Marta Fernández e Roberto Filgueira emprenderon no verán de 2014 o camiño para chegar a esta parada obrigada da gastronomía galega chamada O Balado. Un restaurante no que o quilómetro cero, unha corrente que busca os produtos de proximidade, é bandeira aínda que sen radicalismos. O seus provedores veñen de tan preto que poderíamos falar de quilómetro menos un. Os ovos, as galiñas, o bacoriño que procede da propia parroquia, a carne que chega de Bandeira, e o cordeiro da Fonsagrada. Do Ulla, de Ponte Ledesma, do mercado de Abastos de Santiago, onde Roberto fai a compra cada mañá, o peixe de Ribeira. Ata a auga é da empresa Km.0 de Compostela. Todo é próximo aquí porque estás comendo no baixo da casa desta familia.
A orixe deste lugar vén dada pola herdanza familiar dunha casa rural en Codeso, en Boqueixón. A casa era da avoa de Marta e só os seus tíos estaban algo pendentes da propiedade. Pero había que facer moitos cambios:o tellado, a parte de arriba da casa, e logo partir de cero na zona baixa da vivenda, que é a que ocupa o restaurante hoxe. A leira onde está situado O Balado ten oito mil metros cadrados. Non chega a ser unha granxa pero acolle xa unha ducia de ovellas -que fan de cortacéspede da finca-, 25 galiñas de Mos -eran máis pero o raposo fixo estragos este ano-, unha burra fariñeira, e tres cans -dous San Bernardo e un Pastor Alemán-. “Hai moita xente que valora o que é estar aquí, os animais. Outra verá que non está tan limpo, que entras por terra, pero para min o plus é isto”, relata Marta.
Antes de dar o salto ao Balado, deronlle moitas voltas ao cambio. Tiñan que ver como deixar varios negocios entre eles un que triunfaba en Pontevedra como o restaurante Eirado da leña, ademais de dúas taperías. Traballan tantas horas que non tiñan tempo nin para pensar en como facelo. Pero querían tempo para poder coidar tamén a súa familia. Roberto pasou por un ano de sofrir ansiedade e iso foi o que asegura Marta xa acabou de decidilos. Animoulles a emprender a restauración do inmoble, e meter nese soño os aforros de máis de vinte anos de traballo. Así naceu unha aventura gastronómica e de vida. “Os recordos e as emocións son moi importantes para poder facer ben o noso traballo. O difícil é atopar o equilibrio para levar entre dúas persoas todo e ter unha familia. Se traballaramos mediodía e noite como facíamos en Pontevedra xa sería imposible”. O reparto de tarefas está claro xa que Roberto leva a cociña e Marta a sala, pero o curioso e que logo na casa quen cociña é Marta.
Roberto Filgueira e Marta Fernández restauraron este inmoble situado nunha leira de oito mil metros cadrados en Boqueixón
Roberto, que estudou Empresariais e aprendeu hostalería traballando en moitos establecementos, e Marta, con boa formación gastronómica e experta nas relacións públicas, tratan de transmitir “normalidade” no seu menú. Unha lareira que é a base da súa cociña, os afumados, a cociña sinxela que non simple, que cando chega á mesa non ten máis de un ous dous elementos, dos que tratan de sacar toda a esencia do produto “ás veces o máis sinxelo é o máis complicado”, asegura Roberto.
A anguía afumada e á brasa do río Ulla é o emblema dun menú que trata de transmitir ao cliente ‘normalidade’
Neste época de Nadal podemos atipar as volandeiras que están en tempada e tras unha salazón vai afumada, a sopa de boletus e ovo, a cacheira cocida a baixa temperatura e acabada a brasa cun chisco de pementón e aceite…e algunhas cousas máis divertidas a máis dos clásicos: as croquetas de chocos, o foie, o xurel afumado, a anguía do ría Ulla á brasa ou afumada. “O Ulla queda a menos dun quilómetro da nosa casa e fixemos das anguías bandeira da nosa casa, como emblema tamén son as carnes de Bandeira como o rabo estofado, o solombo…e sendo Marta de alí, pois con máis orgullo de que sexan carnes do seu pobo”, puntualiza Roberto.
Roberto pertence ao Grupo Nove no que están 22 cociñeiros. Hai un ano un tres estrelas Michelín, Dani García abandonaba a alta cociña porque non quería seguir coa presión que conleva. Roberto afirma que para el traballo e a vida familiar deben ir da man, e que un punto de inflexión foi o nacemento dos seus fillos. Iso fixo que quixeran cambiar. “Aquí o ritmo marcámolo nós. Somos privilexiados por poder facer isto. Cada persoa ten un nivel de esixencia. Hai persoas que están cómodas cando é moi alto. Non é o meu caso. Non quere dicir que non traballemos, e que non loitemos porque o noso servizo sexa de dez, pero para quince ou dezaoito comensais. A sociedade na que vivimos ten un déficit de tempo, ten unha cadea tóxica, e para min o sinónimo de felicidade e ter tempo. No rural os momentos de rotación e traslación non só iguais que nas cidades e iso nos favorece. Máis tempo do que tiñamos antes temos, pero non era moi difícil tampouco”. Por iso o que máis gusta de O Balado aos clientes é a ubicación, a desconexión, a sensación de que o mundo se para, e logo claro está a lareira, onde un non se decata de que pasou…o tempo.
Deixa unha resposta