Despois dunha dura competencia de máis de dous anos xa hai un veredicto final e a raza Maronesa, procedente de Portugal, é a gañadora do concurso para elixir á mellor carne do mundo entre diversos exemplares de 13 razas criadas nas mesmas condicións nunha finca de Trasmonte (Ames). O proxecto Fisterra Bovine World non termina aquí e antes de fin de ano volverá a iniciarse outro período de cría de gando con obxectivo de mellorar aínda máis a calidade da carne obtida. Nesta nova etapa só haberá cinco razas, entre elas dúas do país, a Rubia Galega e a Limiá, que obtiveron un lugar de honor entre as mellores vacas do mundo.
Despois da cata final de carnes celebrada en Vilagarcía de Arousa a semana pasada, a Maronesa consolidou o seu liderado neste concurso que xa alcanzara despois da cata visual celebrada a principios de ano. En principio, a cata final do proxecto ía celebrarse en Madrid o pasado 10 de marzo, coa presenza de destacados carniceiros, cociñeiros e xornalistas pero houbo que aprazar o evento ao chegar a pandemia da Covid-19. A cata celebrada no Pazo de Rubiáns fíxose con cortes aportados polo restaurante Eclectic de A Coruña, que era o único que dispuña de cortes das trece razas seleccionadas.
O proceso para elixir a raza gañadora foi longo e tivéronse en conta diversos factores como o aspecto da carne (cor, infiltración da graxa, etc), a análise física-química do produto e, finalmente, o sabor. O proxecto iniciouse hai máis de dous anos coa chegada a Trasmonte de 28 exemplares de 13 razas que conviviron e compartiron a mesma dieta durante 24 meses. Vacas de razas coma Angus, Hereford, Wagyu, Dexter, Simmental, ou Rubia Galega alimentáronse cos mesmos pastos e millo e recibiron os mellores coidados nunhas condicións climáticas moi axeitadas para a cría.

Corte de carne de Maronesa.
Fisterra Bovine World fíxose realidade pola idea de dous socios da empresa de distribución cárnica madrileña Discarlux, cando viron o documental Steak Revolution no que o director Franck Ribière e o carniceiro Yves-Marie Le Bourdonnec viaxan na procura da mellor carne do mundo. A idea foi darlle a volta ao proceso e traer a Galicia as mellores razas de vacún para ver o resultado final despois de alimentalas e mantelas nas mesmas condicións climáticas.
Trasmonte foi o lugar elixido polas súas peculiares características. Atópase a uns 25 quilómetros da costa, nunha das zonas de Galicia no que Discarlux xa atopara magníficos exemplares de vacún. Os animais foron alimentados cunha mestura de tres tipos de millo do país e nunhas condicións que reproducen os coidados tradicionais na gandería galega.
Futuro do proxecto
Unha vez concluído o concurso agora a idea e perfeccionar os coñecementos obtidos ao longo destes dous anos coas cinco mellores razas seleccionadas: Maronesa, Rubia Galega, Limiá, Wagyu e Sayaguesa. Segundo explica Carlos González, director de Marketing de Discarlux, haberá cambios na alimentación como o darlle aos animais antes betacarotenos para que a cor da graxa de carne sexa máis amarelo. “Isto é unha demanda do mercado e podemos facelo para que a carne teña o e mellor aspecto posible”, sinala González.
A segunda fase deste experimento tratará de mellorar aínda máis os bos resultados que se obtiveron na primeira e, posteriormente, a intención é a de continuar cunha produción maior das mellores razas. “Estamos moi satisfeitos co resultado deste experimento”, indica González, quen asegura que a pesares dos problemas ocasionados pola pandemia houbo moita demanda desta carne de gran calidade por parte de moitos restaurantes que xa son clientes habituais da empresa.
Aínda que Discarlux está asentada en Madrid, elixiron Galicia para levar a cabo este experimento porque xa detectaran nesta zona os mellores exemplares de vacún e consideran que o método de cría que existe en Galicia é único a nivel mundial. Un dos obxectivos do proxecto é tamén o de difundir a imaxe de Galicia como un lugar especialmente indicado para levar a cabo a cría de gando de vacún de gran calidade. O éxito acadado coa gran calidade das carnes obtidas así o demostra. Algúns restaurantes xa están a reservar os cortes do próximo período de cría en Trasmonte, que concluirá a finais de 2022.
Deixa unha resposta