O drama dos restaurantes con Estrela na segunda onda

Os símbolos da cociña galega botan o peche tras as novas restricións aprobadas pola Xunta, incluso en localidades onde poderían continuar abertos

Javier Olleros, no seu restaurante Culler de Pau.

Crónica dun peche anunciado. Era cuestión de días a confirmación dunha decisión temida pola hostalería galega. A partir das 00,00 horas do sábado ata 60 concellos desta comunidade verán como teñen que botar de novo o peche aos seus restaurantes. A medida anunciada este mércores por Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta, só veu clarexar un panorama que era tan escuro xa, que provocou que se fosen apagando as luces das nosas estrelas Michelin, dos símbolos da nosa gastronomía. Lucía Freitas baixou a persiana hai tres semanas, despois foi a quenda de Pepe Solla e agora, xa por obriga da orde gubernamental, outros moitos compañeiros que estaban aguantando o tipo tiveron que seguir tamén este camiño.

O toque de queda ás 23 horas foi a primeira limitación. A esta seguiu o peche perimetral das grandes cidades. Desde a madrugada do sábado todos os restaurantes, con estrela ou sen ela, xa non abrirán as súas portas. Todos, salvo os que estean en concellos sen limitacións. Iso é na teoría, porque na práctica os locais con estrela estarán todos pechados.

Este é o caso de Caco Agrasar e o seu estrela Michelin As Garzas en Barizo (Malpica). O seu local podería estar aberto, xa que o seu concello non ten peche perimetral, pero na práctica, debido ao seu illamento, si que vai estar pechado. Os clientes que recibe no seu restaurante proceden das grandes cidades galegas e de lugares próximos, como Oleiros ou Arteixo, que agora son zonas restrinxidas.

Caco Agrasar: “Os que podemos abrir tamen pechamos, sen os clientes das cidades isto non nos vale de nada”

Caco Agrasar.

Caco Agrasar.

“Para os que podemos abrir, que somos os que non estamos en cidades, isto non nos vale de nada. Decidimos tamén pechar porque non é viable seguir abertos sen os clientes da cidade. A pasada fin de semana tiña cheo o sábado e o domingo, e co peche perimetral das cidades acabei facendo un 22% de mesas. Tiven que tirar moita mercancía perecedoira. Foi un desastre”, comeza afirmando o xefe de cociña de As Garzas. E prosigue dicindo que na súa opinión deberían estar pechados todos os restaurantes”, non uns si e outros non, dependendo de onde esteas. O ilóxico é que agora nas Garzas podería aumentar a mesas de 6 persoas a partir de hoxe, ou que en Carballo poden estar seis rapaces comendo unha pizza. Isto non ten sentido se o que buscas é a seguridade”.

A queixa dos chefs é común. Medidas que chegan tarde e mal. Entenden que o primeiro é a saúde, pero cren que se está a demonizar á hostalería. “Estamos a cumprir con todas as medidas, que é algo que non vexo que se cumpra nin nun autobús urbano, nin no caixeiro dun banco ou nun centro comercial. Eu teño dous locais e van todos ao ERTE. Miña esposa, meu fillo é mais eu somos autónomos e non temos esa vantaxe”, sinala o tamén propietario do restaurante coruñés Salitre.

No Salitre vai seguir co take away e estase a plantexar facer o delivery, levar a domicilio. Isto é factible na Coruña, pero en As Garzas, cun núcleo de influencia mínimo, resulta imposible esta opción. Está nunha aldea de 800 veciños, e a oito quilómetros de Malpica, onde viven 3.000 persoas, ou a 20 quilómetros de Carballo. “Non me podo dedicar a iso. Logo falan da España baleirada, pero así máis baleira vai estar aínda”, proclama o chef coruñés.

Javier Olleros: “As expectativas que temos son dramáticas, non vexo un plan de futuro”

Javier Olleros.

Javier Olleros.

Javier Olleros estaba a dar voltas á cabeza acerca de que facer co seu Estrela Michelin, o Culler de Pau. Como fuxir dunha rúa sen saída. Xusto cando estaba reflexionando sobre isto chegou a decisión da Xunta de pechar tamén O Grove. Problema resolto. “As expectativas que temos son dramáticas. Entendo que a prioridade sexa a loita contra o coronavirus, pero como sector somos un branco fácil. É certo que a OMS di que os sitios pechados son máis perigosos, pero que non nos deixen morrer. Aquí non hai unha mensaxe de tranquilidade para o sector. O presidente da Xunta o único que puido dicir é que o sentía moito, pero iso non nos vai resolver o noso problema“, destaca Olleros.

O seu restaurante está no Grove, que non estaba pechado perimetralmente, pero estando pechados Pontevedra, Vigo ou Santiago, non era posible que tivesen clientes, porque tamén funcionan con xente que vén das cidades. Por iso, o peche do seu concello resolve as dúbidas que podía ter de como seguir adiante. Entende que teñan que asumir unha responsabilidade, pero non comprende que non haxa un plan. “A información que nos dan non é tranquilizadora. Cando nos pecharon a primeira vez pensaba en facer delivery, en dar comidas nas casas, pero viña logo o verán no que a poboación do Grove triplícase e iso era unha tranquilidade. Agora non vexo un plan de futuro”.

