O superalimento (das vacas) que dispara a produción de leite

Un estudo feito en Galicia demostra que o emprego do trevo na alimentación do gando contribué a obter máis leite e con maior valor engadido

As vacas atopan no trevo un alimento ideal

Poucas persoas saben que o trevo é un legume. E moitas menos que esta herba da sorte é un superalimento para as vacas. As súas características como nutriente garanten a saúde da cabana vacúa.

As bondades para a saúde das persoas do consumo de legumes nunha proporción axeitada están máis que demostradas. Porén, as vantaxes dos legumes non quedan aquí. Investigacións iniciadas a inicios desta década no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) confirman que o emprego do trevo na alimentación do gando permite incrementar a produción de leite entre un 6% e un 8%, ademais de mellorar o perfil graxo do produto e contribuír así á obter un leite con maior valor engadido.

As leguminosas pratenses son moi ben consumidas polo gando.

Gonzalo Flores Calvete, xefe do departamento de Pastos e Forraxes do CIAM, sinala que os estudos realizados teñen unhas conclusión semellantes aos realizados noutros puntos de Europa. Apunta a necesidade de distribuír os resultados o máis posible entre os agricultores e facer proxectos piloto para estender o uso dos legumes coma método de alimentación do gando vacún.

O trevo violeta, o trevo branco e a alfalfa foron os legumes máis empregados nestes ensaios e o primeiro deles foi o máis efectivo á hora de alcanzar os obxectivos fixados. As conclusións (aínda non publicadas) dunha tese doutoral realizada polo enxeñeiro agrónomo Marcos Veiga López sinalan que o uso de forraxes frescas e ensiladas de boa calidade permiten reducir moito o consumo de concentrado nas explotacións leiteiras e mellorar a súa sostenibilidade económica e ambiental, especialmente cando se integran leguminosas nos sistemas de cultivo.

Co trevo violeta o leite das vacas ten maior concentración de Omega 3

Ademais, se indica que existe un incremento da concentración de ácidos graxos polisaturados totais e de Omega 3 no leite na situación de alimentación do gando con ensilados, particularmente cando se emprega o trevo violeta. Entre os factores negativos que implica o uso dos legumes se citan na tese as dificultades de establecemento destes cultivos nas praderías, o escaso número de materias activas de herbicidas autorizados e as dificultades para ensilar estas especies.

Flores apunta que a pesares destas dificultades o balance do emprego dos legumes fronte as gramíneas é positivo. “Atopámonos nun momento de cambio de paradigma e os legumes que xa se utilizaban anteriormente para alimentar o gando tiñan case desaparecido pero agora poden volver a implantarse porque teñen vantaxes importantes”, indica Flores, quen insiste na necesidade de apostar pola divulgación dos estudos realizados. Neste sentido, os resultados serán compartidos no contexto da Rede Temática EURODAIRY, na que participan Grupos Operativos (GO) procedentes de 20 rexións europeas produtoras de leite.

A aposta pola innovación pode ser unha vez máis a clave para contribuír a solucionar problemas coma o baixo prezo do leite, que segue afectando aos produtores galegos. A obtención dun produto de maior valor engadido pode ser un dos factores que permita ós gandeiros obter un mellor prezo polo seu produto. A resposta dos gandeiros a estas investigacións nas xornadas técnicas realizadas ata o de agora foi positiva, segundo indica Flores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *