Pecha o histórico Casa Solla: “As circunstancias obrigáronnos a isto”

O chef anuncia por sorpresa a clausura temporal nun emotivo vídeo no que mostra a súa desconformidade coas medidas sanitarias para a hostalería

O chef Pepe Solla.

“É a noticia que nunca querería dar”. Un Pepe Solla visiblemente emocionado compartiu un vídeo nas súas redes sociais en plena da madrugada deste sábado no que anunciao peche temporal do seu histórico restaurante. Casa Solla pecha sen data para a reapertura. “As circunstancias obrigáronnos a iso”, lamenta o coñecido chef.

“Non sei por canto tempo, será temporal, pero por agora Casa Solla permanecerá pechado. Grazas polo voso apoio, dános moita forza para volver”, afirma o cociñeiro. Na súa mensaxe, expresa a súa conformidade coas medidas sanitarias e a súa incidencia na hostalería. Primeiro o toque de queda ás 23,00 horas e posteriormente os confinamentos perimetrais provocaron unha onda de cancelacións imposible de asumir para un establecemento como o seu, situación que non ten  visos de mellorar nas próximas semanas.

O restaurante funciona dende 1961 e foi o primeiro Estrela Michelin de Galicia

Solla subliña que os negocios hostaleiros, na súa gran maioría, foron “tremendamente responsables” para evitar converterse en focos de contaxios. De feito, segundo explica, só unha pequena parte dos mesmos orixínase en bares ou restaurantes, segundo datos do ministerio. Esa é a razón pola que lamenta que se tomen medidas que castigan a todo un sector da economía, ao seu xuízo sen beneficios claros para a situación sanitaria.

Pepe Solla

Solla explica o peche no seu vídeo en Instagram.

O peche chega nun ano especialmente triste para o cociñeiro de Poio, co falecemento do seu pai, fundador do restaurante e primeiro Estrela Michelin de Galicia.

O restaurante inaugurouse en 1961, o que o converte no decano en España na Guía Michelin. O seu fundador José Solla colleitou innumerables premios e distincións que avalan a xestión dun establecemento onde comeron as principais personalidades do país, entre os que se atopa o rei Felipe VI. O seu fillo, Pepe Solla, diríxe o restaurante desde 2001, aínda que se encarga da cociña desde 1999.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *