Esta fin de semana terán lugar moitas festas co grelo como protagonista. As Pontes, Monfero ou Tordoia son algúns dos concellos que exaltaran este produto tan galego un ano máis. Sen embargo este foi un annus horribilis para o grelo. As continuas chuvias unha vez que se fixeran as sementes a medidados de setembro e no mes de outubro deixaron os campos enchoupados. A eses meses de chuvia seguiulle un tempo de xeadas que provocaron que se estragaran a meirande parte das colleitas.
A data da sementeira varía un pouco do norte ao sur de Galicia, pero en xeral cultívase entre os meses de setembro e outubro. Aínda que é un cultivo de inverno, aguanta moi mal o exceso de auga no chan e as xeadas. Este ano, unha vez comezaron as sementes, non deixou de chover durante tres meses.
As parcelas de ensaio da Misión Biolóxica de Galicia, ou agricultores de Santiago e outras zonas de cultivo tiñan os campos enchoupados. Esta é unha planta que sofre moito este encharcamento radicular e incluso pode chegar a morrer por exceso de auga.
Este ano, unha vez comezaron as sementes, non deixou de chover durante tres meses e isto botou por terra as colleitas
Logo parou de chover e as plantas comezaron a crecer ben. Cando a planta deixa de botar follas, o que chamamos nabizas, e comeza a grelar, tamén sofre moito se veñen varios días continuados de xeadas, porque entón queima o brote, e tampouco aparece o grelo. Nese tempo tamén houbo xeadas, polo que houbo que agardar ata xaneiro para que o tempo dese un respiro ao grelo.
“Foi un ano moi difícil. A produción recuperouse bastante agora nos meses de xaneiro e febreiro coas temperaturas que tivemos, pero para os greleiros foi un ano complicado”, comenta Elena Cartea, directora da Misión Biolóxica de Galicia. De feito, moitas empresas conserveiras das que existen na nosa comunidade quedaron sen produción e tiveron que coller grelos do norte de Portugal.
A pesar deste mal ano, o grelo que se vai poder comer estes días vai manter o amargor característico, e iso que está moi relacionado coas variedades, pero tamén co clima. “Sempre vai manter o amargor a pesar do tempo. O amargor típico do grelo que confiren os glucosinolatos, os mesmos que nas coles de bruselas, aínda que fixera este mal tempo, non o perde”, asegura a xefa do grupo de Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas.
Solucións para o futuro
Como o grelo ten un período de produción tan curto, desde finais de decembro ata primeiros de marzo, época na que se pode colleitar grelo, na Misión Biolóxica de Galicia traballan para ampliar este espazo de tempo. Prácticamente todo o grelo que consumimos fóra de época é grelo que vén de procesados industrais, de conservas en lata ou cristal. O período de produción é moi curto, xa que o grelo hai que collelo cando o brote está en verde. Cando bota a flor, esa planta xa non serve.
Na Misión Biolóxica de Galicia conseguiron variedades moi precoces e outras tardías que se poden consumir no mes de xuño
Como melloradores da xenética vexetal “fixemos programas de selección, co que conseguimos variedades moi precoces de grelo. É dicir, que sobe moi rápido o brote como grelo, de tal forma que poden estar na froitería ou nas conserveiras en períodos que ninguén os ten, ou incluso variedades de grelo moi tardías, que podemos falar de consumilas ata en xuño”, comenta Elena Cartea.
Estas novas variedades teñen un valor engadido no mercado, porque se adaptan ben e porque realizan un ciclo de produción moi diferente. “Tamén acadamos, por métodos de selección, facer que estes compostos que posúen propiedades anticanceríxenas estean en concentracións moitos máis elevadas, o que se chaman enriquecidas en glucosinolatos. Son compostos anticanceríxenos e que serven para a prevención de distinton tipos de cancros”.
O cambio climático
Sen dúbida, o cambio climático vai afectar moitísimo ao grelo. Temos variedades adaptadas a unha temperatura e clima determinado. Posiblemente sucederá, como está pasando xa, que veñen 30 graos en outubro, cando se fai a sementeira. Iso provocará que esas plantas queden raquíticas ou que non teñan un desenvolvemento vexetativo normal, ou que directamente morran. “Dentro dos programas de mellora que se están a desenvolver, estanse facendo variedades que se adapten a temperaturas extremas de frío e calor, para estar un pouco preparados ante unha ameaza de cambio climático que vai ser moi rápido, por desgraza, como estamos vendo”.
Co cambio climático van aparecer novas pragas e enfermidades coas que non tiñan costume de traballar. “Tamén pode ser que muden a época do ano na que xurden. A previsión actual inclúe que cos cambios de temperaturas suceda un cambio na estacionalidade das pragas”.
O grelo, un superalimento?
O grelo é unha planta comestible pertencente ás brásicas (repolos, verzas, coles…), que se leva cultivando en Galicia desde o ano 3.000 antes de Cristo. O grelo é o noso superalimento? Trátase dunha fonte importante de minerais, de fibra e ten moi poucas calorías. Pódese consumir sen restricións, salvo os anticoagulados, aos que en ocasións lles pode interferir e deben preguntar ao médico.
O grelo axuda a prevención do cancro e retrasa o envellecemento celular tan importante en enfermidades como o Alzheimer
Está moi de moda falar de alimentos funcionais, enriquecidos en, e asegura Elena Cartea que detrás disto hai moita publicidade enganosa. Sen embargo, no caso dos grelos partindo da base de que son alimentos que teñen un beneficio demostrado para a saúde humana pola súa capacidade antioxidante, e polo seu baixo aporte calórico, amais de moitas vitaminas e moita fibra, sabemos que a maiores teñen compostos glucosinolatos que axudan a prevención do cancro. “Ademais, teñen unha gran capacidade antioxidante que retrasa o envellecemento celular e iso é importante en enfermidades neurodexenerativas como o Alzheimer ou en enfermidades cardiovasculares”.
Por todo isto non sabe se podemos chamar ao grelo superalimento, pero do que si está segura Elena Cartea é de que “deberiamos consumilo máis, e telo moi presente nas nosas dietas, e non só no Entroido para facer o lacón con grelos”, conclúe a investigadora.
Deixa unha resposta