Tras as receitas dos avós: un proxecto rescata da desaparición decenas de preparacións

A iniciativa saca á luz en Galicia pratos familiares con ata 80 anos de historia

Receitas escritas a man ou a máquina de escribir das que recompilaron no CIFP Carlos Oroza

Unha folla manuscrita nun caderno a cadros dunha avoa, da nai, ou de calquera persoa da familia é algo que atopamos en moitos dos nosos fogares, pero que corre o risco de ser extraviado co paso do tempo. Un proxecto a nivel nacional, “Los Recetarios”, impulsado por catro xornalistas gastronómicas, decidiu recompilar e dixitalizar estas receitas domésticas para logo publicalas. Ricardo Fernández, profesor do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza de Pontevedra, coñeceu desta iniciativa e decidiu incluila na programación deste curso como actividade voluntaria para os alumnos do ciclo superior de Dirección de Cociña. Aqueles que participasen no programa podían subir un punto a súa nota, dependendo da calidade do que trouxeran, e da historia que atoparan na súa contorna.

Dos catorce alumnos deste segundo curso de Dirección de Cociña, cinco decidiron participar. Estes son ademais de diferentes lugares da xeografía galega, como Pontevedra, Melide, Porriño ou Vigo. Traballan na organización e xestión de cociña. Saben cociñar, pero son mandos intermedios. “Por iso pensei que debían perder de vista a ambición da alta cociña, esa obsesión por facer sempre pratos moi elaborados e fotoxénicos. É importante que se decaten de que esa cociña que tanto lles gusta, vén da cociña tradicional”, comenta o profesor Ricardo Fernández.

O proxecto foi iniciado por varias xornalistas gastronómicas que recompilaron receitas por toda a xeografía española

O propio mestre fixo tamén unha sondaxe coa súa nai e colaborou con receitas da súa parroquia de Codesedo de A Estrada. Entre o que recuperaron inclúen desde receitas escritas a man ou a máquina, ata audios. Ao final recompilaron 70 receitas diferentes, entre as que destaca a da avoa dunha alumna que a escribiu a man con 89 anos, ou as que se recolleron nun blog para un laboratorio farmacéutico. “Eles descubriron que aquilo que lles facía a súa avoa, e que estaba tan rico, quedou recollido nalgún sitio. Os que participaron están encantados, e os que non, quedaron coa sensación de que tiñan que ter participado. Un alumno en formación en cociña que ve as caras das súas avoas, ou das súas tías, cando lle pedían estas receitas, viron como en certo modo rexuveneceron. E cando non estean é unha forma de preservar a súa memoria”.

Este proxecto foi iniciado a nivel nacional por Ana Vega, premio Nacional de Gastronomía, Carmen Alcaraz, e ao que despois se sumaron Helena Vaello e Gabriela Lendo, xornalistas gastronómicas. Carmen Alcaraz explica que o iniciaron porque “tiñamos a sensación de que había un burato enorme nos procesos da cociña. Este é un paso máis alá cara ao doméstico, pretende mirar nos caixóns das casas. Non ten nada que ver se é máis ou menos bonito o caderno, se hai faltas de ortografía, senón as técnicas empregadas para que nos deran de comer durante tantos anos. Pedimos a xente que saque das súas cociñas aquelas receitas que teñen unha pegada no tempo, como son as receitas das nosas avoas e os nosos avós”.

No curso 2020-2021 a actividade estará dentro currículo formativo do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra

Detrás destas receitas existen moitas historias, e un esforzo brutal da xente que as escribe. Ao mellor nin puideron aprender a escribir, pero fixeron un enorme esforzo por deixar este legado. “Pode que o único que escribira na súa vida fose unha receita de cociña. Mira o valor que ten isto”, asegura a xornalista promotora deste proxecto. Tamén vén reflectida a identidade dunha familia ou dunha zona. Moitas receitas están escritas en Galicia froito da emigración. E comprobaron que esa receita puido ser dunha persoa que emigrou e que quixo que os seus fillos puideran recibir unha receita da súa terra. “Que hai máis creativo que dar de comer en momentos nos que se pasa fame”, puntualiza Carmen Alcaraz, que asegura que no CIFP de Pontevedra atoparon “un cómplice que conseguiu un efecto dominó máis aló do habitual”.

Entre as curiosas receitas recibiron unha pontevedresa con “lagostinos ao San Carallán”, e outra cunha carta de introdución manuscrita dunha muller que fala do “polo ao champán” e di que esta receita estaba reservada para a festa de Pontevedra do día da Peregrina, e tamén para o Nadal. Atoparon receitas con 80 anos de historia. Agora a proposta do profesor Ricardo Fernández para o curso 2020-2021 consiste en incluír esta actividade dentro do currículo formativo. Cada alumno deberá buscar, como este ano, receitas na súa contorna familiar, ou entre veciños, colectivos… As receitan que consigan utilizaranse para compoñer un menú que servirán no restaurante pedagóxico do centro educativo, incluíndo como comensais a algunhas das persoas que cederon receitas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *