Neste ano de incerteza a vendima na Denomiación de Orixe Rías Baixas pechouse cun incremento respecto ao ano anterior. As 159 adegas implicadas na campaña 2020 recolleron 34.470.166 kilos de uva, un 6,38% máis que na de 2019. Os rendementos medios da mesma situáronse en 8.420 kilos de uva por hectárea.
As previsións apuntaban a que podería ser unha vendima máis abundante, pero finalmente os acios non pesaron todo o esperado. Como explica o director técnico do Consello Regulador, Agustín Lago, “o relevante é o óptimo estado da uva á súa entrada en adega, tamén o feito de que a meteoroloxía acompañou para que se puidese recoller no momento idóneo de maduración, así como de forma ordenada e con tranquilidade”.
A vendima na DO Rías Baixas comezou o pasado 27 de agosto e finalizou o 2 de outubro: “Os traballos de recollida iniciáronse un pouco antes do habitual na nosa denominación e desenvolvéronse practicamente durante o mes de setembro”, explica Lago. As expectativas para os viños son boas. “Os mostos destacan pola súa intensidade aromática e equilibrio, ou sexa, a súa compensada acidez coa gradación,” engade o director técnico do Consello Regulador.
As variedades brancas representan o 99,08% da uva recollida, abanderadas pola Albariño
A vendima comezou coa recollida das variedades destinadas á elaboración dos viños espumosos de calidade e logo seguíronlle as uvas brancas, especialmente a Albariño, cuxo ciclo vexetativo é máis curto e a súa maduración máis temperá. Finalmente deuse paso ás tintas e vendimas tardías.
Na DO Rías Baixas, as variedades brancas representan o 99,08% da uva recollida, abanderadas pola Albariño, que superou os 33 millóns de quilos, e seguida pola Caiño Blanco, a Loureira e a reixadura. As variedades tintas representan o 0,92% do total, coa variedade Sousón como principal e seguida pola Mencía e o Caiño Tinto.
En canto á produción por subzonas, o Val doSalnés continúa sendo a de maior produción cunha representación do 64%, seguida polo Condado do Tea cun 21% e O Rosal co 9,3%.
O Sergas realizou probas serolóxicas aos traballadores para poder afrontar as tarefas con garantías
Na presente campaña de vendima participaron 159 adegas elaboradoras. Un total de 4.687 viticultores recolleron uva nas 4.090 hectáreas de superficie produtiva rexistradas na Denominación de Orixe Rías Baixas
Os estritos protocolos de prevención adoptados para protexerse contra a Covid-19 deseñados polo sector e o Consello Regulador contribuiron a preservar a saúde tanto de vendimadores e viticultores como dos traballadores de adega, os 24 vendedores e auditores e o persoal técnico implicados na presente campaña. As directrices establecían unha serie de medidas para garantir a seguridade no labor de auditoría desenvolvida durante o proceso de recollida da uva, todo iso coa intención de previr os contaxios.
Ademais das normas xerais -uso obrigatorio de máscara, hixiene de mans e distancia de seguridade interpersoal-, establecéronse unha serie de especificidades relativas ás auditorías para realizar nas adegas e viñedos rexistrados. Antes de empezar a campaña, o Sergas realizou probas serolóxicas aos traballadores para poder afrontar as tarefas con garantías.
Deixa unha resposta