Cultivando na auga: a unión de I+D e a tradición nun alicerce da economía galega

A rede Inmunogenom presenta un documental no que se recollen as voces dos axentes implicados na acuicultura

Galicia é a principal rexión produtora de moluscos bivalvos de Europa. Este potencial converte aos distintos axentes involucrados na acuicultura en grupos de referencia científica. Un documental desenvolvido pola rede de investigación Inmunogenom, que involucra a científicos da USC e do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) da Xunta de Galicia, e estreado este venres, recolle as achegas dos distintos colectivos implicados nas actividades acuícolas e marisqueiras.

A reportaxe, segundo explican os seus impulsores, “afonda na realidade de Galicia como país de dous mares”. A diversidade de augas salgadas e doces favorecidas por unha costa recortada en diversas rías de clima atlántico, constitúe outro dos fíos argumentais desta peza, que salienta as singularidades e potencialidades de Galicia para a acuicultura. As diferentes voces que participan no documental salientan a procura constante do equilibrio entre o desenvolvemento económico e social, a sustentabilidade e o coidado do medio ambiente.

O documental presentouse este venres na Casa do Saber de Lugo, nun acto que contou coa presenza de Montserrat Valcárcel Armesto, vicerreitora de Coordinación do campus Terra da USC, e o catedrático de Xenética e coordinador da Rede Inmunogenom, Paulino Martínez Portela.

O documental está financiado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia a través da Rede Inmunogenom e da agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra BioReDes, ao tempo que tamén recibiu fondos do Programa Iberoamericano de Ciencia e Tecnoloxía para o Desenvolvemento (Cyted), a través da Rede AQUA-CIBUS da Universidade de Vigo.

A rede Inmunogenom

Este grupo está formado por científicos da USC e o CIMA, que levan máis de 20 anos traballando para dar resposta a diversos retos do sector da acuicultura, procurando a mellora no cultivo das especies acuícolas, os sistemas produtivos, a adaptación das dietas e os requerimentos nutricionais de cada especie. Ademais, prestan especial atención ás patoloxías que afectan ás mesmas e os posibles mecanismos de prevención e tratamento fronte a estas doenzas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *