, é alguén que escoita e con quen me sinto moi cómodo porque sempre me achega diferentes enfoques”, asegura Olleros sobre Baamonde, a quen considera “un colaborador necesario para contar a historia de Culler de Pau”.

En canto ao concepto dos produtos viaxeiros, a idea seduciulles aos dous desde o primeiro momento e en seguida viron claro o paralelismo entre os movementos das persoas e os dos produtos ao longo da historia. “En seguida pensamos na emigración”, indica Alberto Baamonde, quen lanza unha pregunta clave: “Que quere un produto cando viaxa?”.

Olleros, galego nado precisamente na emigración, atopa rapidamente unha resposta sobre a que comezar a traballar: “Un produto que viaxa quere un fogar e quere multiplicarse”. Esta idea é tamén o punto de partida do audiovisual, un relato de historias de amor polo produto que achega enfoques novidosos e que, sobre todo, fai un chamamento a reflexionar sobre os alicerces da nosa cultura gastronómica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *