O entroido galego súmase ao menú para levar

Recollida no local, reparto a domicilio e preparados envasados, alternativas neste ano marcado pola Covid 

Orellas.

O cocido, o botelo, o lacón con grelos ou a androlla son os protagonistas gastronómicos do entroido galego, xunto con doces como as filloas ou as orellas. Tendo en conta que as actuais restricións para a contención da Covid-19 inclúen limitacións perimetrais nos concellos e o peche dos servizos de hostalería tanto en interior como en terrazas, algúns restaurantes optan por non renunciar aos menús de entroido ofrecendo á súa clientela distintas alternativas.

Se noutros anos estas datas eran un momento de celebración arredor da mesa, con grupos de familias e amigos organizando comidas e ceas en restaurantes, este ano as circunstancias obrigan aos establecementos a reinventarse para poder manter a actividade.

Restaurantes de Lalín envían cocido envasado a calquera punto de España

No Restaurante Cabanas de Lalín teñen en marcha varias propostas arredor do prato estrela local: o cocido. A primeira opción é o servizo de pedido e recollida no local, do que, tendo en conta o peche perimetral, poden facer uso habitantes do propio concello. “Trátase de racións de cocido quente, pensadas para consumir no momento”, explica Carlota Iglesias, sumiller no establecemento.

A outra opción consiste no envío racións de cocido envasado a calquera punto de España. “A comida está preparada e vai envasada nunha bolsa ao baleiro e, por tanto, non perde as súas propiedades. Soamente hai que quentala ao baño María durante uns 6 ou 7 minutos e xa queda lista para comer”, indica.

A sumiller explica que, polo momento, está a haber unha boa acollida da iniciativa e que a xente “parece que intenta manter o espírito da tradicional feira do cocido”, que acolle Lalín cada ano e que en 2021 chegaría á súa edición número 53. “Está ese espírito, pero tamén estamos a ver que a xente é responsable, pois os pedidos que recibimos soen ser para dúas ou tres persoas, catro máximo”, explica Iglesias. A ese respecto, incide en que “cando se trata de racións individuais ou para pouca xente, sempre sae mellor encargalo que poñerse a facelo un mesmo na casa”.

Lacón con grelos

En Cuntis, no Restaurante Don Manuel planean comezar esta fin de semana con cocido por encargo para recoller no restaurante. Na seguinte fin de semana, o prato a promover serán as racións do tradicional lacón con grelos, para levar. “A situación é difícil, pero eu véxoa como un reto, unha oportunidade para desenvolver ese campo”, explica Rubén Navia, segunda xeración á fronte deste local.

Cocido galego

Cocido galego.

Navia lembra que o momento que está a atravesar o sector é moi complicado, pola incerteza e pola baixada de traballo que, no seu caso, supuxo a aplicación dun ERTE en parte do persoal. Pese ás dificultades, mantén a súa aposta por buscar alternativas e adaptar a carta ás novas circunstancias para seguir traballando. “Queremos recuperar algunhas propostas que fixemos para edicións pasadas do certame local de tapas de lacón, para así ofrecer máis variedade nos menús do servizo de recollida”, avanza.

Na cidade da Coruña, as Xornadas Gastronómicas do Lacón con Grelos tamén se teñen adaptado ás circunstancias especiais deste ano e os restaurantes participantes ofrecen servizo de recollida no local e incluso reparto a domicilio. Este é o caso de Acrunia, un dos 19 establecementos da edición deste ano, que se celebra entre o 4 e o 28 de febreiro.

Adrián Vilariño afirma que no restaurante están “moi contentos” e sorprendidos pola boa resposta que o seu cocido tivo entre o público das Lacónicas. “Superáronse todas as nosas expectativas, na primeira fin de semana chegamos a quedar sen existencias”, asegura.

Non obstante, matiza que a situación xeral “está moi complicada” para a hostalería e apunta que quizais “sexa esta parada máis dura que as anteriores”. No caso de Acrunia, explica que, ademais da participación nas Xornadas Lacónicas, o local ten readaptado a súa carta orixinal así como a forma de traballo, a fin de poder ofrecer variedade de pratos nos servizos de recollida e entrega a domicilio.

En xeral, os hostaleiros advirten de que estas novas alternativas non son a solución para recuperarse da caída de actividade: “É un pequeno complemento, pero creo que ningún restaurante do noso modelo pode vivir só coa comida para levar”, matiza Carlota Iglesias (Restaurante Cabanas). Na mesma liña pensa Adrián Vilariño (Acrunia), quen engade que, en todo caso, “calquera axuda é boa e hai que aproveitar o tirón”.

Botelo de Valdeorras

En anos anteriores, no Mesón Museo de Carballeda de Valdeorras tiñan “unha ou dúas grandes ceas de entroido, de xente que viña especificamente para xuntarse coa familia e amigos e pasar aquí as festas”, explica Nicolás González, responsable do establecemento.

Este ano de restricións debido á Covid-19, esas reunións non serán posibles e, polo de agora, no servizo de comidas de encargo tampouco están a recibir encargos do tradicional botelo. “Entre a incerteza e o desánimo, parece que a xente non está de celebración”, afirma.

Porén, o que si está a detectar é que, ao permanecer aberto con servizo de comida para levar, nos menús de semana incluso está a gañar algún novo cliente entre a xente que se despraza ata esta zona por motivos de traballo e atopa pechados outros lugares de comidas.

En todo caso, coincide cos outros hostaleiros en que a situación do sector é moi complicada. “Agora mesmo non importa tanto o que se gaña, ás veces é por prestar servizo á xente que vén traballar ou que está de paso pola zona e non ten onde ir”, aclara.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *