Cervexa galega artesá a ritmo de rock and roll

A pontareana Galician Brew apostou por poñer nomes relacionados coa música a algunhas das súas referencias

Isabel Viéitez cunha das súas referencias de cervexa artesá

Isabel Viéitez decidiu hai cinco anos dar o paso de facer da cervexa a súa forma de vida. Na adega da casa dos avós, na parroquia ponteareana de Padróns, nunha vivenda de pedra de 1800, decidiu comezar a experimentar. Formada en decenas de foros, feiras e simposios cervexeiros, Isabel conseguiu acreditarse academicamente en Microcervexería pola Universidade de Alacante e o Instituto da Cervexa Artesá de Barcelona, inda que completou a súa formación no CIFP A Granxa de Ponteareas. Estes foron os pasos previos ao nacemento de Galician Brew.

As referencias da Curuxa con toda a súa gama, e a Sabela, foron as primeiras das doce que agora teñen no catálogo desta marca cervexeira artesá. Admiten que en lugar de ter tantas referencias, preferirían ter máis fermentadoiros, pero se deixan levar moito polas peticións, como sucede nos concertos de rock. Non é estraño, pois, que iniciaran un novo rumbo, e que a música fose o camiño elixido.

A primeira das cervexas rockeiras que fixeron en Galician Brew foi a Miña Terra Galega. Xurdiu despois dun concerto do cantante Miguel Costas. Tras unha conversa co ex de Siniestro Total, decidiron dar este paso. “Pensei que sendo unha versión do Sweet Home Alabama, tiña que ser, en vez de americana, un estilo á galega, e o cover que el fixo coa canción, decidimos facelo nós coa cervexa”. Así iniciaron un camiño que despois continuaron coa do Festival Rock in Rio Tea, outra do polifacético Tonhito de Poi, que está vivindo en Ponteareas, unha adicada a un festival dos 80 que se fai en As Neves, e logo chegou a Creedance, para un local coruñés que leva o mesmo nome.

A mestra cervexeira de Galician Brew coas súas cervexas rockeiras

A mestra cervexeira de Galician Brew coas súas cervexas rockeiras

Desde aqueles inicios experimentando na adega dos seus avós, cando facían 2 litros ao mes, houbo unha gran evolución. A produción de Galician Brew no 2015 seguía sendo mínima, pero xa estaba nos 250 litros mensuais, con 600 unidades. No 2018 comprenderon que había que ampliar “ou morrer de éxito”. Quedaban sempre escasos coas referencias, recibían pedidos que non podían atender. “Tiñamos que tomar unha decisión, e aí foi chave o apoio que recibimos da aceleradora Vía Galicia, que nos seleccionou como un dos quince proxectos galegos innovadores”. Crearon unha nave nova no mesmo lugar onde se atopan, para non perder a auga dos mananciais dos que se abastecen, e ampliaron o número de fermentadoiros. Ademais, crearon un lugar de catas, e puxeron en marcha unha adega que vive tamén das visitas.

Neste momento contan cunha capacidade de produción de 12.000 litros ao mes, que veñen sendo unhas 36.000 botellas mensuais. A pesar disto, asegura que competir coas grandes empresas cervexeiras resulta imposible, polo potencial económico da negociación cos hostaleiros. “A cambio de poñer a cervexa nun local, entregan unhas mesas para a terraza, e unhas cadeiras. Logo isto acaba reflectido no prezo, pero para o que ten un local, é un bo empurrón. Tamén hai locais valentes que apostan por poñer a cervexa que queren, e ademais dar unha variedade aos seus clientes”. Agora mesmo, o paso que queren dar é poder mellorar na venda online. Serven en 24-48 horas, pero van facer unha inversión para poder chegar máis lonxe.

Miña Terra Galega, Rock in Rio Tea, ou Creedance son algunhas das referencias musicais que atopamos nesta marca cervexeira

Para facer unha boa cervexa, esta mestra cervexeira asegura que é fundamental dispoñer de boa auga. Por iso Galicia ten todo o necesario para facer boas cervexas. “O primeiro é a auga, pero logo a elaboración, a maquinaria que sexa acorde coa excelencia, e a materia prima que compras e onde a gardas. Unha vez feito o produto final, debes ter unha cámara para gardar o teu produto nunhas condicións axeitadas. Temos un custo moi grande en frío, porque facemos unha maduración tranquila, sen estrés. Aí radica a diferenza entre a cervexa artesá e a industrial”.

Tres das catro persoas que forman parte deste equipo son mulleres. Pero curiosamente, este é un mundo reservado aos homes, pois Isabel Viéitez, que é ademais, membro da asociación americana Pink Boots, unha rede feminina que traballa ao redor da cervexa, destaca que en España só coñece a outra muller que sexa mestra cervexeira. A fundadora de Galician Brew é ademais xurado de forma internacional en concursos. De feito, está a piques de viaxar de novo a México para acudir á Copa México, onde se elixen as mellores cervexas mexicanas. Tamén recibe invitacións doutros países como Xapón, pola súa capacidade nas catas, pero asegura que para a súa empresa non é sinxelo sobrevivir tanto tempo sen a súa presenza para as elaboracións.

Galician Brew recibiu xa varios premios desde os seus inicios. Dúas das súas cervexas, Curuxa Black e Rock in Río Tea, foron premiadas no Festival Beer de Barcelona, e logo a Curuxa e Miña Terra Galega conseguiron medallas de prata e bronce no Ibeerian Awards, que se celebrou en Aveiro. A cervexa bio foi seleccionada entre as mellores de España e aparece na guía Planeta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *