As mellores vacas do mundo fan dieta galega

O proxecto Fisterra Bovine World encara a recta final para elixir a raza con carne de mellor calidade

Exemplares das vacas da finca de Trasmonte (Ames)

Dous anos despois do seu inicio está a punto de culminar un experimento moi orixinal e arriscado para descubrir cal é a carne de vacún con mellor calidade do mundo. Hai uns días foron sacrificadas no matadoiro de Bandeira (Pontevedra) os 28 exemplares de 13 razas que conviviron e compartiron a mesma dieta durante 24 meses nunha finca de Trasmonte (Ames). A finais de marzo ou principios de abril coñeceremos cal é a raza que produce a mellor carne do mundo cando se cría nas mesmas condicións.

Exemplares de razas tan emblemáticas coma Angus, Hereford, Wagyu, Dexter, Simmental, ou Rubia Galega se alimentaron cos mesmos pastos e millo e recibiron os mellores coidados nunhas condicións climáticas moi axeitadas para a cría. “Para elas foi como vivir nun hotel, podían comer o que quiseran e pastar libremente. A verdade é que o momento do sacrificio foi algo duro para nós porque lles colles cariño”, sinala o responsable de Marketing de Discarlux, Carlos González.

O proxecto Fisterra Bovine World comezou con unha idea que se lles ocorreu a Carlos Ronda e José Portas, socios da empresa de distribución cárnica madrileña Discarlux, cando viron o documental Steak Revolution no que o director Franck Ribière e o carniceiro Yves-Marie Le Bourdonnec viaxan na procura da mellor carne do mundo. A idea foi darlle a volta ao proceso e traer a Galicia as mellores razas de vacún para ver o resultado final despois de alimentalas e mantelas nas mesmas condicións climáticas.

A entrada da granxa de Fisterra Bovine World

A entrada da granxa de Fisterra Bovine World

Trasmonte foi o lugar elixido polas súas peculiares características. Atópase a uns 25 quilómetros da costa, nunha das zonas de Galicia no que Discarlux xa dera con magníficos exemplares de vacún. Os animais foron alimentados cunha mestura de tres tipos de millo do país e nunhas condicións que reproducen os coidados tradicionais na gandería galega: cortello pequeno, unha semana de cada mes comendo nos pastos e moito agarimo por parte dos coidadores. É o modelo galego que consiste en criar un animal como se fose un máis da familia e case non ten comparación co que se fai noutros lugares do mundo.

González sinala que a convivencia dos animais durante este tempo foi moi boa e non se produciron incidencias significativas, máis alá dalgunha enfermidade común. Hoxe visita o matadoiro de Bandeira un grupo selecto de críticos gastronómicos e carniceiros que realizará unha primeira valoración visual dos cortes da carne.

Hoxe visita Bandeira un grupo de críticos gastronómicos e carniceiros que fará unha primeira valoración da carne

En marzo terá lugar unha cata gastronómica na que participarán destacados cociñeiros, críticos e carniceiros e, finalmente, realizarase unha análise físico-química da carne. Tendo en conta todos estes factores elixirase a mellor carne deste experimento.

A carne destas vacas é das mellores razas do mundo

A carne destas vacas é das mellores razas do mundo

Os expertos vanse fixar en todos os detalles e nesta primeira proba visual prestarán atención a factores como a graxa exterior, a infiltración da carne e a cor. A cata gastronómica terá lugar en Madrid e o resultado final poderase coñecer a finais de marzo ou principios de abril.

O proxecto non rematará aquí xa que Discarlux pretende criar exemplares das razas gañadoras na mesma finca de Trasmonte no que se levou a cabo o experimento. Un dos obxectivos da empresa con este proxecto é difundir a imaxe de Galicia como un lugar ideal para levar a cabo a cría de gando vacún polas súas condicións climáticas e polo coidado artesanal dos animais.

Neste auténtico Mundial da produción cárnica é complicado sinalar favoritos porque exemplares de razas como a Wagyu, Angus ou Simmental son sacrificados normalmente aos 25-30 meses de vida e aquí chegaron case aos 60 meses de vida cun método de crianza distinto ao habitual, polo que os resultados poden ser sorprendentes.

A representación galega que recaeu na Rubia Galega, a Cachena e a Limiá tamén teñen boas posibilidades e sempre hai que ter en conta que xogaban na casa. Discarlux exporta carne de Rubia Galega a diversos países do mundo onde é moi valorada pola súa calidade. Agardemos que as nosas vacas poidan conseguir un bo posto nesta insólita competencia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *