Tras un final de 2019 que foi nefasto para o grelo que consumimos a comezos do pasado ano, a causa das xeadas e as chuvias, este 2021 terá un campaña excelente. No Entroido a meirande parte das plantacións enfocadas a este cultivo tan galego van obter un gran rendemento grazas a que as condicións climitalóxicas do final do 2020 favoreceron o seu desenvolvemento.
Sen embargo, este bo ano de colleita non se vai ver acompañado no cosumo en fresco. Por desgraza vai ser un ano estraño para o grelo e moitos produtos hortícolas. Non haberá feira do lacón e o grelo en Lalín, nin a festa do grelo de Xermade, As Pontes, Monfero ou Tordoia. As celebracións que teñen o grelo como protagonista da mesa non van ter lugar, nin sequera existirán esas reunións familiares nas que se fan comidas co grelo sempre presente nelas.
Elena Cartea, directora da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), asegura que “podemos estar falando dunha das mellores colleitas dos últimos anos. As parcelas de ensaio de cultivo do grelo que teñen na MBG son experimentais, pero serven de modelo de referencia. A diferenza doutros anos nos que, ben por xeadas continuadas ou por enchoupado das terras de cultivo, as colleitas foron entre malas e nefastas, este ano iso non sucedeu. “Houbo un crecemento lento, pero as plantas están moi ben. A pesar dese frío que veu no Nadal, chegou tarde e non queimou os primeiros gromos das plantas. Por iso, sen ser un ano espectacular, podemos estar a falar dun moi bo ano para o grelo e a súa produción“, comenta a membro do CSIC.

Posto de venta nun mercado.
Cando a planta deixa de botar follas, o que chamamos nabizas, e comeza a grelar, sofre moito se veñen varios días continuados de xeadas, porque entón queima o brote e tampouco aparece o grelo. Este ano veu frío, pero saía o sol neses días e iso axudou a que planta desconxelase. En quince días, cando chegue o Entroido, as plantas van estar no seu moller momento. “Non temos unha foto aérea, pero os estudos que temos nos din que nesta campaña as condicións foron moi favorables para o crecemento do grelo”.
Na mesma liña, Luis de Lorenzo, xerente de A Rosaleira, asegura que na zona de Lugo, en Lourenzá, onde teñen moitas leiras das que reciben grelos, non tiveron ninguna complicación grazas ao microclima desta zona. Só tiveron problemas co xeo nun 10% das zonas de Santiago, onde teñen greleiros que lles abastecen.
O Entroido marcará o punto álxido de recollida
No mundo do fresco retrasouse a campaña e aínda non se está a recoller nada. “Iso para nós non é un problema, pero si para a xente que quere consumir grelo en fresco. O grelo estivo latente, o frío serviu para que se curtise. É como se estivese na neveira uns quince días. Este frío viulle ben á campaña. No Entroido, que é onde máis consumo existe, imos ter unha campaña excelente”.
O problema das xeadas é que ata o mediodía non podes recoller grelo, porque nese caso o colles conxelado. O grelo en fresco non entende de ter que esperar, pero agora con este tempo de chuvia moderada con boas temperaturas o grelo crece perfectamente. “Neses días que vai frío hai que esperar, mais non perdes a colleita. Tes 15 días de retraso nalgunhas zonas, pero pouco máis. Tería sido moito máis grave cunha Filomena, que por sorte aquí non afectou”, asegura o xerente da empresa do Baixo Miño.
Nas hortas da Misión Biolóxica experiméntase con variedades adaptadas a distintos momentos do ano
Tamén refrenda esta idea Elena Cartea, que destaca o feito de que Galicia non se vise afectada pola borrasca que cubriu de neve toda España a excepción de Galicia. “Menos mal que Filomena non nos tocou, porque tería atrofiado as raíces que non resisten ben as xeadas continuadas con días con nubeiros. Necesitan chuvia e frío pero moderado, por iso o clima de Santiago vai tan ben”.
Nas hortas da Misión Biolóxica de Galicia teñen unha serie de variedades que conseguiron adaptar e seleccionar para que produzan e florezan en momentos determinados do ano, sobre todo en cultivos protexidos baixo cuberta. Agora estas variedades, que xa se cultivan en lugares da Península Ibérica como Córdoba, están vendo o seu potencial de cultivo ecolóxico nesas condicións.
Moita produción para poucos consumidores
A venda en fresco este ano vaise ver afectada non só polo retraso da colleita, senón tamén pola ausencia de feiras, festas populares, o peche hostaleiro e as restricións a comidas só con convivintes. Ese grelo non se vai perder, pero as cooperativas que teñen produción en fresco seguramente van ter que rebaixar o prezo, porque falamos dun produto moi perecedeiro. Sen embargo, Elena Cartea afirma que “tampouco creo que baixe moito, porque os grelos non son caros no mercado”. Para as conserveiras vai ser un bo ano porque van ter moito grelo que comprar para conservar. En canto ao valor nutricional, a colleita deste 2021 vai ser tamén de calidade. As características beneficiosas que ten para a saúde e a alimentación humana non van variar neste ano.
Para cubrir a produción durante máis meses do ano na MBG teñen xa variedades seleccionadas que van desde as moi precoces ás moi tardías. De tal xeito que sementando en diferentes datas poden ter unha produción durante moitos meses. A partir do momento en que as mínimas empezan a ser importantes, xa non plantan grelo. Aínda que é un cultivo de inverno, non tolera ben as xeadas mentres a planta é pequena. “O momento limitante é cando a planta empeza a botar as primeiras follas. Sei que algunhas empresas, para ter unha produción uniforme, conseguen facer plantacións cando comeza a primavera ou cando ascenden un chisco as temperaturas. No noso caso, todos os experimentos e todos os ensaios que facemos con grelos, facémolos desde finais do verán para colleitar desde febreiro ata abril, puidendo chegar as extra tardías ata maio”, conclúe a investigadora do CSIC.
Deixa unha resposta