O sonense Rogelio Santos Queiruga (Santiago, 1977) é un mariñeiro e labrador da parroquia de Queiruga, en Porto do Son, que xa conseguiu ter máis de 10000 seguidores nas redes sociais. A través delas conta o seu día a día e defende o respecto ao medio mariño. Os seus vídeos tirando desde a súa lancha ao mar centolas ou polbos que non dan o talle, ou que simplemente están en veda, e recordando os cartos que por iso se pagaría no mercado, fixéronse moi populares. Non busca aplausos nin fama, senón facer feliz a quen o le e ve, e tamén aprender. Leva 25 anos traballando no mar e agora exerce como segundo patrón da lancha coa que cada día sae a faenar xunto ao seu irmán.
-Por que decidiu empregar as redes sociais para mostrar o que sucede no mar?
-Con 14 anos tiven que deixar os estudos porque morreu meu pai nun accidente laboral no mar. Quedamos descolocados na casa e tivemos que botar unha man axudando a miña nai e coidando á miña avoa, que estaba acamada. Con 18 anos xa empecei a ir ao mar. Hai uns anos decidín estudar de novo. Fixen a ESO para adultos e agora estou rematando o Bacharelato. Houbo un profesor de Lingua Castelá que me animou, porque lle gustaba a miña forma de escribir nos comentarios de texto, a que fixese un blog e compartise as miñas vivencias nas redes sociais. Notei que falando da horta e do mar a xente quedaba enganchada e agora xa non podo paralo. De feito, dedícolle un par de horas ao día a publicar cousas cando chego a casa de faenar, ou ás veces desde o propio mar se fai bo tempo.
“Notei que falando da horta e do mar a xente quedaba enganchada e agora xa non podo paralo”
-De todo o que leva publicado, que é o que considera que tivo máis impacto?
-O que máis impacta é ver a un mariñeiro que respecta as normas do mar e que respecta o mar. Hai moita xente que fai cousas moito mellores de calidade que o que publico eu, pero o meu selo identificativo é mover a conciencia da xente. Non creo que faga nada fóra do normal. Meu irmán é máis eu saímos ao mar e respectamos o medio que nos dá de comer.
-É vostede un pescador ou mariscador atípico?
-Eu como mariñeiro non me considero atípico. Hai moita xente que me escribe dicindo que oxalá houbera tantos coma min. Pero eu creo que ten que ver con que a xente ten moito descoñecemento do que é o mar na actualidade, e tamén do que foi ao longo da historia. Os mariñeiros si que o coñecen, e en Galicia apréciase moito aos mariñeiros, pero fóra de nós descoñécese a cantidade de normas que temos que cumprir. Eu son un traballador de baixura, pero sinto moita admiración por aqueles que están a defender barcos grandes lonxe da costa.
Son mariñeiro en Galicia e esto é centola en veda que devolvemos ao mar. Que son 140 euros para un político, banqueiro ou gran empresario? Nada. Para moita xente moitos cartos. Non, non todos somos iguais. Coidar do mar é cousa de todos, non solo de turistas ou pesca deportiva. pic.twitter.com/PhiM8Th9NW
— Rogelio Santos Queiruga (@QueirugaRogelio) October 1, 2020
-Que lle din os seus compañeiros de profesión?
-Vexo que me aceptan e están contentos. Escríbeme xente doutras confrarías e dime: ‘Rogelio, onde ti vaias, vou eu’. (Risas). A min iso sobrepásame un pouco. Recibo unha acollida enorme por xente da que vende nas prazas, científicos, persoal de vixilancia da Xunta e da Garda Civil, xornalistas… Sinto un apoio enorme. Expreso o que eu sinto e hai moita xente dentro do mar que se sente identificada, pero non me considero un voceiro deles, aínda que hai quen me di que podo selo. Moitos coméntanme as prácticas sustentables que eles mesmos fan, pero que ao mellor non as gravan en vídeo. Niso eu si que son atípico, porque teño a facilidade de contalo.
-Pero os vídeos que fai, nos que vostede devolve ao mar peixe ou marisco que non reúne as condicións para apañalo, cre que serven para concienciar aos mariñeiros?
-Para eles e para todo o mundo. Que pode ser máis inspirador que ver a un mariñeiro que colle un lumbrigante de 5 ou 6 quilos con ovas ou en veda e que o devolve ao mar, e que se vexa que o devolve contento. E quen di isto fala de raias mosaico, rodaballos que non dan o talle ou quilos de centolas. Cando eu empecei a andar ao mar non existían estas normas nin a conciencia que existe hoxe. Se tiras ao mar un rodaballo con 29 centímetros e non 30, que é o mínimo, iso debe ser inspirador. Contra as malas prácticas temos que loitar todos. Tamén existe responsabilidade por parte do consumidor, que debe evitar mercar este marisco con ovas, ou peixes que non dan o talle.
Ver esta publicación en Instagram
-Canto cre que pensa a xente cando come un marisco ou un peixe no que hai detrás desa captura?
-Non o pensa moito. Cando ve imaxes de barcos, de oleaxe e das penurias que pasan os mariscadores ou os mariñeiros de alta mar. Cando morre un de nós, aí si que o pensas. Pero cando se está a consumir non se pensa no traballo que custa pescalo.
-Estamos lonxe de conseguir ter a desexada pesca sostible?
-Nunca houbo nin a cantidade nin o nivel de esixencia actual, nin o número de normas a cumprir, nin tan elevado nivel de cumprimento de todo o relacionado coa sustentabilidade. Non se trata soamente dos talles mínimos, ou das especies con ovas protexidas, trátase tamén de normas que regulan os cupos de capturas, o número de aparellos que podes levar a bordo, o tamaño e a potencia dos barcos. En Galicia vendéronse en 2019, cumprindo con todas as normas, 160.000 toneladas de peixe e marisco. Galicia é un exemplo ao mundo de cumprimento das normas de sustentabilidade. Por desgraza hai moitas nacións no mundo cuxos barcos e pesca están no punto de mira pola súa pesca industrial, que arrasa con todo, e pola súa falta de certificación. Iso en Galicia é impensable hoxe en día.
” Galicia é un exemplo ao mundo de cumprimento das normas de sustentabilidade”, di Rogelio Santos
-Pero segue habendo pesca que non pasa por lonxa…
-Segue habendo e existen furtivos tanto do mar como de terra. E existen turistas de traxe de baño que van as zonas das mariscadoras a coller de forma furtiva. Pero aí existe un traballo de vixilancia que está facendo que cada vez suceda menos. Isto convive coa cantidade brutal que sí cumpre con todas as normas. E ao sector represéntalle un esforzo, porque no mar hai temporadas malas, como agora, que levamos un mes sen case saír ao mar. Para un mariñeiro é duro, ás veces, cumprir as normas. Representa un desafío. Creo que todo o mundo está tratando de cumprilo, isto non quere dicir que se faga perfecto. A sustentabilidade é unha asignatura pendente para a xente do mar, pero tamén para as industrias de terra. Para o sector da alimentación é crucial que continúe habendo peixe no mar.
-Dicía o profesor Ángel Guerra que de seguir por este camiño imos esquilmar o polbo dos nosos mares, está de acordo?
-Coñezo o seu traballo e penso que está ben dar unha voz de alarma, porque iso crea conciencia de como depende de nós o futuro da pesca. Pero ao mesmo tempo opino que o mar depende de moitas variables, que aínda a día de hoxe seguen a ser un misterio. Houbo un ano que tivemos unha cantidade enorme de palometa, e os barcos que ían pescar fóra viron que se estaba pescando aquí, na plataforma galega. O ano pasado as costas de Galicia estiveron repletas de anchoa como eu non recordo que pasase nunca. Viñeron innumerables embarcacións do País Vasco, que estiveron amarradas no Porto do Son, e pescouse como nunca. Tampouco ninguén o puido predecir.
-Pero a realidade é que hai pouco polbo nas nosas augas…
-Si, iso está claro, pero é das especies que está sometida a unha maior presión pola frota pesqueira. Quizais habería que replantexar a presión que se está a exercer sobre o polbo en Galicia. Ao mesmo tempo ten un paro biolóxico, un talle mínimo… Por iso, aínda que a pesca inflúe, seguro que hai outros factores. O ano pasado houbo moi pouco choco, e sen embargo este ano estamos tendo moitísimo. Non hai unha explicación do porqué.
-Outra das súas preocupacións é o lixo mariño. Unhas 300.000 toneladas de plástico acaban aboiando todos os anos nos océanos. Nas nosas augas aprecia ese problema, ou grazas ao noso medio mariño que é tan extraordinario non se nota tanto?
-O mar non quere o plástico nel. Os mariñeiros sabemos o que hai que facer cos plásticos. Cando o recollemos nas nosas redes, non importa que non sexa noso, haino que traer para terra. Moitos barcos están traballando nisto, outros participan en campañas promovidas por grupos ecoloxistas, todo o que se quite é moi positivo. Tamén é moi importante retiralo das praias, non entendo como a día de hoxe non hai por parte da administración un encargo formal de limpar os plásticos cada Concello, e non só no verán. Eu, que traballo en zonas de rocha, podo dicir que aí apenas hai ningún plástico, por iso quero transmitir que se trata dun asunto serio. É certo que a bravura dos nosos mares fai que se autorrexenere e que se limpe moito. Outra cousa é nas zonas varadas, onde si que hai, e moito.
-Para rematar, se non fose mariñeiro gustaríalle ter sido…
-Volvería ser mariñeiro, non me imaxino noutra cousa que non sexa o mar. A divulgación está moi ben, pero para min isto só é un hobbie. O meu hábitat está no mar.
Deixa unha resposta