“Estamos ante o magosto máis antigo de Galicia”, proclamaban con humor dende a cooperativa Árbore Arqueoloxía, despois de atopar algo insólito: unhas castañas perfectamente conservadas dende hai 1.200 anos no Castelo Grande de Mos. Son os achados máis salientables da segunda intervención arqueolóxica nesta fortaleza, que tiña unha función de control e vixilancia sobre o Val do Louro.
A acidez da terra de Galicia fai inusual un achado como este. Porque a materia orgánica desintégrase con maior rapidez que noutras zonas. Por iso estas tres castañas supoñen un fito arqueolóxico, xa que non é doado atopar restos orgánicos tan ben conservados con esta antigüidade.
Pero os achados nestes traballos arqueolóxicos, cuxos resultados foron presentados a finais do 2019, non quedan no magosto. Porque os investigadores atoparon tamén unha cuncha da ostra, cunha datación que se sitúa nuns 900 anos e amosa como nesta zona do interior, pero preto da ría de Vigo, os habitantes consumían produtos do mar.
A clave para a conservación das castañas é moi similar ao que aconteceu no castro de Nabás, en Nigrán, onde un incendio permitiu atopar restos de madeiras e outros materiais orgánicos de hai dous mil anos.
Deixa unha resposta