A escola infantil de Santiago que deslumbra á ciencia coa dieta atlántica

Un artigo en ‘Science of The Total Environment’ constata que os menús do centro Breogán promoven hábitos alimentarios saudables nos nenos e nas súas familias

A análise realizada por científicos da USC dos menús que se seguen na Escola Infantil Breogán permitiu constatar a súa baixa pegada hídrica e de carbono, feito que se explica en base a que a Escola leva anos seguindo os principios da Dieta Atlántica. “Levamos anos seguindo esta dieta porque cremos que o xeito no que te alimentas de pequeno, inflúe en que sexas un adulto sustentable”, explica a directora da Escola, Luz González Vázquez. O artigo titulado ‘Environmental assessment of menus for toddlers serviced at nursery canteen following the Atlantic diet recommendations’ acaba de ver a luz na revista Science of The Total Environment e está asinado polos investigadores da USC Sara González García, Xavier Esteve Llorens, Luz González, Gumersindo Feijoo, María Teresa Moreira e Rosaura Leis, xunto con Rebeca González García do SERGAS

Os menús da Escola Infantil Breogán da USC son deseñados polo grupo de Nutrición Pediátrica da USC e do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS), coordinado pola profesora Rosaura Leis, seguindo as recomendacións das Sociedades Científicas e os patróns alimentarios da Dieta Tradicional Atlántica, saudable e  biactiva. “O presente traballo pon en evidencia a sustentabilidade destes menús e identifica aqueles que poden supoñer unha maior pegada hídrica e de carbono, proporcionando información que nos permita mellorar aínda máis a súa sustentabilidade”, explica a profesora Leis. Para iso, o estudo conclúe que reducindo a achega de carne de tenreira e modificando algunhas merendas nas que se consomen derivados lácteos, as pegadas hídricas e de carbono veríanse aínda máis diminuídas. A Dieta Atlántica tradicional é unha dieta con baixa pegada de carbono e hídrica. A Escola Infantil Breogán da USC é ademais un lugar de educación nutricional, tentando formar en estilos de vida saudables tanto ao neno como ás súas familias.

“A alimentación nos primeiros 1000 días de vida é unha xanela de oportunidade para a programación  metabólica”

“A alimentación nos primeiros 1000 días de vida, que engloba dende o período fetal ata o segundo ano de vida, é unha xanela de oportunidade para a programación  metabólica”, explica a profesora da USC e responsable do deseño dos menús da Escola. “Como se alimenta o neno neste tempo vai deixar un sinal, que condicionará se vai enfermar a curto, medio e longo prazo. Por outra banda, a adquisición duns hábitos alimentarios saudables dende os primeiros anos de vida vai determinar a forma de alimentarse en idades posteriores e a súa saúde”, apunta.

Menús infantís

A dieta seguida na Escola Infantil Breogán conforma “unha excelente oportunidade para promover hábitos alimentarios saudables nos nenos e nenas, así como nas súas familias”, conclúen os autores no artigo. O estudo establece que as grandes variacións nas puntuacións ambientais están asociadas á composición dos menús. Neste senso, os alimentos de orixe animal son os responsables das maiores demandas de auga e emisión de gases de efecto invernadoiro. “Os menús que incorporan carne de vacún están asociados cos maiores impactos mentres que a introdución de cambios nos menús máis daniños permite melloras ambientais excepcionais”, sinalan. Asemade, constatan que os menús ricos en alimentos de orixe animal poden acadar puntuacións baixas ao combinarse adecuadamente.

A estratexia máis importante para reducir os impactos ambientais basearíase, segundo os autores, en reducir a frecuencia de consumo de carne de vacún, de maneira que o polo e o porco (carne magra) se consuman alternativamente. Esta redución non debería por tanto comprometer a inxesta de proteínas necesaria para os nenos. Tamén se debe de prestar atención ás merendas, sendo estas ricas en carnes frías como xamón ou pavo, e produtos lácteos. Tendo en conta estas cuestións, poderíanse lograr reducións significativas nos indicadores obxecto de estudo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *