Nabiza: un dos tres bocados do nabo

Hai tendencia a confundir esta folla, que podemos atopar desde outubro, coa dos grelos que non se dan ata o mes de xaneiro

Unha presa de nabizas

Nabiza: Substantivo feminino. Folla tenra do nabo. Caldo de nabizas.

Tamén chamada rabiza, pero non confundir cos grelos. Teño para min que comemos máis nabizas que grelos, aínda que moitas veces chamemos grelo á nabiza. A nabiza ou rabiza é a folla tenra dos nabos. O nabo, a nabiza e o grelo son os tres bocados que nos ofrece esta planta que din que ten a súa orixe na India, pero que ten tanta presenza nas cociñas e nas casas galegas. Os nabos, a súa cabeza (a raíz), é o que deixamos normalmente para os porcos e as vacas, aínda que nalgúns fogares hai quen o mete no caldo xunto ás nabizas e os grelos.

Onde vén a confusión é coa nabiza e co grelo. A nabiza é a folla, e o grelo é o brote do que saen as flores. Nace directamente da cabeza do nabo e pode ser gordo ou delgado, nacendo del os pedúnculos das follas (nabizas) que o acompañan. Finalmente, na punta do grelo acabará aparecendo a flor do nabo, se é que non acaba antes na pota. Así que primeiro temos a nabiza que se da desde outubro ata finais de decembro ou principios de xaneiro, e despois temos os grelos que chegan de xaneiro a finais de febreiro ou principios de marzo.

O grelo está en comida xusto antes de que apareza a flor, momento no que se endurece ata resultar comestible. A carne do grelo é translúcida, pero cando está duro, no centro do mesmo aparece un cordón de cor moi branca, máis ou menos groso. O grelo ten marca propia en Galicia desde hai unha década, xa que conta coa Indicación Xeográfica Protexida (IXP) desde 2009. O grelo recoñece variedades e ecotipos chamados Santiago e Lugo, e tamén os rexistrados cos nomes de Grelos de Santiago e Globos brancos de Lugo.

2 Comments

  1. AvatarFran Sieiro Reply

    Un dos mellores restauradores deste Estado (mágoa esquecer quen foi, pero penso que Adriá ou Arzak) manifestou hai tempo que hai que ser un pobo moi sabio e de tradición moi antiga en gastronomía para descubrir a xenialidade da combinación do amargor dos grelos ou cimos coa grasa do porco.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *