Cancelacións, restricións e peches perimetrais golpean á venda de alimentos nas feiras

O reparto polas aldeas perfílase como unha alternativa para intentar paliar a caída de actividade

As distintas restricións que se están a aplicar con motivo da Covid-19, tales como os peches perimetrais entre municipios e as cancelacións de moitas feiras, están a repercutir negativamente no sector da venda de alimentos en mercados non sedentarios ao aire libre. “A situación agora mesmo está complicada”, aseguran algúns comerciantes do sector.

Emilio Santiago Janeiro, da queixería Castro Xaneiro (A Cañiza), explica que está a acusar unha grande baixada de vendas debido ao peche de feiras e a importante caída de afluencia de clientes nas que si se celebran, nalgúns casos debido ao peche perimetral e noutros porque a xente xa non se anima a ir ao non celebrarse a feira completa.

Segundo explica, se habitualmente facía unhas 20 feiras ao mes, agora está acudindo “a unhas 14” e na maioría delas “non está indo a comprar nin a metade da xente da que ía antes”. Nese sentido, lamenta que “aínda que a parte de alimentación sigue aberta, non se poden poñer os postos doutro tipo de produtos” que tamén soen atraer xente, como son téxtil e o calzado.

Os produtores reclaman que se fomente a venda ao aire libre en vez de pechar os mercados

Tras un ano 2020 complicado onde polo menos “se cubriron gastos e deu para comer”, sospeita que, se as cousas no cambian no sector, este 2021 “vai ser moi complicado” e “igual xa non vai dar para cubrir gastos”. A xuízo de Emilio Santiago Janeiro, neste contexto de pandemia “deberíase fomentar máis a venda ao aire libre en vez de pechar os mercados, que é o que están a facer moitos concellos”.

Semellante é o caso de Javier Martínez, propietario de Jamones Javier Martínez en Celanova, unha empresa con 8 traballadores que vende o seu produto en diversas feiras das catro provincias. “As feiras son o 90% do noso traballo e agora mesmo estamos a facer aproximadamente o 15% das que viñamos facendo habitualmente”, asegura.

O empresario móstrase pesimista respecto aos próximos meses e, se para el “o 2020 xa foi un ano perdido”, cree que o 2021 irá polo mesmo camiño. “Moitos estamos coa auga ao pescozo. Se seguimos así, creo que a maioría do meu sector teremos que pechar, e estamos a falar de empresas con máis de 20 anos de actividade no sector e con varios empregados”. “Ninguén axuda a este sector, e somos comercio como calquera outro”, engade.

Na procura de alternativas

Neste contexto desfavorable, os comerciantes buscan novas vías para poder manter a súa actividade. Opcións como intensificar a relación directa cos clientes, o reparto polas aldeas ou a procura de novos puntos aos que acudir a vender son algunhas das medidas que se están a explorar para intentar paliar a caída de venda nas feiras.

“Ao principio podes tirar de aforros, pero así podes aguantar durante un tempo. Así que, na situación actual estamos valorando diversas alternativas como facer reparto dos nosos queixos polas aldeas”, confesa o produtor e comerciante da Cañiza. Pola súa banda, Javier Martínez explica que, no seu caso, xa están empezando a acudir a polígonos empresariais e tamén estudan a posibilidade da distribución en furgoneta polos núcleos do rural.

Os dous comerciantes aseguran non entender o peche dos mercados ao aire libre e reivindican a reactivación de todos os tipos de actividade que se inclúen habitualmente nestes recintos. Ambos defenden que esa oferta conxunta é a que ten capacidade de atraer ao público e, por tanto, de que se poidan incrementar as vendas: “A feira facémola todos os feirantes. Unha persoa achégase por unha cousa e ao final tamén acaba picando noutra”, explica Emilio Santiago Janeiro.

Nesa liña, o voceiro da Asociación de Ambulantes e Autónomos de Galicia, Iago Vázquez, reivindica que nos mercados ao aire libre “non hai risco ningún” e pide aos concellos que permitan a actividade para o resto de sectores que non son alimentación. Nese sentido, insiste en que “a feira é o conxunto: o seu principal reclamo é que ofrece moita variedade de produto nun mesmo espazo en un período curto de tempo”.

Pequenos produtores ecolóxicos

Diferentes a estas feiras son os mercados de proximidade e produto ecolóxico aos que acoden agricultores con pequenas producións. No caso destes mercados, nalgúns deles tamén están a percibir certa baixada de afluencia, aínda que, en xeral, non tan acusada como nas feiras.

“Temos a sorte de ter o mercado ao lado e a nosa clientela é moi local: é xente que aposta polo produto de km0”, explica desde Allariz a produtora María José Castro. Na mesma liña se expresa Cynthia Arias desde As Pontes, quen asegura que “moita xente acude porque busca calidade e proximidade” e que, no seu caso, non está a notar grandes cambios.

O que si veñen detectando estes produtores desde hai un tempo é un grande incremento da demanda dos seus produtos a través de canles online, tanto os que teñen páxina web propia como os que se teñen incorporado a iniciativas que xestionan compras e entregas a domicilio. Felipe Allo Pazos, produtor ecolóxico en Zas, está dado de alta nunha plataforma que permite aos clientes facer un pedido e recibilo na casa. “É unha adaptación ás circunstancias. O servizo xa existía antes da pandemia, pero agora a demanda creceu de forma moi importante”, indica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *