Así é o mirabel: a doce froita galega que veu de Alemaña

O Rosal é pioneiro no cultivo desta delicada froita, que só se dá durante tres semanas ao ano

O mirabel dáse unhas poucas semanas no verán. Foto: Mirabel do Rosal

O mirabel galego é, literalmente, un froito da casualidade. Procedente de Centroeuropa, onde é moi coñecido e prezado, chegou ao concello pontevedrés do Rosal nos anos 30 do pasado século en forma de agasallo. O caso é que esta dourada parente da cereixa adaptouse perfectamente ao benigno clima do Baixo Miño e hoxe en día é a pedra angular de varios proxectos do sector alimentario radicados na comarca.

O mirabel chegou ao municipio miñoto da man de José Sánchez García, que era mestre e a quen lle trouxeron, como agasallo, unha planta procedente da Selva Negra alemá. “José tiña unha pequena horta para os alumnos na súa escola de Fornelos, no Rosal. Unha vez, un coñecido tróuxolle de agasallo unha árbore de mirabel da Selva Negra alemá”, lembra o seu bisneto, Luís de Lorenzo.

A partir de aí, o cultivo do mirabel comezou a estenderse pola comarca, sobre todo en ámbito familiar. Co tempo, o propio José Sánchez acabou poñendo en marcha A Rosaleira, unha conserveira vexetal que xa funcionaba na década dos 40 e da que hoxe en día o seu bisneto é director de fábrica. “A conserveira xorde porque a el gustáballe moito o campo” lembra De Lorenzo, quen engade que o mirabel en almibre foi das primeiras conservas en elaborarse nas instalacións.

Unha das tradicionais presentacións do mirabel é en almibre. Foto: A Rosaleira.

Unha das tradicionais presentacións do mirabel é en almibre. Foto: A Rosaleira.

Froita fresca menos dun mes ao ano

Debido á morna climatoloxía que caracteriza á zona do Rosal, o seu mirabel ten unha serie de peculiaridades: a maduración dáse aproximadamente un mes antes que en Centroeuropa e, ademais, a súa pel é máis fina. É unha froita cunha tempada moi curta, só se dá durante uns 20 ou 25 días ao ano, de mediados de xullo a mediados de agosto no caso do Baixo Miño.

Debido á curta tempada, e tamén ao feito de que as árbores adoitan dar boa produción en anos alternos, nas propias casas sempre se fixo mirabel en conserva, preservando o excedente en almibre para poder dispor dela durante todo o ano. Alén deste aproveitamento local e familiar, hoxe en día iniciativas como A Rosaleira, Mirabel do Rosal ou Rosabeles traballan para dar a coñecer e consolidar a presencia desta saborosa froita nos mercados a través de distintas presentacións.

No caso das conservas vexetais A Rosaleira, a súa produción de mirabel en almibre queda maioritariamente no mercado local, no ámbito de Galicia, pois trátase dunha froita algo descoñecida, incluso nalgúns puntos da comunidade. “O que si notamos é algún pico de vendas en determinados momentos como pode ser os veráns, porque moita xente que está a pasar as vacacións pola zona a proba e a leva como recordo típico da zona”, explica o director de fábrica da Rosaleira.

“O Rosal é pioneiro. Estamos nunha zona privilexiada e non só cultivamos froito, tamén cultivamos paisaxe”, asegura Salvador Martínez

 

Pola súa banda, Mirabel do Rosal dedícase á froita fresca e, pese a tratarse dun produto delicado, de tempada curta e pouco coñecido nalgúns lugares, consegue que se distribúa a través de grandes canles a diversos puntos de España. “A base de estar no mercado, actualmente podemos dicir que existe demanda”, explica Salvador Martínez, propietario da empresa.

Ademais de traballar o produto en fresco, Mirabel do Rosal produce conservas, marmeladas e outros elaborados dirixidos ao segmento gourmet baixo as marcas Alén do Val e Biobel. Entre estas opcións inclúense propostas innovadoras coma un doce semellante ao marmelo, un aperitivo feito a base de mirabel deshidratado e unha cervexa.

Ademais de dedicarse á froita fresca, Mirabel do Rosal traballa en presentacións innovadoras. Foto: Mirabel do Rosal

Ademais de dedicarse á froita fresca, Mirabel do Rosal traballa en presentacións innovadoras. Foto: Mirabel do Rosal

A súa aposta pola innovación inclúe tamén a iniciativa Mirabel do Rosal Experience, un percorrido polas súas plantacións ecolóxicas que vai acompañado dunha degustación de produto. “O Rosal é pioneiro no cultivo do mirabel galego. Estamos nunha zona privilexiada e non só cultivamos froito, tamén cultivamos paisaxe”, apunta Martínez.

Pastas de mirabel da bisavoa

Outro proxecto que bebe da tradición do mirabel do Rosal é a de Rosabeles, a marca baixo a que Banesa Cortiñas elabora pastas artesanais seguindo unha vella receita familiar. “Son unhas pastas que sempre fixemos de sobremesa na casa. Levan unha crema feita a partir de mirabeles, elaborada coa receita que a miña bisavoa deixou por escrito”, explica a artesá rosaleira.

Banesa Cortiñas dispón de plantación propia e dun obradoiro para a elaboración das galletas no Rosal. Aínda que a súa produción principal de mirabel vai destinada á elaboración das pastas, co excedente fai marmeladas, mirabel en almibre e incluso algún licor.

Rosabeles recupera unha vella receita familiar para facer pastas con mirabel. Foto: Rosabeles.

Rosabeles recupera unha vella receita familiar para facer pastas con mirabel. Foto: Rosabeles.

Despois de 6 anos embarcada neste proxecto, asegura estar “moi contenta” coa resposta do público aínda que, segundo precisa, é froito de moito esforzo e dun traballo comercial que “é complicado porque para moitas persoas o mirabel segue a ser algo descoñecido”. Segundo afirma, “unha vez a xente o proba, gústalle, así que pouco a pouco o produto vai consolidándose nas tendas”. Actualmente a súa produción está presente en varios establecementos delicatessen de Galicia e tamén noutros puntos do territorio español como Madrid, Málaga ou Barcelona.

Previsións optimistas

A tempada de mirabel 2019 foi excepcional, en cantidade e calidade, mentres que a 2020 foi de pouca froita. Tendo en conta que as boas colleitas se dan cada dous anos, este ano, en principio, os produtores poden ollar cara ao verán con optimismo.

Porén, aínda é cedo para aventurarse. Convén apelar á cautela e agardar a que a primavera traia unha meteoroloxía favorable, pois a aparición de xeadas ou sarabias poderían prexudicar ao desenvolvemento e maduración do froito. Se non hai contratempos, a partir do 15 de xullo será un bo momento para contemplar as pólas ben cargadas de froita e poder degustar, en fresco, este ouro doce do Rosal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *