Un traballo conxunto entre a Misión Biolóxica de Galicia e arqueólogos do Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela vén de revolucionar o que se sabe sobre a orixe do albariño. Publicado no Australian Journal of Grape and Wine Research, o traballo consisistiu nunha comparación morfométrica dunhas sementes de vides atopadas nunha serie de xacementos arqueolóxicos romanos e medievais de varios puntos de Galicia.
Trátase de O Areal en Vigo e Reza Vella en Ourense, ambos da época romana, e a Ponte do Burgo en Pontevedra, cuxa referencia é dos séculos XIII-XIV. A idea era comparar as sementes atopadas nestes lugares coas antigas variedades de vides galegas das que na Misión Biolóxica de Galicia aínda conservan exemplares vivos e que levan moitísimos anos sendo estudadas.
As pescudas realizadas nas sementes conservadas en Reza Vella determinaron a presenza de vitis sylvestris, mentres que as achadas en Ponte do Burgo eran variedades domesticadas ou en proceso de domesticación máis próximas a variedades autóctonas galegas como o albariño, caíño freixo, branco lexítimo e caíño branco.
“A lenda que corre de que o albariño o trouxeron os monxes de Cluny do Rhin non resulta crible”
En cambio, a análise dos restos de uva achados no Areal, un emporio de exportación de sal cara ao Imperio Romano, mostra unha maior proximidade ao albariño xa entre o II e III século da nosa era. Por iso é polo que os autores do estudo concluíron que a semente de albariño, ao ser unha variedade que predomina na súa contorna, pode proceder de vides silvestres da zona, ou ben domesticadas de modo autóctono ou mesturadas con outras procedentes doutras zonas do Imperio Romano.
Unha das persoas que máis sabe sobre vides nesta comunidade, e que formou parte do traballo, é Carmen Martínez. A xefa do grupo de viticultura da MBG asegura: “As sementes que nos trouxeron os arqueólogos eran de vides de maneira inconfundible. Seleccionamos as que conservamos de 200 ou 300 anos de antigüidade, e outras que aparecían citadas na bibliografia antiga e das que tiñamos exemplares vivos para comparalas. O resultado foi moi sorprendente”.
Ademais diso, expertos en vides silvestres como Rafael e Carlos Ocete aportaron os seus estudos sobre as sementes destas vides recollidas ao longo do territorio español. A vide silvestre aparecía antigamente nos bosques e posúe plantas femia (só con pistilo) e plantas macho (só con estambre), do estilo dos kiwis. Necesítase que estean macho e femia para que cheguen a producir froitos. As variedades de vide cultivadas que se coñecen no mundo e coas que se elaboran os viños, proceden da vide silvestre, pero estas teñen flores hermafroditas, é dicir, que se autofecundan para dar froitos. Vide silvestre galega aínda non se ten atopado, pero si de varios lugares da Península Ibérica.
Ao comparar estas vides silvestres coas conservadas e coas atopadas nos xacementos arquelóxicos, o resultado que se obtivo foi que algunhas das sementes estaban moi próximas ás silvestres e outras a algunhas das cultivadas. A máis próxima resultou ser a do albariño. Os resultados confirmaron o que xa sabían por outros estudos. “Existen moitas posibilidades de que o albariño sexa autóctono de Galicia. Tamén podería ser un exemplo de domesticación da vide silvestre á cultivada e que fose das primeiras cultivadas que apareceu. A sensación que temos é que o ser humano foi seleccionando entre as vides silvestres aquelas que lle daban máis froitos e así foron aparecendo todas as que coñecemos: treixadura, caíño branco, albariño…”.
“As características xenéticas e agronómicas demostran que se trata dunha variedade adaptada ao clima desta terra”
No artigo publicado en Australian Journal of Grape and Wine Research xa amosaban que as sementes atopadas no xacemento arqueolóxico de época romana do Areal en Vigo son moi próximas ao albariño actual, o que indicaría que xa estaba en Galicia nesas datas. A lenda que corre de que o trouxeron os monxes de Cluny do Rhin non resulta crible por varias razóns que detalla Carmen Martínez. “Primeiro, porque nesa zona non hai ningunha variedade nin parecida ao albariño e iso sabémolo despois de facer múltiples análises de ADN e comparando coa base de datos mundial. Por outra banda, cando eu empecei a facer a selección de variedades en Galicia, alá por 1987, atopamos exemplares con 300 anos de antigüidade e iso non existe noutros países como Alemaña. E logo están as súas características xenéticas e agronómicas, que demostran que se trata dunha variedade adaptada ao clima desta terra, da que cremos que é orixinaria. Para nós este traballo de recuperación arqueolóxica reafirma o que xa sabiamos”.
Arqueólogos vs biólogos
Hai dúas teorías sobre a orixe das variedades do viño. Unha delas sostén que proceden todas de Asia Occidental e que as trouxeron distintas civilizacións, entre elas os romanos a través do comercio. Esta teoría é a que mantiñan os arqueólogos, pero hai outra defendida por biólogos que é a máis plausible actualmente, na que se cre que a orixe das actuais variedades de vides son distintos puntos de domesticación en Europa. “En cada sitio domesticáronse de forma local esas plantas de natureza silvestre, converténdoas nas variedades de vide de cada zona. Por iso aquí en Galicia temos godello, treixadura, caíño branco, loureira…, que non existen en ningún outro lugar do mundo”, sinala a investigadora da MBG. O seu apuntamento sinala que quizais esas variedades locais puideron tamén cruzarse con outras que as diferentes civilizacións que se asentaron en Galicia trouxeran no seu momento.
A vide e o trigo son dous dos cultivos máis antigos da Humanidade. Aparecen en moitísimas referencias como textos antigos, cerámicas, murais… Por isto, a teoría que defende Carmen Martínez, xefa do grupo de viticultura da Misión Biolóxica de Galicia, é que o albariño é probable que estivese en Galicia incluso moito antes de que chegaran os romanos, xa que considera que é unha variedade autóctona.
“Galicia é unha das zonas do mundo con maior variedade de vides”
Na selección de variedades de viño que Carmen Martínez fixo na súa carreira recolleu unhas 100 variedades, das que unhas 30 poden ser autóctonas de Galicia e outras viñeron de fóra en distintas épocas. “Galicia é unha das zonas do mundo con maior variedade de vides. Pode influír o amor á terra das xentes, o minifundio, unha viticultura de consumo propio en cada familia… Todos estes factores permitiron esta conservación con tantas variedades e unha enorme riqueza que forma parte do patrimonio agrario europeo de forma destacada”.
As sementes que apareceron no Areal “estaban perfectas” e iso permitiu facer o traballo que se fixo. “A simple vista xa estaba claro que eran de vides. Non é sinxelo atopalas así. A explicación podería ser o consumo de uva en fresco, ou tamén a elaboración de viño e que quedase alí o bagazo”. Poden ser os primeiros antepasados do albariño ou incluso o propio albariño, xa que a similitude é enorme e sorprendente. “Eu distingo unha semente de albariño, mencía ou treixadura, porque cada unha ten as súas medidas. Igual que a folla das variedades é diferente, pois as sementes e os acios tamén”.
O estudo de ADN que está por chegar
Agora o que lles queda é facer unha análise de ADN destas sementes recollidas. “Quizais nun futuro poderemos facelo. Se nos animan a financiar un estudo das sementes que se están a atopar nos xacementos arqueolóxicos poderiamos determinar exactamente se estamos a falar de albariño ou dun devanceiro”.
Andrés Teira, arqueólogo da Universidade de Santiago presente no traballo, sinala que as vides silvestres se aproveitaron desde a Prehistoria en Galicia e noutros lugares. “Temos a constancia de que na época romana, ao chegar aquí, as variedades domésticas hibridan coas locais e dan como resultado posiblemente variedades como as que hoxe coñecemos e están espalladas pola nosa viticultura. Necesitariamos máis estudos para constatar se esas variedades son as actuais ou son predecesores que foron evoluíndo. A nivel morfométrico son as máis parecidas, pero habería que continuar investigando no seu ADN. Ao ser de época romana poderiamos saber cando se fixa esta variedade e un pouco a orixe”.
Estas sementas arqueolóxicas empregadas para este estudo de comparanza foron conservadas embebidas en auga, non están carbonizadas. Teñen un aspecto próximo a unha pebida de hoxe en día, pero moito do seu ADN está destruído. Segundo a opinión do arqueólogo, poderíase reconstruir. No Areal tamén apareceron cereixas ou piñas que están como se soterrasen hoxe. Se fose nun ambiente dunha cova ou nun ambiente árido, a preservación tería sido incluso mellor. A salina do Areal funcionou desde o século I ata o século III. As cubetas onde se decantaba o sal apareceron como vertedoiro da xente que vivía na zona. “Ao final van aparecer máis sementes seguro. Estas son as primeiras que ven a luz, pero non serán as últimas nin as únicas Poderemos ter un mapa moito máis completo das variedades galegas de viño a través dos xacementos arqueolóxicos”, conclúe Andrés Teira.
Deixa unha resposta