Lucía Freitas: “As medidas deberían ser para todos, non poden ser as imaxes que vemos de centros comerciais ateigados de xente”

Lucía Freitas.

Lucía Freitas.

Lucía Freitas leva tres semanas cos seus dous restaurantes de Santiago pechados, o Lume e o Estrela Michelin A Tafona. No Lume porque só ten posibilidade de colocar seis mesas no interior, e aínda que podía poñelas na terraza, coa chegada do mal tempo xa se fixo imposible. A Tafona tivo unha moi boa temporada no verán, pero unha vez que chegou o momento do peche, tomaron a decisión de que fose conxunta, entre outras cousas porque “aos restaurantes que tiñan licencia de café bar non lles deixaban abrir e aos outros si. Non me parecía xusto que porque teñas un mantel de papel non poidas dar de comer”.

A chef santiaguesa vai seguir cociñando por hixiene mental. Manterá o servizo de delivery e seguirá co que lles deixan, para a xente da cidade, levando a comida ás súas casas. Vai abrir unha nova liña de xeados, e agora está a ultimar unha nova liña de pizzas. Ten dezasete traballadores, polo que insiste na súa cota de responsabilidade e a dos que mandan. “As medidas deberían ser para todos. Non poden ser as imaxes que vemos de centros comerciais ateigados de xente. Aínda así, non me vale de nada estar enfadada co mundo. Moitos de nós, e pode que eu, non imos ver o futuro, pero non quero buscar culpables. Están pechando todos os restaurantes en Europa. Outros países teñen unhas axudas que aquí non hai, pero en España somos demasiados hostaleiros. Este é un país de pandeireta e a xente se pode facer a trece catorce, vai facela”.

As axudas prometidas pola Xunta

A pesar de que Alberto Núñez Feijóo onte anunciou unha serie de axudas do seu goberno para os hostaleiros, estes non teñen moita confianza nelas. “Créditos ICO, e outras axudas que xa tivemos e que logo debemos pagar. Non son axudas a fondo perdido. Cada día creo menos nelas. Parece que a hostalería ten que ser o prexudicado“, comenta Caco Agrasar.

Na mesma liña, Javier Olleros expresa o seu descontento por ter que sacar adiante aos seus 20 traballadores sen ingresos do seu negocio. “Non se poden tomar decisións tan frívolas nin deixar caer a un sector que entendo que non é prioritario, pero que implica unha marca potente para Galicia. Eu quero traballar, non quero axudas. Canta xente de tabernas e bares do menú do día están caendo, e aínda non vin unha mensaxe tranquilizadora para eles”.

“No Grupo Nove tivemos uns protocolos incribles, pero de pouco valen, xa que ao final estamos pechados igual que os que non cumpren”

O chef de Culler de Pau insiste en que no primeiro confinamento deberon aprender que había que facer un plan consensuado e outra vez non se fixo. “Non están escoitando aos sectores. Necesitamos plans a longo prazo e deixar de poñer parches. Seguimos a falar do mesmo que ao principio do confinamento. Os políticos deben traballar polo país e meter horas, como facemos todos. Eu tamén o farei e pensarei en como non deixar morrer Culler de Pau. Eu tiña dúbidas en marzo de que ía pasar cando abrise, agora iso non o penso. Cando abramos sei que traballaremos”.

Nesta corrente crítica tamén está Lucía Freitas, que tamén pertence ao Grupo Nove de chefs galegos. A Lucía esta situación recórdalle un pouco o que sucedeu cando chegou a lei do tabaco. “Primeiro era unha cousa, logo outra. Que non xoguen con nós. Detrás de nós hai moita xente que tamén depende do noso gasto. Sei que as solucións non son fáciles, pero deberían sopesalas máis. Parece que os hostaleiros somos os culpables. No Grupo Nove tivemos uns protocolos incribles, pero de pouco valen, xa que ao final estamos pechados igual que os que non cumpren”.

Salvar a campaña de Nadal

Esta foi outras das mensaxes do presidente da Xunta para os hostaleiros. Pechar agora pode significar que dentro dun mes estean abertos e salvar así a campaña de Nadal. Pero os grandes chefs coinciden, a campaña de Nadal xa está perdida. “Nos restaurantes a campaña de Nadal está estragada. En As Garzas non traballamos ese formato, porque son comidas pequenas de amigos, pero en Salitre, que si facía ese tipo de reunións, non van existir. Nin as empresas están como para facelas, nin se van poder facer comidas de Nadal con quince ou vinte persoas. Sería unha temeridade. Salvarán a campaña de Nadal do comercio, pero non a nosa”, di Caco Agrasar de As Garzas.

Lucía Freitas entende que esta campaña corre risco desde xa, pero non cre que vaia ser suficiente. “Normalmente neses días podiamos coller os aforros necesarios para os meses malos que logo van vir en xaneiro e febreiro. Por iso agora non tiña sentido esperar máis polo peche dos restaurantes. Pero ollo, hai que pechar, pero todo, e estar confinados para poder saír disto canto antes”, sentencia a estrela Michelin compostelá.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *