As dúas Estrelas Michelin de Culler de Pau, novo fito da gastronomía galega

O proxecto de Javier Olleros culmina un gran salto para a cociña do país, que suma 15 estrelas nun ano complicado por mor da pandemia

Javier Olleros, no seu restaurante Culler de Pau.

Responsabilidade, sustentabilidade, sinxeleza e apego á terra. E tamén vangarda, investigación e innovación constante. No lugar de Reboredo (O Grove), Javier Olleros e o seu equipo teñen a só uns pasos case todo o que precisan: as augas da ría de Arousa e a horta que nutren a Culler de Pau, o restaurante que este luns marcou un fito ao converterse no primeiro e único en Galicia con dúas Estrelas Michelin, nunha noite feliz para a gastronomía do país, no medio da escuridade do 2020 marcado pola pandemia. Quince estrelas para catorce locais, entre os que se manteñen e se incorporan á selecta guía vermella.

Olleros quixo dedicar o galardón, ademais de ao seu persoal,  “aos artesáns, agricultores, queixeiros, mariñeiros, a miña vila, O Grove, e sobre todo a unha terra que fai posible que vaiamos conseguindo cousas, e que fagamos o que facemos con esta calidade, que é Galicia”, comentou na gala na que se entregaron as Estrelas Michelin xunto á súa parella, Amaranta Rodríguez, socia e xefa de sala de Culler de Pau. O restaurante, aberto en 2009, dá así un novo salto despois de acadar a primeira Estrela en 2012.

Nunha entrevista con Boísimo, en xuño deste ano, Olleros analizaba o aprendido e as perspectivas no ano da Covid-19, que levou ao peche do local tras 10 días abertos á volta de vacacións, co “mellor marzo de toda a historia de Culler de Pau a nivel de reservas”. E avanzaba o desexo de volver á actividade que, sen dúbida, estará agora reforzado coas dúas Estrelas. “Para recuperar a alegría necesito ver voar os pratos saíndo da cociña e chegando aos comensais. Chegan á xente e veñen de volta cun sorriso. Teño fame xa de dar e de servir á gastronomía. Necesitamos que voen os pratos”.

Olleros: “Teño fame de gastronomía, necesito que voen os pratos”

A noticia colleu ao local pechado, canto menos ata este venres 18 de decembro, por mor das restricións establecidas debido á pandemia da Covid-19. O Grove está actualmente baixo peche perimetral con Sanxenxo, e os peches nas cidades impiden, por tanto, a afluencia de boa parte da clientela ao local de Olleros.

Máis Estrelas

Alén do fito de Culler de Pau, que entra nunha lista na que hai pouco máis de 500 locais en todo o mundo, Galicia ten desde onte novas Estrelas coa entrada na selecta guía do Silabario (Vigo), Eirado da Leña (Pontevedra), Miguel González (O Pereiro de Aguiar), e o mantemento da Estrela do Árbore da Veira (A Coruña), As Garzas (Malpica), A Tafona e Casa Marcelo (Santiago), Casa Solla e Pepe Vieira (Poio), Maruja Limón (Vigo), Nova (Ourense), Retiro da Costiña (Santa Comba) e Yayo Daporta (Cambados).

Ademais, tres locais galegos acadan a Estrela Verde, que Michelin outorga por primeira vez este ano, e que recoñece a aposta pola sustentabilidade dos restaurantes da Guía, a través de iniciativas que melloren a xestión e eliminación de residuos. Culler de pau, Pepe Vieira e O Balado (Boqueixón).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *